Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

Has de ir ao MELGA de Ponteceso a bater na billarda co garabullo teso

A cita con Ponteceso, co MELGA (Museo Etnolúdico Galego) e con Ricardo Pérez y Verdes está servida. Será este vindeiro domingo 22 de maio, ás 11 h. no espazo lúdico recreativo que hai a carón do MELGA. Pista mixta cos primeiros 15 metros de cemento e co resto da superficie acolchada con Verdes herbas. Un lugar máxico para a práctica da billarda.

As cousas da competición están abondo definidas para as prazas de podio en todas as categorías, ou iso semella. De todas as maneiras, sempre hai algunha praza que pode variar. O título de Conferencia dispútano Xan Rodiño e Collazo, que están separados por 13 ptos. Significa isto que haberá que esperar ata a última xornada para definir o campión. A terceira praza de podio está máis apertada que nunca e Juan Carlos ten 2 ptos de vantaxe sobre Óscar Ponte. Na Categoría feminina Mercedes avantaxa a Delia en 5 ptos. Pensamos que entre as dúas vai estar o título, con vantaxe para a de Campo da Feira. Delia ten que aspirar ao título e ao mesmo tempo coidarse que non a alcancen Silvia, Isa, Sonia ou Marisa, pois, estas 5 xogadoras están nunha diferenza moi pequena de ptos. Na Categoría Infantil xa temos Campión. Outro ano máis será Abel Ponte. Kevin será segundo. A verdadeira emoción está na terceira praza que se disputarán Óscar García, Roy e Valentín, separados por 5 ptos. Na Categoría de equipos Campo da Feira revalidará título de xeito matemático na xornada de Ponteceso. A segunda e terceira praza de podio está no aire. Filloas este ano está mostrando un nivel moi alto e non quere deixar a segunda posición. APB situouse a 4 ptos e leva varias xornadas ameazando a posición de Filloas, mais o equipo herculino resiste. Na categoría de varados, temos un virtual campión en Collazo, salvo que algunha das xornadas que falten se teña que xogar a cuberto. O segundo posto tamén está case decidido para Xan. Na terceira posición de podio hai un empate entre Juan Carlos e Óscar Ponte.

Se nas clasificacións de podios e título de Conferencia as cousas xóganse entre poucos xogadores e xogadoras, as prazas para participar nas finais da Liga Atlántica de Billarda 2022 están abertas a máis xogadores e xogadoras.

Na categoría absoluta, pensamos que desde Ricardo ata Viqueira as posicións están por conseguir. En Feminina, Silvia, Isa e Sonia xogaranse dúas das prazas de finalista as outras dúas van ser para Mercedes e Delia. En Equipos a praza de Campo da Feira é segura e a de Filloas está ameazada por APB.

Despois está a clasificación para decidir os integrantes da Selección Norte que se enfronte á selección Sur no evento televisado pola TVG de finais de xullo. As dúas prazas femininas están ao alcance de só 4 mulleres, Mercedes, Delia, Sonia e Silvia. Unha das dúas prazas infantís cremos que xa ten dono que é Abel Ponte, e a outra decidirase entre Aleixo e Valentín. Para as 4 prazas da categoría absoluta hai moitos candidatos, aínda que Juan Carlos e Óscar Ponte tomaron unha vantaxe importante. Todos os demais deberán estar concentrados para non ter unha mala xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *