ZORREGA NA PORTA DO PEITO O INVERNO, ARDE A MADEIRA DA BILLARDA NO INFERNO.
O ruído das pisadas do inverno chegou a Galicia e con el a auga, o vento, o frío, a neve e o lume dos lares. A borrasca Barra asomou o fociño e as gadoupas, mais semella que vai deixar de mollar durante a fin de semana para deixar paso ás últimas xornadas da Liga Atlántica de Billarda. O sábado disputarase a última xornada do ano nas Rías Baixas. Será en Salcedo, Pontevedra.
Os paláns están en todo o alto para decidir quen rematará o 2021 como líder nas categorías individuais e o mesmo nas categorías de equipos, xa que, esta temporada non sucede como en anos anteriores, nos que había unha vantaxe moi clara entre o liderado e o resto de competidores. Este novo sistema de puntuación fai que as distancias sexan curtas nos primeiros postos.
O domingo será en Eirís, A Coruña, onde se celebre a sétima xornada do Noroeste. O campo de fútbol do Eirís SD acollerá un ano máis aos deportistas peor pagados do panorama internacional, cousa que non se corresponde para nada co seu nivel técnico e táctico, a todas luces extraordinario.
O terreo de Eirís sempre deixa imaxes de impacto e dunha estética fotográfica magnífica.
A súa situación nun lugar privilexiado da cidade herculina e a súa superficie de terra fan deste escenario un dos máis desexados por palanadoras e palanadores. Desta vez, foi algo imprevisto, pois inicialmente a xornada estaba planificada para xogar en Carballo, mais non sempre o que está planificado chega a ser realizado. Ao contrario do que puidese parecer este cambio vai beneficiar o espectáculo, pois este campo de xogo ten unhas dimensións que non tería o terreo de Carballo. Ademais, de coincidir cun prognóstico de tempo solleiro e temperatura agradable para esta época. En fin, todo preparado para gozar dunha mañá de billarda.
Aquí quedan algunhas imaxes da xornada da temporada pasada.
No Noroeste as clasificacións teñen unha cor azul Feira, pois o equipo dominante desde hai varios anos non ten rivais, tanto nas categorías individuais como na de equipos. Non obstante, chega o frío e veremos como reaccionan as musculaturas nun escenario de temperaturas xélidas. Polo momento, a única escuadra que apostou por unha cara indumentaria térmica foi Cochiqueiros. Mentres os demais equipos gastaron en camisetas e suadoiros deportivos normais o equipo de Cerceda investiu o 99 % do seu orzamento en traxes térmicos especiais, que lle mercaron á NASA. “A súa eficacia contra a hipotermia está garantida, cousa que os tecidos de algodón non son quen de frear“, afirma o amado líder da Cochica, Berdi.