Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

GÁNDARA fixo as mellores FILLOAS do último lustro na lareira de Eirís. Raquel vence en categoría feminina. Kevin é primeiro en infantil.

17 de novembro de 2016, Folgueira, Castelo, Culleredo. Esta é a data e o lugar da última vitoria de Filloas nunha xornada de liga de billarda, un lustro. 5 anos e 25 días despois, o equipo decano da Liga Atlántica de Billarda volve ao máis alto do podio. Aquel 17 de novembro, o equipo filloeiro venceu liderado por Andrade (ganador individual da xornada 13 ptos), Gándara (7 ptos) e Lois Fontán (5 ptos). Con só 3 xogadores sumaron 25 ptos e quedaron por diante de Billardeiros Musicais e de Campo da Feira. Desta vez foi Gándara o que ganou en individual (21 ptos) e liderou a Filloas para ganar a xornada, secundado por Morís (16), Josechu (14) e Pedre (12 ptos). Empatou con FEI a 63 ptos e a vitoria de Gándara en individual deulle a vitoria por mellor posición dun xogador de Filloas. Ademais, o equipo coruñés presentou 13 xogadores, cousa que confirma a saúde dun equipo que pasou momentos difíciles nos que o trío máxico e heroico formado por Andrade, Gándara e Fontán mantiveron vivo un soño. E a día de hoxe é realidade o primeiro club de billarda da Coruña. E ollo que o equipo azulón xa se situou segundo na xeral, ou sexa, en praza de Final Galega. Salientar o debut nas súas filas do xogador máis novo de toda a liga, o Ancor, con 3 anos e 8 meses.


Ademais, Campo da Feira rompe unha xeira que duraba desde a xornada 6 da temporada 2019-2020 de vitorias seguidas sen interrupción. 31 xornadas ganando, desde o 24 novembro de 2019 na Laracha, Caión, ata este domingo 12 de decembro de 2021. Naquela ocasión foi APB quen ganou.

Gándara de Filloas de Sangue da Coruña ganou a xornada, seguido de Charli Varela de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro foi Xulio Ponte do mesmo equipo. En categoría Feminina venceu Raquel de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Isa de Campo da Feira e terceira Sonia de Cochiqueiros. En categoría Infantil o ganador foi Kevin de APB, segundo Roy tamén de APB e terceiro Ancor de Filloas de Sangue.

A temperatura ideal para practicar billarda coincidiu coas previsións dos equipos e incluso algún estreou a nova roupa de entretempo. Así, Campo da Feira fixo alarde das prendas de abrigo, con magas e sen mangas, que vai utilizar a partir de agora por enriba da xa tradicional camiseta, pois a elevación das temperaturas que está achegando o cambio climático non vai con eles. Seica xa se preparan para a seguinte glaciación que historicamente segue a unha época de quecemento do planeta.

Por suposto, o equipo da Chaira tamén chegou coa súa vestimenta térmica e o seu calzado de montaña, cousa que fixo suar tanto a Cortón que antes do final da xornada houbo que administrarlle L-carnitina por vía cutánea para acelerar o transporte dos ácidos graxos ao interior das mitocondrias e así producir a enerxía para manter a actividade celular en niveis óptimos para o rendemento deportivo. En fin, algo que xa se sabe desde tempos ancestrais, o corpo hai que alimentalo.

Non se pode esquecer a Cochiqueiros da Billarda que planificaron esta temporada como unha época de transición pacífica cara a un equipo feminino dos máis potentes da Liga Atlántica, á altura das escuadras femininas das Rías Baixas. A sección feminina lévase o 80% do orzamento do equipo, cousa que está dando os seus froitos, pois as súas xogadoras son visitantes habituais dos podios de xornada. Desta vez, tiveron a Raquel como ganadora da xornada e a Sonia no terceiro lugar. Sabemos ademais que están intentando rebentar o mercado coas fichaxes de Isa, a líder actual da categoría, de Campo da Feira, Delia de Chaínzos e de Marisa de Lúa de Forza. “Sabemos que están descontentas polo pouco recoñecemento que teñen as súas traxectorias deportivas e que estarían encantadas de vivir en Cerceda. Non sabemos se poderá ser no mercado de xaneiro”, afirma o director deportivo de Cochiqueiros, Abel Regueiro,  “e senón, esperaremos a que queden libres no vindeiro xuño“. Desta maneira, propoñen, demandan e esixen unha categoría de equipos femininos xa, no Noroeste. O amado líder Berdillo é da mesma opinión, “o futuro do equipo pasa por ter un equipo feminino punteiro“.

ACTAS

Despois de sumar os ptos da xonada de Eirís as clasificacións nos primeiros postos quedan deste xeito.

FOTEGASA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *