Venres, Abril 19, 2024
ActualidadeXornada

En Ponteceso a Collazo non lle tremeu o brazo.

O MELGA é un elo desa universal cadea de recursos materiais que fan posible a supervivencia do patrimonio lúdico da humanidade. Así, o material do xogo da billarda ten un lugar nese marabilloso edificio do MELGA, situado en Ponteceso, servindo como obxecto de museo e como ferramenta didáctica para as presentes e futuras xeracións. Ao mesmo tempo, no exterior hai un espazo de xogos que serviu para disputar a 14 xornada da Liga Atlántica de Billarda, Noroeste.

Certo que detrás de cada elemento material ou inmaterial hai persoas e neste caso tamén sucede así. Ricardo Pérez y Verdes é o director do MELGA, ademais dun entusiasta dos deportes tradicionais. Deportista de corazón, divulgador de alma e profesor universitario de oficio, o xeneroso Ricardo, apoia toda iniciativa que busque coidar, recuperar e promover os deportes tradicionais. Neste caso, é unha persoa que sempre nos facilita as instalacións exteriores do museo para organizar xornadas de liga e abertos de billarda. Desde a Federación Galega de Deporte Autóctono agradecemos a Ricardo os agasallos que entregou a todos os nenos, menos nenos e maiores que participaron, ademais dos trofeos para os podios da xornada. E non vos perdades este audiovisual de Ricardo dando o golpe inicial da xornada con axilidade e destreza.

No ámbito competitivo, Collazo de Campo da Feira de Paiosaco fíxose co triunfo, segundo foi Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, e terceiro David de Cochiqueiros de Cerceda. En categoría feminina, ganou Merche de APB A Laracha, segunda foi Marisa de Lúa de Forza e terceira Sonia de Cochiqueiros. En categoría infantil, foi primeiro Lucas Varela de Campo da Feira, segundo Abel Ponte do mesmo equipo e terceiro Kevin de APB. En categoría de equipos, ganou Campo da Feira, segundo Cochiqueiros e terceiro APB.

A presenza de Collazo no máis alto do podio é algo que a ninguén sorprende. Tampouco é sorpresa que Xan subira ao podio. O que si asombrou, admirou e confundiu a expertas, analistas e persoas en xeral, tanto do eido rural como do urbano, foi que David subira a esas alturas do podio. Hai que dicir que David tivo unha actuación sobresaínte, obtendo a segunda puntuación máis alta da xornada con 19 ptos. A aposta de Cochiqueiros por este palanador está dando os seus froitos. Van chegando os primeiros trofeos que haberá que empeñar para comprar billardas. Outra cousa é o uso que lle dá aos trofeos o equipo da cochica (ver foto de abaixo obtida no cuartel xeral de Cochiqueiros).

A xornada trouxo como nova de alcance o cambio na segunda posición da xeral de equipos. APB non botou en falta ao tornado da Laracha, Añón, nin aos xogadores de Trasancos e sobrepúxose cunha notable actuación de Riveiro, 14 ptos e Lito, 13 ptos, e cun suficiente rendemento de Roi, 8 ptos, e de Merche, 8 ptos. Filloas de Sangue non tivo unha grande actuación dos seus tenores. Así, Gándara sumou 11 ptos, Insua, 10 ptos, Lois, 8 ptos e Miranda, 8 ptos. Agora, APB é segundo con 2 ptos máis que Filloas. Na primeria posición da xornada, unha vez máis, e van 12 xornadas, Campo da Feira. Collazo sumou 22 ptos, Juan Carlos, 16 ptos, Marc, 14 ptos e Edu, 12 ptos. Outra das situacións salientable foi a segunda posición de Cochiqueiros. Si, estades lendo correctamente. O equipo máis débil do Noroeste, se atendemos aos ptos clasificatorios, quedou segundo e a só 10 ptos do todopoderoso e case invencible Campo da Feira. Os alicerces sobre os que descansou esta actuación maxistral do equipo rosado foron David, 19 ptos, Berdi, 16 ptos, Viqueira, 11 ptos e Alberte, 8 ptos.

Sumados os ptos, as clasificacións xerais mostran un panorama definido para os títulos Individual Infantil e Equipos. Son campións 2021-2022 Abel Ponte e Campo da Feira, respectivamente, a falta de 2 xornadas. En Individual feminina e en Individual Absoluta haberá que seguir esperando se Collazo é quen de sumar 9 ptos máis que Xan Rodiño nas dúas xornadas que faltan e se Silvia ou Delia fan o mesmo con Mercedes.

Nas prazas de finalista entrou Berdillo despois dunha actuación moi boa e deixa a Josecho fóra, de momento. Eladio aínda está a tiro de entrar entre os elixidos. Os demais están moi lonxe xa, mais nunca se sabe. Viqueira con 132 está a 14 ptos da última praza de finalista a falta de 2 xornadas. Teno difícil, aínda que non imposible, pois pode haber ausencias ou afundimentos psicolóxicos nalgunha das xornadas que restan.

En equipos, a segunda praza da xeral concede praza de finalista e todo semella que os 2 ptos de vantaxe de APB non son definitivos. Non obstante, a dinámica de resistencia de Filloas pode verse superada pola incorporación de Lito Pena, o Garett Bale da billarda. Vai xogar cando lle cadra e cando non ten que durmir as súas 10 horiñas.

A carreira para escoller ás xogadoras e xogadores que formarán a escuadra Norte que se enfrontará á escuadra Sur está no punto álxido, pois a falta de 2 xornadas as posicións están desta maneira que mostra a gráfica de abaixo.

FOTEGASA

Antes do comezo da xornada, a Federación Galega DEPAU homenaxeou a Gándara por cumprir 100 xornadas de liga. Outro centenario máis. Despois de Lois Fontán, Berdillo, Viqueira, Collazo e Xulio, Gándara é o sexto centenario do Noroeste. Parabéns, José de Anido.

Despois da xornada houbo un ágape degustación de empanadas e sobremesa que trouxeron de Baio, a familia de Valentín. Tamén, foi a presentación oficial da sidra Mirándara, elaborada por Miranda e Gándara, dous xogadores de Filloas de Sangue. Podemos confirmar que non ten efectos afrodisíacos, nin sustancias psicótropas, como afirmaban os Filloas.

VINDEIRA CITA

15 XORNADA A LARACHA

5 XUÑO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *