O CICLÓN de Moscoso arrasou a ARMENTEIRA e foi implacable durante a xornada enteira
A superficie do campo do Leixo semellaba aquela terra firme, consistente e fiable que sementou de camiños o universo rural galego e que servía para conectar parroquias, aldeas, lugares, leiras, veigas, eirados e terreiros. A instalación deportiva de Meis é un paraíso para xogar billarda, cousa que debemos destacar como se merece. Grazas ao Armenteira CF e ao Concello de Meis por ofrecernos a oportunidade de usar estas magníficas instalacións deportivas con servizo de bar e vestiarios.
De cando en vez, as condicións climatolóxicas engádenlle épica a este deporte marabilloso, cousa que sucedeu no Leixo. Ao estar nun lugar elevado ao norte da Ría de Pontevedra, pois o bóreas soprou para dificultar o pinchado da billarda e cubrir os corpos con prendas de protección. Só algunha persoa destemida e intrépida mostrou os brazos debaixo das mangas curtas da camiseta.
No aspecto competitivo, o Ciclón de Moscoso que se formou o sábado 26 de marzo na zona da Coruña mantivo a súa forza e intensidade e arrasou o terreo areoso do Campo de fútbol do Leixo na Armenteira. Che, O Ciclón de Moscoso, foi confirmando golpe tras golpe que a tarde en Meis non tería outro ganador que o Rinoceronte e así foi. Na fase de grupos entrou en dous golpes nas dúas primeiras carreiras e en tres nas outras dúas. No primeiro cruce eliminou a Albino Veiga e a Beni e nas semis a Abel Regueira. Na final, deixou por debaixo aos seus máximos rivais para o título de Conferencia, Xan e Adri, cun golpe brutal de desempate, aínda que Adri golpeou a billarda máis lonxe, esta bateu fóra dos límites do terreo de xogo. Cuarto quedou Daniel, que volveu despois de dúas xornadas ausente por una lesión de ombro e demostrou, cos 13 ptos, que está á altura dos primeiros da xeral.
Só 5 xogadores chegaron ao dous díxitos, os catro que disputaron a final e máis Piru. En categoría de Equipos ganou Rinoceronte grazas ás actuacións sobranceiras de Che e Daniel, entre os dous sumaron máis ptos que 5 dos equipos participantes na xornada. Fixeron 30 ptos, entre os dous. En Equipos Femininos, Gharaboto mantén o liderado. O equipo de Marín fixo a puntuación máis baixa dun vencedor de xornada, con 9 ptos ganou a xornada por diante de Corredoiras e Valpaços Terra Quente. En categoría Infantil ganou o Raio Verde, segunda foi Lucía de Valpaços e terceira Antía de Gharaboto. En categoría Feminina ganou Bego de Corredoiras, por diante de María Caride e de Adriana.
Despois de sumar os ptos, a cousa ponse a lume de carozo nos postos de privilexio. Así, na Categoría de Equipo, Lúa de Forza superou a Corredoiras en 3 ptos e a Gharaboto en 10 ptos. Desta maneira, Corredoiras mantén o liderado, a 10 ptos sitúase o equipo de Sanxenxo e a 21 ptos queda Gharaboto. Rinoceronte supera a Armadiña na cuarta praza, sexto queda Valpaços Terra Quente, sétimo Campo da Feira e oitavo Cochiqueiros.
En canto á categoría de Equipo femenino a cousa está coma sempre, con Gharaboto e Valpaços disputándose o título en cada xornada. A diferenza foi mínima, pois o equipo marinense ganou a xornada pola mínima distancia dun pto. Agora avantaxa en 4 ptos á escuadra de Vigo. Corredoiras mantense na terceira praza a moita distancia do segundo posto e do cuarto que ocupa Lúa de Forza, despois vén Armadiña e Rinoceronte.
Nas categorías individuais, a situación na categoría Absoluta segue igual, Xan líder, mais, agora empatado con Che e con Adri a 3 ptos. Piru mantén o pulso e aguanta o ritmo dos tres tenores, aínda con dificultades, xa que, distanciouse no liderado 12 ptos. Na categoría Feminina Bego continúa dominando con comodidade. A emoción continúa na segunda e terceira praza. María Caride defendeu a súa posición fronte a Adriana. Lu distanciouse un par de ptos máis do podio e agora é cuarta. Na categoría Infantil o Raio verde aproveito a ausencia de Hugo e situouse no liderado que perdera na pasada xornada, cando el mesmo non puido xogar. Agora, a distancia entre os dous claros favoritos para o título é de 3 ptos a favor de Xián. Antía mantense comodamente na terceira praza e Mauro é cuarto ameazado pola chegada de Lucía, quen lle empatou a ptos.
Acudiu á chamada do Mosteiro da Armenteira unha representación devota do Noroeste. De Campo da Feira de Paiosaco achegáronse Collazo, Eladio e Juan Carlos. De Cochiqueiros da Billarda de Cerceda viñeron Berdi e Abel Regueiro.
Vaia, a visita guiada ao Mosteiro e degustación de pan sacramentado integral sentoulles ben e desta vez todos pasaron a primeira fase de grupos. Certo, a enerxía do pan duroulles ata ese primeiro cruce no que sufriron a deshidratación e o mal de altura . Só Juan Carlos e Abel Regueiro avanzaron ata semis, nas que perderon contra Daniel e Che respectivamente.