Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

ABERTO DE BILLARDA NAS ENCROBAS, CERCEDA.

Oitavo ano que se celebra o Aberto Moncho Valcarce na pista de superficie mixta, baldosa de cemento e herba, única no mundo que ten un desnivel do 4% na súa parte final de herba, antes da entrada no varal. No lugar de Pontoxo, ao carón da igrexa románica de San Román das Encrobas e preto do monumento a Moncho Valcarce, sucederá un ano máis unha xuntanza deportiva que servirá de homenaxe ao cura das Encrobas.

Ademais, os equipos aproveitarán para rodar ás súas fichaxes de inverno. Así, o Moreno de Tahíche, que está a proba con Campo da Feira, terá a oportunidade de demostrar que xa superou o período de adaptación e desta vez pode entrar no varal, aínda que sexa en algunha das carreiras. A presenza do galego-canario, Luís Tomás, na xornada disputada o pasado domingo en Sada captou a atención de todos os medios deportivos, tanto en papel como dixitais, Bisbarra en xogoEl diario de A Laracha e DxT Campeón.

O que nos preguntamos é de onde vai sacar os cartos Campo da Feira para pagar o billete de avión desde Fuerteventura, lugar de residencia do Moreno de Tahíche, cando teña que vir xogar algunha xornada de liga. Segundo nos informan desde Paiosaco, o equipo da Feira xa ten amarrado o patrocinio cunha compañía aérea e cunha Indicación Xeográfica, de moito prestixio as dúas. Na imaxe de abaixo aparece FEI co seu novo patrocinio que lle reportará a liquidez necesaria para afrontar os desprazamentos de Luís Tomás desde Fuerteventura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *