Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeXornada

SADA novo escenario para a Billarda, domingo 23 xaneiro.

Primeira xornada de Liga do 2022 na Conferencia Noroeste. Chega o ecuador da temporada coa celebración da oitava xornada en Sada. Será no paseo marítimo de Sada, un lugar de alto valor paisaxístico en fronte da praia. Terreo de herba co mar de fondo, magnífico escenario. O concello de Sada colabora coa FG DEPAU para organizar a chegada da Liga Atlántica de Billarda a este concello por primeira vez. As previsións climatolóxicas son excelentes e vaise poder xogar a ceo aberto e cunha temperatura primaveral.

 

No aspecto competitivo, os equipos saben da importancia de comezar forte o novo ano, pois a costa abaixo cara ao final de liga comeza en xaneiro. O máis salientable do que vai de liga é o renacemento do equipo decano do Noroeste, Filloas de Sangue. Así, APB, equipo aspirante histórico ao título e único que podía incomodar o camiño de Campo da Feira, está sendo superado por Filloas. Filloas de Sangue fixo unha aposta forte e reforzou o equipo con xente nova neste deporte que está respondendo con grande eficacia ao reto de volver ás finais nacionais. Cochiqueiros atravesa unha reestruturación que ten ao equipo de Cerceda no máis baixo da táboa. O seu gran mérito foi confeccionar a sección feminina máis potente da Conferencia Noroeste. Chaínzos-Cadaval está a nivel de podio, o que pasa é que teñen difícil achegarse a eses postos, xa que, non presentan a todas as xornadas o mínimo de xogador@s para puntuar. De todos os xeitos, o equipo da chaira ten potencial para sorprender e ganar algunha xornada. De Campo da Feira só se pode confirmar que unha temporada máis levarase o título se non sucede unha catástrofe natural ou humana. O caso do equipo de Paiosaco é único na billarda. Desde que se creou o equipo na temporada 2015-2016 ganou todos os títulos ata 2020-2021 cunha marca inigualable de vitorias en xornadas de liga consecutivas e totais.  Poucas marcas lle quedan por acadar, se acaso, ese título Nacional que tan cerca tivo a temporada pasada.

Así está a clasificación de equipos

 

Un comentario en «SADA novo escenario para a Billarda, domingo 23 xaneiro.»

  • Palán.,.. billa na man. Lembro q dicían algo asim. Tamén que recollían a billa ca roupa pra evitar o tanto.
    ..ou o q fóra. Mañán aì estarei.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *