A prensa deportiva resalta aos grandes triunfadores da fin de semana, XULIO e DELIA.
Os medios de comunicación deportivos informan da actualidade da Liga Atlántica de Billarda con puntualidade temporal, precisión gramatical e riqueza lingüística. Certo, a narrativa deportiva usa algunha que outra das figuras retóricas que permite a literatura coa humilde intención de conmover e suxerir ou, no peor dos casos, entreter e divertir.
Bisbarra en xogo xa é un referente para o deporte da billarda na Bisbarra que se estende por Bergantiños, Arteixo, A Costa, Muros e Xallas. Tanto, na súa revista mensual en papel como a través da súa web fan un seguimento exhaustivo da Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda. Ademais da información precisa dos resultados e das incidencias da xornada, Bisbarra en xogo engade sempre unhas fotografías magníficas de deportistas que fan grande a billarda coas súas competencias técnicas e físicas para golpear unha billarda e que a madeira llo agradeza sen queixarse. Desde La Voz de Galicia, edición Carballo versión dixital publican información sobre a Conferencia Noroeste. Tamén, El diario de Laracha.com faise eco dos resultados das dúas últimas xornadas do Noroeste acompañados das fotos sempre espectaculares da billarda.
Na Conferencia Rías Baixas o referente informativo da billarda é o Diario de Pontevedra na súa edición dixital e de papel. Este xornal dedica unha folla enteira á Liga Atlántica de Billarda.
En Nós diario na edición de papel tamén informan Liga Atlántica de Billarda e das súas dúas Conferencias Noroeste e Rías Baixas.
FOTEGASA
De todas as maneiras, a pesar de tantos medios poñendo os seus ollos na Billarda hai imaxes e momentos que se escapan das crónicas e das páxinas. Instantes e sucesos únicos e estraños, cando non, estrafalarios e excéntricos. Menos mal que sempre nos queda acudir a EGASA, o inquieto reporteiro de Peisaco que pode estar ao mesmo tempo en varios eventos deportivos, e como pode estar, estao, coa cámara do seu móbil sempre presta a captar o que o ollo humano non é quen de ver, nin mirar. Desta vez EGASA desprazouse ata a Ponte da Proba, construción medieval sobre o río Navia ao seu paso por Navia de Suarna, para atender a un acto de promoción da billarda na Comarca dos Ancares. O ganador da xornada de Arteixo celebrada en Folgueira, Xulio Ponte, emulando e superando o festexo que fai a organización de Roland Garros, cando fotografan ao ganador dese célebre torneo de tenis na Tour Eiffel. Ben, pois a billarda tamén ten o seu monumento patrimonial histórico, a Ponte medieval da Proba para fotografar ás ganadoras e ganadores na Liga Atlántica de Billarda. Grande EGASA, unha vez máis. Non hai alteración nin manipulación da realidade na imaxe de abaixo. Tanto Xulio como Delia están tan crecidos e tan enchidos despois das súas vitorias en Folgueira que levitan máis que flotan sobre as augas do río Navia.