ADRI gana en Salcedo e carrexa Corredoiras ata o liderado. Tania domina na categoría feminina. Hugo gana en infantil.
Sétima xornada e sexto líder diferente. Adri saltou da terceira á primeira praza da xeral. O de Corredoiras tivo unha tarde case insuperable, pois chegou aos 16 ptos, puntuación que é a segunda máis elevada de toda a temporada. Só o Rino Daniel foi quen de conseguir máis ptos nunha xornada. Foron 18 ptos os que acadou Daniel na cuarta xornada, cifra que vai ser moi difícil de superar ou igualar. Unha fase de grupos moi esixente para Adri, pois 5 xogadores obtiveron 6 ou máis ptos no seu grupo F. Cousa que fixo que Fari con 6 ptos quedara fóra dos cruces. Algo que non sucedeu en ningún outro grupo, isto, que un xogador con tantos ptos quedara eliminado. Cousas da aplicación que se usa para o sorteo de grupos, aínda que hai persoas que falan de conspiración orquestrada polo equipo de Bueu para recuperar o título das Rías Baixas que merecidamente non ganaron a temporada pasada. Tampouco, somos quen para afondar nas formas e maneiras da fichaxe de Adri, a todas luces, polémica e controvertida, por parte do equipo de atletas. Disto xa se encargará o Tribunal Internacional de Xustiza Deportiva da Unión Europea.
A xornada ganouna Adri de Corredoiras Bueu, segundo e terceiro foron os Got Talent da Billarda, Charri de Corredoiras e Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, respectivamente. En Feminina ganou Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo, segunda foi María Caride de Gharaboto de Marín e terceira Lu de Lúa de Forza. En Infantil ganou Hugo de Gharaboto, segundo foi o Raio Verde Xián de Lúa de Forza e terceira Antía de Gharaboto. En equipos venceu Corredoiras, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Gharaboto. En equipos femininos Valpaços Terra Quente ganou por diante de Gharaboto e de Lúa de Forza.
A vitoria de Adri axudou a Corredoiras a recuperar o liderado de equipos e agora avantaxa en 4 ptos a Gharaboto e en 15 a Lúa de Forza. Os demais equipos quedan agora a 22 ptos Armadiña e a 33 Rinoceronte da última praza de podio. Valpaços ocupa a última praza. En equipos femininos Valpaços volveu ganar a xornada e xa se distancia do seu perseguidor Gharaboto en 18 ptos. Os demais equipos femininos só poden aspirar á terceira praza do caixón.
Sumadas os ptos desta xornada ás clasificacións xerais, podemos apreciar unha característica nova que non é outra que a igualdade que outras temporadas non existía. Este ano, a falta dunha xornada para chegar ao ecuador da temporada, a categoría Absoluta coñece o seu sexto líder e van disputadas 7 xornadas. Os dez primeiros postos están encabezados por Adri, que rematará o ano como líder e cunha vantaxe de 4 ptos sobre Piru e Che. Xan está a 10 ptos e Manu a 11 ptos. Álvaro e Peque quedan a 16 ptos, a 17 ptos está Daniel, Cho a 19 ptos e Ricar a 21 ptos. Na categoría feminina Bego segue firme na primeira praza e con 10 ptos máis que Adriana. Terceira é María Caride a 15 ptos e cuarta e quinta son Yaiza e Lu, respectivamente. Na Categoría infantil o Raio Verde defende a súa primeira posición ante o empuxe de Hugo. O de Gharaboto fixo 2 ptos máis que o Raio e agora achégase a 4 ptos do xogador de Lúa de Forza. Terceira e Antía, quen se distanciou máis de Lucía e Mauro. En equipos Corredoiras deu unha alancada importante, non decisiva, e situouse como líder, por diante de Gharaboto e deixando máis lonxe a Lúa de Forza. Agora son 4 ptos os que separan aos dous primeiros, Corredoiras e Gharaboto. Lúa continúa esperando a oportunidade. Curiosamente o único equipo dos cinco primeiros postos que non ganou ningunha xornada é o equipo verde. Armadiña perde terreo e só a regularidade dos seus tres tenores Manu, Peque e Cho manteñen as esperanzas de asaltar o podio cando recuperen a Rodri, Diego, Papi e Vixo. Rinoceronte está acusando a lesión de ombro de Daniel e están lonxe do podio, exactamente a 33 ptos. Mais, agora hai un descanso dun mes ata a seguinte xornada, entón o equipo do corno non dá por imposible o reto. Valpaços continúa coa súa estratexia de incorporar a xogadoras novas para facer un potente equipo nun lustro. Desta vez foi a luminosa Julia de tan só 4 anos a que debutou co equipo morado.
Aquí quedan algunha das fotos máis espectaculares da xornada.