14 xornada RÍAS BAIXAS. Bueu.
A xornada de Bueu parece o escenario ideal para o enfrontamento definitivo entre as tres escuadras máis potentes do mundo da billarda. Tres equipos con títulos de Conferencia e Títulos Nacionais. O equipo local, Corredoiras, xoga co terreo de xogo a favor, pois están preparando os pedregullos e as fochancas que favorezan o seu xogo máis vulgar, ordinario ou prosaico, e dificulte o estilo depurado, técnico e poético de Lúa de Forza. Gharaboto axexa, vixía, espreita. O equipo de Marín ben en tendencia ascendente e non se descarta que poida meterse na lea polo título.
A clasificación na Categoría Absoluta está mirando ao final de liga. Son tres xornadas as que faltan por disputar para decidir o novo campión Rías Baixas 2021-2022. Optan a este título 4 xogadores, Xan, Adri, Che e Piru. Piru teno moi difícil xa que son 14 ptos os que debería remontar, cousa que se nos antolla moi complicada, difícil ou case imposible. As posibilidades de Che están intactas, non obstante, acabamos de saber de fontes ben informadas que o campión da Super Copa non vai acudir a Bueu por motivos familiares. “Non vou a Bueu“, afirmou Che. “Quero darlles algo de vantaxe aos meus rivais, xa que, nas dúas últimas xornadas vou facer 18 ptos de media“. Entón, se se produce a ausencia de Che, os candidatos ao título quedarían reducidos a Adri e Xan.
A zona que tamén esperta o interese competitivo é a que dá dereito a participar nas finais 2022 que se disputarán o 26 de xuño e organiza este ano a Conferencia Noroeste. Son 19 prazas de finalista, a día de hoxe, as que corresponden ás Rías Baixas. Podemos afirmar que 14 destas prazas están aseguradas, salvo que algunha das persoas que ocupan esas posicións sufra unha lesión, teña unha viaxe do INSERSO ou padeza unha abdución por parte dunha nave extraterrestre e non acuda ás últimas 3 xornadas de liga.
Desta maneira, quedarían 4 prazas que aínda non estarían aseguradas. A partir de Chicho, 15º, con 69 ptos ata Luís Gon, na posición 19º, con 66 ptos nada está claro, pois, José Manuel con 63 e na posición 20º está a só 3 ptos da última praza de finalista. Así, Peque, Juanchi, Charri e Luís Gon deberán defender posición ante as ameazas de José Manuel, Luís Camiña, Hugo, Martín e Albino Veiga. Aínda teñen tamén posibilidades Ricardo Lois, María Caride, Cris e Adriana, xa que, pode haber algunha persoa que falte a algunha das 3 xornadas por diferentes motivos.
Na categoría Feminina, o título está decidido e o interese céntrase en definir as outras dúas prazas de podio. María Caride con 55, Lu con 53 e Adriana con 52 xogaranse esas posicións. Son 3 palanadoras de moito nivel e a porfía estará ao nivel do talento destas xogadoras.
As prazas de finalista son 12 e nestes momentos 10 desas prazas están bastante aseguradas. Diremos que hai 2 prazas por definir, que serían as que ocupan actualmente Yaiza e Marisa con 24 ptos. Lucía con 19 terá as súas opcións, igual que Casilda e Elena Sabarís con 16 ptos, Marga e Lita con 15 ptos. Van ter que acadar 4 ou 5 ptos de media por xornada. De todas as maneiras, hai que buscar a mellor clasificación, pois pode haber algunha baixa de última hora entre as xogadoras que teñen praza.
Na Categoría de Equipos, as prazas de finalista están decididas e falta por confirmar as posicións do podio e o título. Son 3 equipos os que manteñen esperanzas de ser campións, Corredoiras, Lúa de Forza e Gharaboto. Estes mesmos equipos serán os que representen ás Rías Baixas nas finais 2022.
Billarda nos medios de comunicación
A xornada da fin de semana pasada no Noroeste, 14 xornada Ponteceso, apareceu en medios dixitais e en papel. Así, os medios nos que aparece a crónica e imaxes da xornada de Ponteceso son, páxina web de Que pasa na costa.gal, ademais de na web de Bisbarra en xogo e no facebook de Bisbarra en xogo , tamén no facebook de Diario de Laracha e na súa web Diario de Laracha. Nas webs de Dxt campeón, La Voz de Galicia, edición Carballo
En papel, apareceu en Nós Diario e na Voz de Galicia, Carballo.