Adri Pastoriza gana facendo un varado monumental e foi nada menos que na final.
Chegou a Lúa Chea de abril e con ela a segunda vitoria de Lúa de Forza. O equipo verde conseguiu a maior puntuación dun equipo esta temporada con 50 ptos, cousa que vai ser difícil superar ou igualar. En individual, Adri de Corredoiras Bueu foi un vendaval sobre a herba artificial da Reiboa. Fixo 3 grandiosos varados e un deles na final. Segundo foi Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro quedou Salgue de Valpaços Terra Quente de Vigo. En feminina Elena Glez de Gharaboto de Marín venceu por diante de Lu de Lúa de Forza e de Antía tamén de Gharaboto. En Infantil o Raio Verde de Lúa de Forza, Xián, foi o ganador, segundo foi Óscar Caldas de Armadiña de Combarro e terceiro Mauro de Lúa de Forza. En equipos ganou Lúa de Forza, por diante de Corredoiras e de Gharaboto. En equipos femininos venceu Gharaboto, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Corredoiras.
A xornada permitiu que fora máis doado que noutras ocasións entrar coa billarda no varal. Entre outras cousas, pola uniformidade do terreo de herba artificial e o efecto de rebote que as boliñas de caucho negro posibilitaban. Todo isto, condimentado cun sopro de bastantes metros por segundo do vento a favor. Daquela, as puntuacións estiveron por enriba das outras xornadas disputadas. O exemplo claro foi que dous equipos estiveron por enriba dos 40 ptos e mesmo un deles chegou aos 50 ptos.
Resaltar a actuación de Adri, que ademais de ganar a xornada foi quen de facer 3 varados durante a competición. Este feito colosal vai ser complicado repetilo por alguén máis, xa que, falamos de dimensións olímpicas dos campos de xogo, ou sexa, 50 m de longo por 20 m de ancho. Juanchi, tamén fixo un varado. Hai que subliñar a actuación de Gerardo con 11 ptos, sobre todo, porque o do Grove levaba unha media de 2 ptos nas 11 xornadas anteriores e ninguén se esperaba esta chea de ptos. Entre os destacados da xornada podemos incluír a Juanchi, quen con 12 ptos supera a decena por vez primeira na temporada. Os demais xogadores que superaron os dous díxitos son xogadores que ocupan as prazas de privilexio da xeral, como Xan, Adri, Ricar, Álvaro, Cho e Ricoy.
A Categoría Absoluta segue encabezada por Xan Rodiño e agora Adri está a só 1 ptos do de Lúa. Che obtivo 8 ptos e baixou ata á terceira posición, non porque tivera unha mala actuación, senón porque os dous primeiros tiveron unhas puntuacións excepcionais. Piru obtivo a mesma puntuación que Che e mantense cuarto e con posibilidades de ameazar o podio nestas 4 xornadas que faltan. Despois están Manu e Ricar a moita distancia como para pensar que optarán ao podio.
Na Categoría Feminina, Elena e Lu foron as mellores da xornada e con 8 ptos e superaron en 3 ptos a Bego, Antía e Chefa que conseguiron 5 ptos. Bego mantense no liderado con moita distancia. O segundo e terceiro postos son os que estarán disputados ata o final. María Caride con 52 e Adriana con 48 ocupan esas prazas, mais a ausencia de Adriana a esta xornada e os poucos ptos feitos por María Caride fixeron que Lu con 46 se acercase con paso firme a esas prazas. Antía con 40 ptos e Elena Glez con 35 están ao axexo.
Na Categoría Infantil o Raio aproveitou ben a ausencia de Hugo e agora sitúase con 68 ptos e xa está 9 ptos por enriba do de Gharaboto. Na terceira posición aséntase Antía con 40 ptos. Mauro con 22 ptos ocupa o cuarto posto a moita distancia e non cremos que poida optar ao podio.
Na Categoría de Equipos, Lúa de forza con 50 ptos acercouse moito a Corredoiras. Agora son 3 ptos os que ten de vantaxe o equipo de Bueu. Gharaboto mantén a terceira posición a 26 ptos da segunda posición e cunha vantaxe de 68 ptos sobre Rinoceronte. Deste modo, podemos asegurar ou prognosticar que o podio de equipos xa está definido e que só falta saber a orde. Corredoiras, Lúa de Forza e Gharaboto vanse repartir os postos unha temporada máis. O cuarto e quinto posto estará entre Rinoceronte e Armadiña. Hai 13 ptos de vantaxe do equipo do corno sobre Armadiña. Ese posto vai estar no aire, pois o equipo de Combarro ten unha media de ptos superior a Rinoceronte, o que pasou foi que Armadiña non acudiu a unha xornada de liga. Valpaços Terra Quente será sexto.
Na Categoría de Equipos Femininos, Gharaboto deu unha trabada de 20 ptos nesta xornada e pode ser definitiva para o título, pois Valpaços obtivo a puntuación máis baixa da temporada con 7 ptos. As ausencias de Adriana, Tania e Yolanda lastraron ao equipo de Vigo. Corredoiras mantén con comodidade a terceira posición e Lúa de Forza é cuarto coa única intención de manter a posición. Armadiña é quinto e Rinoceronte sexto.
Entre as novidades desta fin de semana está a incorporación de dous xogadores nos equipos que encabezan a xeral. Desta maneira, Corredoiras non quere que se lle escape o título e recuperou a Salva para afrontar a recta final de temporada. O xogador de Bueu é un talento da billarda que levaba tempo sen xogar e nesta ocasión tivo que facelo escaiolado, pois sufriu unha lesión deportiva no astrágalo do pé esquerdo. Aínda así, demostrou que ten un dos brazos máis potentes da billarda. Escapóuselle o varado por centímetros en varias ocasións.
Por outra beira, Lúa de Forza quere achegarse ao líder Corredoiras e fichou á promesa de Monteporreiro, Vázquez “O Bárbaro”. Debutou na Liga de Billarda e fíxoo con 7 ptos e deixando unhas sensacións magníficas. O potencial teno, agora fáltalle perfeccionar a técnica, pulir a táctica e reducir a preparación física, pois non lle caben tantos músculos dentro da camiseta.
Outro xogador que levaba tempo sen vir era Salgue e non se lle notou a inactividade. Subiu ao podio da xornada e con 13 ptos entrou na selección. O histórico xogador de Paquete Pinchas demostrou que o golpeo non se perde co paso do tempo, senón que se volve máis preciso e sereno.
Outro xogador que levaba tempo sen ter unha boa actuación é Luís Camiña, que agora compaxina a Liga de Petanca e a Liga de Billarda. Vendo a imaxe de abaixo, podemos dicir que o gaiteiro de Marín pode coas dúas competicións, xa que, as súas condicións físicas semella que melloran co paso do tempo.
Nesta xornada de Poio iniciouse o camiño cara ao Campionato de Seleccións Norte-Sur que se disputará en xullo e que será televisado pola TVG2. Para confeccionar esta selección do Sur teranse en conta os resultados das 5 últimas xornadas da Liga Atlántica, Conferencia Rías Baixas. Serán 4 prazas na Categoría Absoluta e 2 prazas nas Categorías Feminina e Infantil. Despois da primeira destas 5 xornadas a selección formaríana Adri, Xan, Salgue, Ricoy, Lu, Elena Glez, Xián e Óscar Caldas.
FOTOCHARRI
As imaxes, coa silueta do Monte Castrove ao fondo, son espectaculares, nalgún caso soberbias, noutros casos sensacionais e en ningunha delas falta o titánico e gallardo xeito de golpear desas deportistas e deportistas galegos que mamaron da teta campesiña.