BILLARDA EN OLEIROS, domingo 13 febreiro, 9ª xornada, e repercusións en Lanzarote do paso do Moreno de Tahíche pola Liga Atlántica de Billarda
Non hai fronteiras para a práctica da billarda. Desta vez, foi a fichaxe por Campo da Feira dun xogador galego-conejero, Luís Tomás, a que provocou un impacto na illa de Lanzarote. Dous medios deportivos dos máis influentes da Illa informaron sobre este acontecemento histórico que pode servir para ese futuro equipo de billarda de Tahíche, cidade na que vive Luís Tomás. En definitiva, “O Moreno de Tahíche” foi entrevistado en directo no programa radiofónico deportivo de Onda Cero Lanzarote (desde minuto 33 ao 40). O novo xogador de billarda de Campo da Feira explicou que a súa fichaxe non incumpre o límite salarial da Liga Atlántica de Billarda como algún equipo da Conferencia Noroeste afirmaba e que o seu salario é o máis elevado do equipo de Paiosaco, obviamente, xa que, o seu talento deportivo así o esixe.
Lanzarotedeportiva.com web de referencia do deporte na illa conejera tamén informa da sensacional actuación do Moreno de Tahíche na Liga Atlántica de Billarda. As letras da páxina lanzan un grandioso reto, o de celebrar unha xornada de billarda entre Lanzarote e Galicia, ida e volta. Desde a Federación Galega de Deporte Autóctono recibiuse con alegría esa posibilidade futura. “Unir para compartir cultura e deporte cunha illa na que tantas galegas e galegos viven e traballan será marabilloso“, dixéronnos desde a Federación Galega DEPAU.
Estas novas de ledicia para o deporte autóctono galego non están libres de algunha polémica. Así, sabemos de boas e potables fontes que os equipos do Noroeste piden que se investiguen as contas do equipo feirante, pois sospeitan que supere o límite salarial. Por outra beira, no mesmo equipo hai descontento polo salario que vai cobrar Luís Tomás. O representante de Collazo xa solicitou reunirse coa xunta directiva para negociar o aumento de salario para que o antebrazo máis potente da Liga volva ser o mellor pagado do equipo.
Na imaxe de abaixo vemos a Luís Tomás coa súa nova roupa deportiva de Campo da Feira. Ademais de salario e roupa deportiva Campo da Feira debe asumir os gastos de desprazamento desde Lanzarote cada fin de semana de liga. Desde as oficinas de FEI dinnos que estará todo ben atado e empaquetado cando asinen o contrato de patrocinio cunha marca comercial da aeronáutica internacional.
A actualidade non se detén e o domingo 13 febreiro xogarase a 9ª xornada en Oleiros. Será a primeira vez que se organice unha xornada de Billarda en Oleiros da Liga Atlántica de Billarda. Xa se xogaran varias xornadas en Oleiros nos comezos da LNB Conferencia Noroeste, tanto na temporada 2009-2010 como na 2011-2012. O regreso dos paláns e as billardas era agardado. Será no Parque dos Regos, lugar que conta tamén cunha pista deportiva cuberta no caso que a choiva impida xogar na zona de herba do parque.
Veremos se o Moreno de Tahíche pode viaxar desde Lanzarote para disputar esta xornada ou se Campo da Feira lle dará descanso despois dunha semana de tanto desgaste nas entrevistas dos medios de comunicación e de poucas horas de sono entre recepcións institucionais e roldas de prensa.