Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeXornada

BILLARDA en Arteixo. Conferencia Noroeste. Domingo 28 novembro.

Será no campo de fútbol de Oseiro, Arteixo, no que se celebre a 6ª xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste. Os equipos seguen coa súa preparación e coa chegada do frío veremos como responde a madeira dos paláns e billardas.

O que podemos dicir é que nestas cinco primeiras xornadas houbo unha revolución silenciosa de parte de Filloas de Sangue. O equipo histórico da Coruña reforzou o equipo con intelixencia e despois de ter que darlle a baixa a Landras por non poder asumir o seu salario millonario, reforzouse con xogadores de futuro e presente. Ademais dos tres magníficos, Fontán, Gándara e Miranda, o equipo filloeiro incorporou a Fran Cereijo, Josecho, Pedre e Insua, para formar unha temida e temible escuadra. De momento, conseguiron estar por diante de Cochiqueiros e a tan só 12 ptos do segundo posto de APB. Sen dúbidas é o equipo de moda do Noroeste. Certo que non pode aspirar a ameazar ao todopoderoso Campo da Feira, mais vai dar vida a un podio inamovible desde hai moitas temporadas cos tres equipos de sempre, FEI, APB, COQ. Semella que este ano Cochiqueiros é o equipo sinalado para mirarlle as costas aos demais.

Tamén, chégannos novas do noso correspondente en Bergantiños, Tánator, sobre o equipo da Laracha, APB.

INFORME TÁNATOR

“Como se do equipo da cidade Condal se tratar, os palanadores de APB van caendo lesionados a paso de boi. A enfermería do equipo hemorráxico xa comeza a estar saturada. O Raposo prateado, Cotelo, únese agora á baixa de Lito e do Tornado da Laracha, Añón, todos con problemas nos mangos rotadores supraespinosos e infraelectrocómbucos dos ombreiros. Por aquí colle forza a teoría da conspiración, xa que foi visto un bruxo de maxia negra chegado da selva amazónica comendo filloas en Eirís, despois de saír do aeroporto de Alvedro.  Quen estaría detrás dos movemento deste individuo? Pois, estaría contratado polo combinado celeste da Coruña para desequilibrar APB e tentar acadar o segundo posto da clasificación”.

En fin, de momento non hai probas concluíntes e non podemos confirmar a veracidade do que nos conta Tánator.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *