Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeXornada

A billarda chegou a SADA na oitava xornada

Sada foi escenario dunha xornada espléndida de sol e billarda. Primeiro queremos dar as grazas ao Concello de Sada pola súa colaboración na organización desta oitava xornada no marco incomparable do Paseo Marítimo de Sada. O Alcalde de Sada, Benito Portela, a Concelleira de Educación e Deportes, María Nogareda e o Técnico de Deportes, Juan Devesa, foron os encargados de facer a entrega de trofeos doados polo Concello.

Esta xornada estivo marcada pola destacada presenza dun xogador canario de billarda, Luís, fichado durante 15 días por Campo da Feira. Se nestes 15 días o Conejero convence ao equipo de Paiosaco pode conseguir un contrato de larga duración. Luís notou o cambio na regulamentación e custoulle adaptarse aos paláns e billardas galegas e, sobre todo, o que máis lle sorprendeu foi o tamaño dos varais e cando tivo que facer de xuíz de varal pasouno bastante mal.

O palanador canario afirmou que o máis importante era participar e a pesar de non entrar en ningunha das carreiras o seu estilo depurado e académico deixou fonda pegada nos centos de persoas que presenciaron a xornada, que aplaudiron os seus golpes con entusiasmo. A xente que se acercou ao paseo marítimo de Sada, cantaba a coro…

“Pío, pío, canario dálle dereito,

pío, pío, canario dálle con xeito,

pío, pío, canario mete a billarda,

pío, pío, canario métea no varal”.

En definitiva, o insular e bronceado Luís quere demostrar nestes 15 días que a billarda canaria está por enriba da billarda galega e para iso vaise poñer en mans dun técnico deportivo de prestixio, o grande Araña de Peisaco. O seu próximo reto é facerse co título no Torneo Moncho Valcarce do vindeiro domingo 30 de xaneiro que se disputará no Pontoxo, as Encrobas.

Outra presenza que nos encheu de ledicia foi a reaparición de Landras. O polifacético anacoreta aproveito para presentar o modelo de roupa deportiva para a práctica da billarda. Na imaxe de abaixo podedes apreciar a equilibrio perfecto entre estética cromática e comodidade, entre refinamento e utilidade, entre encanto e artificio, tanto no calzado como na roupa. Unha proposta brillante e atrevida para usar nesta estación invernal.

Ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, seguido de Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e de Martín Caneda tamén de Lúa. En feminina foi primeira Lola de Rinoceronte de Compostela, segunda Delia de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e terceira Marisa de Lúa de Forza. En Infantil ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi Kevin de APB A Laracha e terceiro Roy deste mesmo equipo. En equipos, primeiro foi Campo da Feira, segundo Lúa de Forza e terceiro Filloas de Sangue da Coruña.

Salientar as actuacións de Martín Caneda e de Josecho, dous xogadores que chegaron por vez primeira á final. A xornada foi propicia para Campo da Feira que volveu ganar, para Filloas de Sangue que lle sacou vantaxe a APB, o seu gran rival para esa segunda praza tan cobizada. Agora o equipo da Coruña avantaxa en 8 ptos ao equipo da Laracha. Cochiqueiros tivo unha actuación moi decente sobre todo pola destacada actuación dos seus xogadores franquía, Berdi e Viqueira. APB tiña baixas moi importantes e soubo sufrir, resistir e aguantar o empuxe de Filloas. A loita está servida, e Filloas xa confirma definitivamente que deu un salto de calidade coas incorporacións desta temporada e APB vai ter que esforzarse para superar ao equipo filloeiro. Polo demais, Campo da Feira, non da tregua e o título desta temporada non se lle escapará. En xeral, o campo de herba opuxo resistencia aos bos golpes e as puntuacións foron moi baixas, cousa que tamén ten o seu atractivo.

Non podemos ignorar o acontecemento que sucedeu no desempate feminino para as prazas do podio. Si, houbo que usar por primeira vez a cinta de medición métrica para outorgar a segunda e terceira prazas. En fin, neste enlace pode verse o vídeo da medición con todas as irregularidades producidas. Non podiamos pasar unha xornada sen polémica e desta vez o xuíz, Alberte, veuse superado polos acontecementos e cedeu ás presións de Marisa. Tivo que botar man dunha cinta algo desfasada, xa que, media en varas, pés e palmos. Ao final, a medición foi homologada e todo se solucionou.

Agora, as clasificacións xerais quedan desta forma.

FOTEGASA

A PRÓXIMA XORNADA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *