Mércores, Setembro 11, 2024
ActualidadeXornada

En Sanxenxo Corredoiras atiza e fai campión a Adri Pastoriza

Durante as primeiras carreiras todo transcorría segundo o previsto polo equipo local, Lúa de Forza. Corredoiras tiña dificultades coas dimensións dos campos e as súas billardas perdíanse entre o fento e os toxos dos terreos anexos ao Campo de Billarda de Nantes. Os eucaliptos que rodeaban o Campo de Billarda foran cortados coa intención de apartar as sombras refrescantes dos corpos da xente do Morrazo. Ás 5 e media da tarde o sol espichaba os seus raios sobre as cabezas de xogadoras e xogadores da beira sur da Ría de Pontevedra e non deixaba que desenvolvesen o seu xogo de golpes agrestes e rudos, bastos, nunha palabra. As billardas de Corredoiras non paraban no campo.

FINALISTAS

Desta maneira, a primeira fase de grupos concluíu cun equilibrio de forzas entre os dous primeiros equipos da xeral, Corredoiras obtivo 24 ptos e Lúa de Forza 23. Gharaboto conseguía 17 ptos, Rinoceronte 14 ptos e Valpaços 12 ptos. Pois ben, na fase de cruces eliminatorios foi onde se decidiu a xornada e probablemente os títulos nas categorías individual absoluta e na categoría de equipos. A partir dese momento decisivo os xogadores de Bueu estiveron impecables e foron avanzando e eliminando rivais ata chegar á final a 4 con 3 xogadores. O único que aguantou o ritmo de remada da tripulación de Bueu foi Piru. Nesta final os 3 xogadores de Corredoiras ocuparon as tres primeiras posicións.

Ganou a xornada Adri Pastoriza, segundo foi Manolo Outeiro e terceiro Ricar Verde, os tres de Corredoiras Bueu. Na Categoría Feminina, unha das integrantes de Corredoiras tamén se fixo coa vitoria, Bego Ríos. segunda foi Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceira Mónica de Gharaboto de Marín. Na Categoría Infantil, o vencedor foi o Raio Verde Xián. Segundo foi Hugo de Gharaboto e terceira Lucía de Valpaços.

Podemos escribir, sen temor a cometer faltas de ortografía, e afirmar que Corredoiras sentenciou o Título da categoría de equipos e Adri Pastoriza a categoría individual absoluta. Así como, Gharaboto o título de Equipos Femininos. Os outros títulos xa estaban decididos. Bego é campioa en individual feminina e Xián en individual infantil.

Os podios aínda non están completados nin cerrados. En Individual Absoluta o segundo posto do podio está case decidido a favor de Xan e a terceira praza é a que deberán xogarse Che e Piru na última xornada de Marín.

Na Categoría Individual feminina hai 4 xogadoras para dous postos de podio. O segundo chanzo teno María Caride con 59 ptos e o terceiro Lu con 57. Aspirantes a estas prazas son Adriana con 56 ptos e Antía con 51 ptos. Calquera delas pode acceder ao podio e calquera delas pode quedarse fóra. Certamente, María Caride ten unha lixeira vantaxe e Antía tería que entrar en todas as carreiras para ter posibilidades de podio.

En Individual Infantil, todo o peixe está vendido, cociñado e servido. O Raio Verde repite título, Hugo será subcampión e Antía terceira.

As prazas de podio en Categoría de Equipos só están ao alcance de Lúa de Forza e de Gharaboto. O que hai que decidir na última xornada é a posición de cada un deles. O equipo de Sanxenxo ten 16 ptos de marxe, pero, a xornada xogarase en Marín, territorio de Gharaboto e todo é posible. O podio en Equipos femininos está decidido e ben decidido, pois Gharaboto é un merecido triunfador e Valpaços levará de novo o subcampionato. Corredoiras será terceiro.

Ben, resoltas estas cuestións aristocráticas dos podios, debemos analizar as posicións máis humildes e, non obstante, cruciais que dan dereito a ser finalista da Liga Atlántica 2021-2022. Estas finais disputaranse o 26 de xuño en Paiosaco, A Laracha, A Coruña. A falta dunha xornada, as últimas posicións de finalista nas categorías individuais están a lume de carozo ou, dito doutra maneira máis comprensible, hai varias persoas que están fóra desas prazas que teñen posibilidades de entrar e outras persoas que están dentro que poderían quedar fóra. A cor dourada marca a estremeira do abismo da non clasificación para as finais.

Outra clasificación interesante é a que se iniciou na xornada 12 e finalizará coas puntuacións da última xornada. Esta clasificación é para escoller a selección Sur que se enfrontará á selección Norte o día 23 de xullo en Abegondo nun torneo que será televisado pola TVG 2. Aquí as cousas están moito máis apertadas, sobre todo, nas últimas posicións. Adri xa está clasificado matematicamente. Os outros 3 representantes da Absoluta terán que ganarse a súa selección na derradeira xornada, aínda que Xan e Piru téñeno moi encamiñado. Nas representantes femininas da selección Sur, podemos considerar que Bego xa está clasificada, salvo, desfeita inimaxinable. A outra praza está empatada entre Lu e Elena Glez. Xián ten praza segura na categoría infantil e a outra praza parece que será para Antía, mais non se debe descoidar, pois, Hugo ten potencial para acadar os ptos suficientes para superala. Ademais, podería darse o caso que Xián entrase na categoría Absoluta, está a 3 ptos da cuarta praza que ocupa Álvaro. Desta maneira, o Raio Verde deixaría a súa posición en infantil e a praza pasaría a quen ocupase a terceira posición, polo tanto, Mauro tamén ten opcións.

FOTOCHARRI

Última xornada Marín 18 xuño

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *