Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeXornada

O ALBARIÑO tumba a Riveiro. SUPER COPA e Torneo de Primavera.

O sábado 26 de marzo xa é historia do deporte galego. Non é necesario explicar con palabras o alí sucedido. Desta vez, usaremos varias imaxes elocuentes. Mais, para aquelas persoas que se alimentan coa lectura diremos o seguinte.

Ás 17 h. comezou a Súper Copa de Billarda baixo un ceo óptimo e primaveral. Doce persoas comezaron a golpear billardas con algo de ambición, bastante devezo e moita afouteza. Chegadas as 17:45h., a derradeira carreira estaba rematando. As xogadoras e xogadores ofreceron un espectáculo grandioso, tanto polos potentes golpes que realizaron como polos outros golpes non tan eficaces. Incluso se presenciou unha caída con pirueta acrobática incluída, que debería formar parte do patrimonio inmaterial galego. Xián de Lúa de Forza Sanxenxo, Alberte de Cochiqueiros de Cerceda, Cotelo de APB da Laracha, Sonia de Cochiqueiros e Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo perderon o primeiro enfrontamento. Manu Pozo de Billardeiros Musicais de Ribadeo, Ricoy de Lúa de Forza e Collazo de Campo da Feira de Paiosaco perderon en semifinais. Na final, Che de Rinoceronte de Pontevedra foi o xusto vencedor. Completaron o podio Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo e Ricar de Corredoiras Bueu.

O despregue de medios técnicos queda patente e presente na imaxe da mesa de comentaristas. Patricia R. Juste e Berdi narraron con paixón o acontecido e calaron con sabedoría cando era necesario. Amais, tiveron ao seu alcance a última xeración da tecnoloxía de recoñecemento de voz. As pantallas táctiles son o pasado, a partir de agora a voz humana vai dominar e ordenar.

Na entrega de trofeos, ademais dos triunfadores da Súper Copa, Che o súper campión, secundado por Xan Rodiño e Ricar, estiveron presentes as dúas figuras máis destacadas do evento deportivo, o asistente de varal e o asistente de banda. Entenderedes o seu protagonismo ao contemplar as imaxes de máis abaixo.

Pois ben, o espectáculo deportivo foi sublime. Xogadoras e xogadores deron golpes potentes, outros menos potentes e outros calamitosos, cousa que contribuíu a resaltar aínda máis ese espectáculo. Cousa a parte foi a actuación dos asistentes. Imos co primeiro, do cal preservaremos a súa identidade pola súa seguridade física e só escribiremos as súas iniciais O.P.

Si, si, recibindo unha chamada en plena competición. Con quen falaba ou se lle estaba entrando unha transferencia bancaria só el o sabe. De momento non se abriu ningunha dilixencia sobre este particular.

O asistente de varal, o intrépido Riveiro, nun alarde de axilidade, flexibilidade e moito sangue frío, salvou os fociños. Desde a federación de ximnasia rítmica confirmáronnos que esa pirueta acrobática en movemento de recuada e caída de glúteos obtería a máis alta puntuación, tendo en conta o grao de dificultade da rutina, a impresión artística e a execución realizada. Excelente Riveiro.

Por outra banda, está o tema máis serio da intencionalidade do Che. Deberá entrar de oficio o Comité de Disciplina para dilucidar se houbo agresión ou se só foi un impacto accidental?

Vaia, para ter imaxes máis fiables podedes ver unha e outra vez e mirar outra vez máis as imaxes completas da Súper Copa na web da crtvg. Así, poderedes xulgar por vos mesmas, por vos mesmos.

Torneo Primavera 2022

Unha vez finalizada a Súper Copa de Billarda xogouse o Torneo de Primavera que xuntou a cerca de 40 persoas. A xente estaba cobizosa por gozar do campo de billarda especialmente montado para a retransmisión deportiva. Bego de Corredoiras ganou o Torneo, por diante de Berdillo e Collazo.

Non é preciso nin conveniente lembrar que como sucedeu no desenlace da Súper Copa, tamén no Torneo de Primavera subiron ao máis alto do podio absoluto unha xogadora e ao podio infantil un xogador das Rías Baixas.

En categoría infantil o Raio non tivo rival, acaso Valentín fíxolle algo de resistencia. O xogador de Filloas ten unha zurda prodixiosa.

FOTEGASA

Vindeira xornada de Liga Atlántica, Conferencia Rías Baixas

sábado 2 abril Armenteira-MEIS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *