Venres, Febreiro 7, 2025
ActualidadeXornada

TORNEO DE BILLARDA DE REIS 9 xaneiro 2022

O Torneo de Reis de Labañou xogado en Castelo, Folgueira, Culleredo xa foi. 37 participantes en 4 grupos, 5 participantes infantís, 6 participantes femininas e 26 participantes máis. O orballo cargado de auga e persistente por momentos non foi quen de impedir a competición. Ben certo que o tellado da pista de Castelo fixo moito para que esa auga aérea non chegase aos corpos humanos de xogadoras e xogadores. En fin, que a mañá estivo enchida de emocións e reencontros. Así, destacamos a reincorporación do Tornado da Laracha, Añón, despois de superar as súas molestias crónicas de ombro. Volveuse oír o berro enxordecedor de Añón, ese bramido salvaxe despois de conseguir un varado. Uuuuuaaaaahhhhhhh… Xa tardaba!

E ollo que a piques estivo o Tornado de meterse na final. Só llo impediu o mellor cantante de boleros da Comarca de Bergantiños, M.M., Manolo Montes. O caso de MM hai que analizalo polo miúdo, pois, tanto no Torneo de Fin de Ano de Paiosaco como neste Torneo de Reis tivo unhas actuacións por enriba das expectativas. Que pasa con MM? Acaso as andainas a través dos paraísos naturais galegos ten un efecto beneficioso no rendemento deportivo? Tal vez a dieta a base de caldo de algas e consomé de flores silvestres favorece a coordinación neuro-musculo-articular? Veremos nos seguintes torneos como se comporta MM.

 

Outra agradable reaparición foi a de Landras. Fixo un oco no seu retiro espiritual e o Anacoreta Norteño baixou ata as terras coruñesas para demostrar que o seu talento non ten límites físicos, nin o seu sistema neurovexetativo ten fronteiras que lle impidan ver no invisible, a través do tempo e a través do espazo. Golpeando a contracorrente e desde o indixenismo billardeiro…

Landras deixou golpes imposibles de revés,

e golpes irrepetibles en zocas de tres pés.

Ademais, apareceu coas medias oficiais de Filloas co seu nome bordado. Un complemento máis do equipo herculino que está revolucionando o mundo da billarda. Xa ten 34 fichas federadas no seu cadro de xogadores e ollo, coas novas incorporacións de Valentín 12 anos e Guillermo 14 anos, a idade media do equipo baixou ata os 38 anos.

Ganou o Torneo Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Manolo Montes de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro foi Collazo do mesmo equipo. En categoría feminina ganou Marisa de Lúa de Forza, segunda foi Raquel de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Sandra de Filloas de Sangue da Coruña. En categoría infantil, ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi Nuno de Filloas de Sangue e terceiro Valentín do mesmo equipo.

Esta é a nota de prensa que emitiu o equipo organizador Filloas de Sangue da Coruña.

Onte celebramos o I ABERTO DE REIS de Labañou de billarda. Puidemos facelo, a pesar das condicións metereolóxicas, grazas á deferencia do Concello de Culleredo que nos cedeu a pista cuberta de Castelo (Folgueira). Agardamos desde FILLOAS DE SANGUE, organizadores do aberto, poder facer o ano 2023 o II ABERTO DE REIS en Labañou, para agradecer á A.VV. FRANCISCO RODRIGUEZ OTERO o seu apoio, non só servindo de acubillo para o noso equipo, senón espallando o noso deporte nas redes sociais.

Foi unha xornada fermosa, na que participaron 40 palanadoras e palanadores de diferentes equipos. Houbo premios para os xogadores:
– A DEPUTACIÓN da CORUÑA achegou os premios para os tres primeiros clasificados de cada categoría (infantil, feminina e absoluta).
– O CONCELLO da CORUÑA fixo doazón de exemplares de IRENE, a pioneira do futbol femenino na Coruña a comezos de século XX, que foron entregados a todas as mulleres participantes.
– Por último agradecer ao Centro Comercial ALCAMPO a entrega de agasallos para os participantes infantís, ademais de augas e zumes para todos.
A billarda segue a medrar.
Billarda sempre!

FOTEGASA

Sabemos que a billarda está de moda e ademais de repetir onte pola mañá por televisión o programa Got Talent 7 coa actuación memorable da billarda temos información sobre outros medios de comunicación que tamén falan da billarda. A revista da plataforma via galega publica unha reportaxe sobre a billarda.

Marzo 2015 un tweet de José Ángel Abad un xornalista asturiano que está de correspondente de Antena 3 en New York fai mención a un artigo publicado nunha páxina web da India, scroll.in que fala da billarda. Artigo escrito por Samia Singh, artista e deseñadora gráfica hindú quen estivo en Carballo no 2015 e entrevistou a Xosé Collazo Regueiro, Collazo.

Exacto. Tivemos unha tarde enteira en Carballo con unha intérprete falando da billarda. Ela cunha gravadora, levou apuntes e tamén fomos ao campo do Chorís a facer unha demostración“, confirmounos Collazo.

Por outra banda, máis recente é a reportaxe dunha televisión dixital arxentina, decembro de 2020 sobre a billarda. Afirman que a Billarda é un xogo que se xogaba na Arxentina e que xa non se xoga. Tamén, din que probablemente foi un xogo introducido por emigrantes que chegaron a Arxentina. Curiosamente, na reportaxe emiten unhas imaxes de persoas xogando e afirman que son imaxes de Colombia, cando realmente son imaxes gravadas no Grove. Sería interesante descubrir como chegaron ás súas mans esas imaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *