Luís Camiña ganou en Soutomaior, porque nas billardas bateu con primor.
Os luíses levaron a Gharaboto ata a vitoria. Gharaboto ganou a xornada con 46 ptos. Sumaron Luís Camiña, 14 ptos, Luís Piru, 14 ptos, LuísGon, 9 ptos e Álvaro, 9 ptos. Desta maneira, manteñen as esperanzas de optar ao título, pois o equipo parecía que se desinchara nas xornadas 10 e 11 nas que non superaran os 30 ptos. Nestas dúas últimas xornadas comezou unha recuperación que levou a Gharaboto a superar a barreira da trintena que sempre é sinal de boa xornada. Agora sitúase a 20 ptos do primeiro posto de Corredoiras. En segunda posición quedou Lúa de Forza, con 38 ptos. Sumaron Xián, 11 ptos, Carolo, 10 ptos, Xan, 10 ptos e Lu, 7 ptos. Agora a verde lúa queda a 2 ptos do líder Corredoiras. Terceiro da xornada foi o equipo de Bueu, que acadou 37 ptos. Sumaron Adri, 11 ptos, Charri, 9 ptos, Salva, 9 pts e Bego 8 ptos. Mantén o liderado por dous ptos de diferencia e a próxima xornada xógase en Bueu, polo tanto, podemos considerar moi boa xornada, posto que só cederon un pto con relación a Lúa de Forza.
Os demais equipos non chegaron á trintena de ptos. Así, Rinoceronte quedouse en 24 ptos. Sumaron Che 10 ptos, José Manuel, 6 ptos, Gonzalo, 4 ptos e Cris, 4 ptos. Despois, Valpaços chegou aos 19 ptos. Sumados por Albino Veiga, 8 ptos, Belmira, 4 ptos, Adriana, 4 ptos e Tania 3 ptos. Armadiña acadou os 15 ptos. Sumaron Manu, 8 ptos, Cho, 5 ptos, Elena Sabarís, 1 pto e Naia, 1 pto. Finalmente, Campo da Feira chegou a conseguir a asombrosa cifra de 2 ptos. Certo que o fixo cun único xogador, xa que, os demais compañeiros de equipo non se atreveron a acompañar a Xulio Ponte. O home tivo que soportar as temperaturas tropicais das Rías Baixas e non se adaptou ao requeimón que acompañou a xornada. Bastante fixo con non caer tombado por unha lipotimia. Vaia, o feirante ten un porte señorial e distinguido que dá algunha imaxe aproveitable, sobre todo, co novo obxectivo que mercou Charri para a súa cámara. 1.400 euros de investimento para estar á altura das fotos do Grande EGASA.
Vitoria contundente de Luís Camiña de Gharaboto de Marín, segundo foi o seu compañeiro de equipo, Piru e terceiro quedou Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo. En categoría feminina, ganou Bego de Corredoiras Bueu, por diante de Lu de Lúa de Forza e de Elena González de Gharaboto. En categoría infantil, triunfo de Mauro de Lúa de Forza, segundo foi O Raio Verde Xián do mesmo equipo e terceira quedou Antía de Gharaboto.
ACTAS
A superficie de terra, con zonas de herba nas proximidades do varal, foi esixente e foron 7 xogadores os que alcanzaron ou superaron a decena de ptos. Pola outra beira, houbo 14 persoas que non conseguiron entrar en ningunha das 4 carreiras. Desta vez, foi a calor o condicionante que máis influíu no acerto ou desacerto. Había que refuxiarse nas sombras para evitar a deshidratación. Aínda así, non houbo que lamentar esvaecementos e incluso o máis veterano xogador da Liga Atlántica de Billarda, Ricardo Basdedios, cos seus 84 anos metidos no corpo, puido desprazarse con elegancia por enriba do seco patio de recreo do Colexio Apostol Santiago, resistir a insolación e entrar con 2 ptos na primeira carreira. Despois, desfondouse un pouco.
A carreira para formar parte da Selección Sur subiu un chanzo máis cara ao ceo de finais de xullo, cando se televisará pola canle TVG o enfrontamento NORTE-SUR. Agora, e a día de hoxe, faltando 3 xornadas por disputarse a selección estaría formada por Adri, Xan, Luís Camiña, Piru, Lu, Elena Glez, Xián e Mauro. Non obstante, non hai nada definitivo.
En canto ás clasificacións xerais, as cousas apertáronse na carreira polo título de Equipos. Gharaboto restoulle 9 ptos a Corredoiras e 8 ptos a Lúa de Forza. Ao mesmo tempo, Lúa restoulle un pto a Corredoiras. Os tres equipos, sen dúbidas, serán os que representen ás Rías Baixas nas finais deste 2022. En equipos femininos Gharaboto volveu ganar e xa se distancia en 20 ptos de Valpaços Terra Quente. Vai ser difícil que se lle escape o novo título ás de Marín. En Infantil, Xián deu un pulo importante e xa deixa a Hugo a 19 ptos. Antía mantense firme na terceira posición e Mauro vai ter case imposible acadar esa terceira praza do podio. En categoría feminina, Bego ten o título no peto. O interese céntrase nas dúas competidoras que a acompañarán no podio. María Caride é segunda, pero Lu está atravesando os mellores resultados da temporada e xa é segunda a 3 ptos da de Gharaboto. Adriana está un punto por debaixo da de Lúa de Forza e será un dura rival. Antía aínda non renunciou ao podio, xa que, son 9 ptos os que a separan da terceira posición. Na categoría absoluta, Adri empatou no primeiro posto con Xan, quen está por diante por maior número de xornadas ganadas, 3 contra 2 do de Corredoiras. Che mantense a 6 ptos e Piru acercouse a 14 ptos do liderado. Faltan 3 xornadas e a disputa polo título e o podio continuará entre estes 4 xogadores. O resto de competidores están moi lonxe. Faltan as xornadas de Bueu, Sanxenxo e Marín.
Despois está o interese por ver quen se clasificará para disputar as finais 2022 da Liga Atlántica de Billarda que este ano serán no Noroeste. A día de hoxe as prazas que corresponderían ás Rías Baixas son 19 na categoría absoluta e 12 na feminina. Estas prazas corresponden segundo os datos de participación. Aínda faltan 3 xornadas por celebrarse, mais poucos cambios haberá de aquí ao final, se acaso, variará unha praza na categoría absoluta.
Antes do comezo da xornada, houbo unha pequena homenaxe de recoñecemento a tres persoas que cumpriron esta temporada as 100 xornadas de Liga de Billarda nas Rías Baixas. Martín Caneda, Lita Domínguez e José Manuel Veleiro recibiron un recordo en forma de cadro coas súas imaxes golpeando a billarda. Si, como podedes observar nas fotos de abaixo, detrás dos centenarios estaba o Farruquiño do Rexenxo co micrófono na man e sentado nun tallo. O lacazán do Farruquiño botou uns alalás para amenizar a cerimonia, e botounos sentado, como non!