GHARABOTO vai como unha moto e sitúase líder. Piru gana en Categoría Absoluta e Yaiza faino en feminina.
Gharaboto dálle a volta á tortilla da clasificación e coa súa fantástica vitoria en Moscoso avanza ata a primeira posición da xeral, relegando a Corredoiras á segunda praza. A segunda posición da xornada foi para Lúa de Forza que se mete no último caixón do podio xeral. Corredoiras foi terceiro na xornada. Sumados os ptos da xornada, Armadiña cae ata a cuarta praza e Rinoceronte queda quinto. Valpaços cerra a clasificación. Quinta xornada e terceiro equipo que ocupa a praza de líder. A distancia entre os 5 primeiros equipos da xeral é de 22 ptos, cousa que indica a igualdade existente. Dunha xornada para outra os equipos están intercambiando os postos do podio e da cabeza da táboa.
Piru de Gharaboto ganou a xornada de maneira convincente e mira cara ao título. Segundo foi Ricoy de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Luís Camiña de Gharaboto de Marín. Só catro xogadores chegaron á decena de ptos, os tres do podio e Che, que tamén xogou a final quedando cuarto. O xogador de Moscoso sube na xeral e volve ao máis alto da táboa, lugar que xa ocupou despois da segunda xornada.
Manu, Che, Cho e Daniel xa ocuparon o primeiro posto da xeral nas catro primeiras xornadas respectivamente. Agora, volve o Ciclón de Moscoso a situarse como líder, empatado a ptos con Daniel, outro Rino. Terceiro xa é Piru despois da súa vitoria na xornada. Custa chegar a cifras de dous díxitos na puntuación de xornada, polo tanto, as distancias son curtas entre os primeiros clasificados da xeral, cousa que está alimentando o interese e as posibilidades de ver, por fin, unha liga máis igualada que as anteriores.
Salientar que os talentosos da billarda que acudiron a Got Talent 7, desde que Risco lles dixo “para mi es un no” non levantan cabeza nin billarda. Tanto Xan como Charri, non pasaron da fase de grupos e xa se está pensando en levalos a terapia cognitiva e acupuntura sacro-cranial. “Hai que recuperalos para a alta competición” dicían varias persoas moi importantes do deporte provincial.
Yaiza Valpaços Terra Quente de Vigo ganou a xornada en Categoría Feminina con 9 ptos e sitúase de terceira na xeral despois desta sobresaínte actuación. Bego de Corredoiras quedou segunda e superou na xeral a Adriana. Agora, a de Bueu é líder e avantaxa en 5 ptos á de Vigo. Terceira foi María Caride.
O Raio Verde ganou en Moscoso e continúa firme na primeira posición da xeral infantil, mantendo o pulso con Hugo de Gharaboto, quen foi segundo e ponse a 3 ptos do de Lúa de Forza. Terceiro foi Mauro, tamén de Lúa de Forza, quen se acerca na xeral a Antía que ocupa a terceira posición do podio. Todo fai indicar que a haberá dúas loitas moi atractivas. A primeira será polo título de Conferencia entre Xián e Hugo. A segunda será polo terceiro chabnzo do podio entre Antía e Mauro.
En equipos femininos, venceu unha xornada máis Valpaços e xa van tres. O equipo da Terra Quente deu unha alancada importante na xeral e agora supera a Gharaboto en 19 ptos. Corredoiras mantense nunha cómoda terceira posición.