Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

En abril chega a billarda a Narón, no auténtico mes do ballón.

O paseo marítimo de Xuvia, en Narón, foi acondicionado para acoller a xornada 12 da Liga Atlántica de Billarda Noroeste. Este deporte marabilloso fai parada en Terras de Trasancos. O Gran David Corral leva tres meses fertilizando con humus da Terra de Trasancos o terreo. E que ben loce a herba con ese alimento nutritivo e equilibrado. Corral e os seus compañeiros intensificaron os adestramentos no campo de xogo co único e cristián obxectivo de continuar por enriba de APB no seu camiño cara ás finais de billarda.

Xogadores de Filloas de Sangue adestrando en Narón, no paseo marítimo do Xuvia.

O que sucede é que esta intensiva preparación dos filloas non sabemos se acertaría co escenario nin coa roupa que se vai ter que usar o domingo vindeiro. Abril ten intencións propias e o domingo 24 os seus particulares propósitos. E resulta que está previsto que o ceo de abril regue con intensidade toda a mañá dese domingo 24. Conclusión, haberá que botar man do pavillón do Local social de Sedes, na parroquia de Santo Estevo de Sedes (Narón).

Esta circunstancia tampouco desagrada aos integrantes do equipo coruñés, debido a que teñen nas súas filas a expertos na arte do esssssVARADO. Na superficie esvaradía do pavillón teñen a especialistas como Gándara, Miranda, Fontán, Corral, Josecho… en definitiva, van ter unha oportunidade grandiosa para despegarse na xeral de APB. Ademais, fontes próximas ao club da Laracha, manifestáronnos que van ter as ausencias de Cotelo e Ricardo, cousa que debilita aos hemorráxicos. Tamén, pode suceder que os xogadores de APB nativos das Terras de Trasancos dean unha alegría deportiva e por unha vez deixen de ter sede as vésperas da xornada e durman as súas 8 horas.

En fin, todo é posible se a xornada se disputa en pavillón, incluso que o case invencible Campo da Feira se vexa sorprendido ou que o tapaburatos Cochiqueiros gane a xornada. Vaia! tampouco hai que esaxerar tanto. No entanto, seguro que ninguén se dá por descartado para sumar un bo saco de ptos, que en pavillón están máis á man. Ollo que con esta xornada comeza a contabilizarse a puntuación para formar parte da selección Norte que participará no seguinte evento de billarda televisado.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *