Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

Abel Ponte gana, segundo Riveiro, en vez de palán usou un madeiro

A penúltima xornada do Noroeste celebrouse no campo Ponte do Sal, da parroquia de Soandres do concello da Laracha, e como se dunha profecía poética e épica se tratase ganou Abel Ponte. Tamén coñecido por Abel o bo, para diferencialo do outro Abel, Abel o … o que xoga en Cochiqueiros, vaia. Destacar a segunda posición de Alberto Riveiro que o elevou na clasificación xeral a ser o número 1 do equipo APB esta temporada e iso que faltou a unha xornada. O único Riveiro menos ácido que o Albariño está demostrando que o seu crecemento non ten límites. A secretaría técnica de Campo da Feira estase dando conta que cometeu unha enorme equivocación cando desbotou a súa incorporación á canteira do equipo de Paiosaco.

O terreo estaba en perfectas condicións cousa que se demostrou nas boas puntuacións, salvo contadas excepcións. Ganou Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Riveiro de APB A Laracha e terceiro Collazo de Campo da Feira. En categoría feminina, pois, en categoría feminina temos que lamentar un erro na anotación dos ptos (para cando árbitros profesionais na billarda?) e debemos deixar en suspenso o podio feminino, xa que, houbo 3 palanadoras que empataron a 6 ptos que debían desempatar e só o fixeron dúas. Está en mans da xuíza única do comité de apelación a decisión a tomar. En fin, Merche, Marisa e Raquel fixeron 6 ptos. En Categoría Infantil ganou Aleixo de Cochiqueiros de Cerceda, segundo foi Roy e terceiro Kevin, os dous de APB. En equipos venceu Campo da Feira, segundo foi APB e terceiro Cochiqueiros.

A xornada deixa un gran beneficiado que é o equipo da Laracha, APB. Coa súa segunda posición e, sobre todo, cos 61 ptos que fixo tomou unha distancia case definitiva para obter a segunda praza de finalista. Agora, ten 15 ptos de marxe sobre Filloas de Sangue. Campo da Feira non tivo rival no Noroeste durante toda a temporada e xa pensa que este ano si vai ser campión galego. Lembremos que as finais serán en Paiosaco, sede do equipo feirante. Na categoría absoluta o título decidirase na última xornada entre Xan e Collazo. A terceira posición de podio será para Juan Carlos. En categoría feminina Mercedes proclamarase campioa na vindeira xornada se Silvia ou Delia non o remedian cunha actuación estelar. En Infantil Abel é campión unha temporada máis, Kevin será subcampión e Valentín e Roy disputaranse a última praza de podio. Sepáraos un só pto.

As 3 últimas prazas de finalista están no aire e Lois Fontán, Ricardo e Berdillo deberán defendelas ante o acoso de Eladio, Viqueira, Josecho e Iván. En categoría feminina, Mercedes, Silvia e Delia teñen case asegurada a praza, e serán Isa, Sonia, Auri e Raquel quen se xoguen a última posición de finalista 2022.

A outra clasificación, a que se contabiliza para formar a Selección Norte queda desta maneira a falta dos ptos da última xornada.

Viqueira deu un paso de xigante cos seus 16 ptos e meteuse en posición de selección, desbancando de momento a Roi. Non obstante, tanto Abel Ponte, Roi e Riveiro teñen posibilidades reais de optar a esa posición e máis á de Óscar Ponte, quen non debe descoidarse, pois só ten 2 ptos de marxe sobre a zona de corte. Mercedes e Merche teñen praza e Silvia, Sonia e Delia son as que poden alcanzalas aínda. Abel Ponte e Valentín son os elixidos, de momento, na categoría infantil. Aleixo é o único que pode alcanzar a segunda posición de Valentín.

Exemplo visual de que o golpe de revés é un recurso necesario e algunhas veces imprescindible, e que cando cadra sae ben e cando non cadra sae mal.

FOTEGASA

ÚLTIMA XORNADA 19 XUÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *