8 xornada Rías Baixas. Na Armenteira houbo inverniño é foi territorio de Rodiño. En equipos vence Armadiña . Bego e Hugo ganan en feminina e infantil.
Tarde magnífica para a práctica da billarda na Armenteira. O ceo nubrado e a terra batida do Leixo conspiraron para facer un escenario ideal para o salto e golpeo da billarda. Cousa que se notou nas puntuacións, xa que, foi a xornada na que máis xogadores conseguiron ptos, o 77% dos participantes conseguiron entrar no varal polo menos nunha das 4 carreiras. Acudiron por vez primeira nesta temporada xogadores de Campo da Feira, equipo líder da Conferencia Noroeste. Certo que chegaron un pouco desorientados e mareados, pois, tiveron algunha dificultade para encontrar as sinistras estradas que acceden deste a Vía Rápida do Salnés ata a zona montañosa da Armenteira. Os catro fantásticos de FEI chegaron co tempo xusto e non puideron facer o quecemento inicial.
Estiveron presentes durante toda a xornada presenciando o espectáculo a Alcaldesa de Meis, Marta Giraldez, e os concelleiros María Sancho e Martín Casais. Ao final da xornada entregaron os trofeos ás persoas que subiron ao podio. Agradecemos ao concello de Meis as facilidades que nos ofreceron para que a xornada se puidese celebrar no campo do Leixo e tamén os obsequios que achegaron.
A vitoria foi para Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Manu de Armadiña Combarro e terceiro Carolo de Lúa de Forza. En categoría feminina, ganou Bego de Corredoiras de Bueu, segunda Antía de Gharaboto de Marín e terceira María Caride do mesmo equipo. En infantil ganou Hugo de Gharaboto, segundo foi o Raio Verde, Xián de Lúa de Forza e terceiro Mauro do mesmo equipo. En categoría equipos ganou Armadiña, segundo Gharaboto e terceiro Lúa de Forza. En categoría equipos femininos foi primeiro Gharaboto, segundo Corredoiras e terceiro Valpaços Terra Quente de Vigo.
Nesta xornada, o magnífico estado do terreo de xogo de terra colaborou na consecución de mellores puntuacións que noutras xornadas. As forzas están moi igualadas e as diferencias de ptos entre os equipos é mínima. Nesta xornada os equipos do podio estiveron separados por 1 ptos. Armadiña ganou pola posición máis elevada do seu mellor xogador, mais, empatado a ptos con Gharaboto e Lúa de Forza foi terceiro, cun pto menos que os dous equipos anteriores. Corredoiras foi cuarto a 3 ptos do primeiro. Agora, Gharaboto ameaza o liderado de Corredoiras moi seriamente, pois, está a 1 puntiño do equipo de Bueu. Gharaboto mantén o pulso firme e non notou a ausencia de Luís Camiña. Lúa de Forza mantense na terceira posición a 13 ptos do líder e non sabemos se o equipo de Sanxenxo deberá pensar no título ou pensar en manter a praza de podio ante a previsible irrupción de Armadiña que está cuarto. Quinto é Rinoceronte que segue perdendo terreo cos 4 grandes. Sexto é Valpaços Terra Quente que tivo unha xornada moi mala coa súa puntuación máis baixa da temporada. Campo da Feira puntúa por primeira vez e ocupa o último posto. Para esta xornada os equipos presentaron aos seus mellores xogadores. Entre outras ausencias menores, Corredoiras só tivo a ausencia de Outeiro, aínda mancado. En Gharaboto non xogou Luís Camiña. En Lúa faltou Lu. En Armadiña Diego foi o ausente. En Rinoceronte Cris non xogou. En Valpaços faltaron Alfonso, Santiago e Yaiza. Campo da Feira participou co seu equipo C.
Armadiña de Combarro, que sorprendera nas primeiras xornadas, chegando a ser líder, volveu para quedarse. Se noutras xornadas Armadiña tivera problemas de aliñación, desta vez presentou aos seus 5 fantásticos, Manu, Peque, Cho, Rodri e Papi, cousa que se notou. O maxestoso Manu acadou 13 ptos e volveu subir ao podio sendo segundo na clasificación individual da xornada. O neno da Chousa, Peque, ten un poderoso brazo que pon case sempre a billarda aos pés do varal no primeiro golpe. O seu segundo golpe xa é outra cousa. Cho, o temón do equipo, golpea tan duro como a madeira de batea. Rodri, o cadete do equipo, é un potencial enorme, cando consiga golpear sen tanta elevación nas billardas vai obter moitos varados. Papi amosa un golpeo moi potente e cando mellore a efectividade será outro poderoso facedor de varados.
Na categoría de equipos femininos Gharaboto tivo unha puntuación bárbara, sobre todo, polas actuación individuais de Antía e María Caride. Agora o equipo de Marín acercouse moito ao líder Valpaços Terra Quente. Todo indicaba que o gran equipo da Terra Quente tiña enfilado o título, pero agora adquiriu algo de suspense. Corredoiras está terceiro a 38 pts, moitos ptos para pensar que o equipo de Bueu poida meterse na lea polo título.
Nas categorías individuais, pois, Adri mantense firme no máis alto da táboa e só lle recortaron ptos, Xan, Manu e Peque. Agora, aumentou a distancia co segundo clasificado Piru. A terceira praza do podio é de Xan ao superar a Che. Quinto xa se sitúa Manu. Estes cinco están metidos de cheo na loita polo título, xa que, entre eles hai apenas 9 ptos. Peque está a 14 ptos e aínda podería meterse neste grupo sempre que se manteña nos 10 ptos por xornada. Álvaro, Cho e Daniel distanciáronse un pouco máis do título.
En categoría feminina Bego conseguiu máis ptos de vantaxe sobre as súas perseguidoras e vai ser difícil atrapala. Quen tivo unha xornada excelente foi María Caride. A de Gharaboto obtivo 8 ptos e ascendeu ata a segunda praza da xeral. Terceira queda Adriana e cuarta a sorprendente infantil Antía que nesta xornada chegou ata semifinais acadando 9 ptos, cifra absolutamente prodixiosa para unha nena de 10 anos. Quinta é Tania. Podemos concluír que foi unha xornada histórica para María Caride e Antía, as xogadoras de Gharaboto.
En categoría infantil Hugo superou ao Raio Verde na xeral. Agora o de Gharaboto supera a Xián nun punto e por vez primeira na temporada sitúase líder. Antía é terceira, Mauro cuarto e Lucía quinta. Entre estes cinco xogadores están as prazas de podio. Cremos que o título é cousa de Hugo e Xián e a terceira praza de podio disputarano Antía, Mauro e Lucía, aínda que a da Adina ten bastante vantaxe despois da súa actuación brillante nesta xornada.
As forzas están moi igualadas e as diferencias de ptos entre os equipos é mínima. Agora a clasificacións están a lume de biqueira.