FIN DE SEMANA DE BILLARDA ATLÁNTICA. Sábado 13 en Moscoso, Pazos de Borbén. Domingo 14 na Silva, Cerceda
San Martiño trouxo un Anticiclón dos bos e xenerosos, daquela as xornadas da Liga Atlántica de Billarda da fin de semana celebraranse baixo un ceo azul e sobre un terreo seco e morno. Así, a Conferencia Rías Baixas leva os varais ata Moscoso, Pazos de Borbén, territorio Rinoceronte. O campo da Lameira foi tratado con coidado para que as súas condicións fosen as ideais para a billarda que practica o equipo do corno, ou sexa, campo cheo de pedregullos, herba, buracos, toxos e algunha que outra zona de trampas naturais. A imaxe do cartel anunciador é ben elocuente, demasiado elocuente.
OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN EN PAPEL INFORMAN DA
LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA
CONFERENCIA NOROESTE
Ao norte, na Silva, Cerceda, a Conferencia Noroeste disputará a quinta xornada no Campo da Feira das Nenas, lugar emblemático e cheo de misterios e acontecementos paranormais. A superficie do campo é de baldosas e cunha lixeira inclinación leste-oeste que fai del un dos máis atractivos para xogar. Tamén, é unha das xornadas máis agardadas do calendario, pois, di A Profecía da Silva que de aquí sairá o elixido. Elixido para que?
Ben, é necesario explicar brevemente a orixe desta Profecía da Silva. Todo nace dun suceso real que aconteceu neste mesmo lugar nunha xornada de liga de billarda, hai xa tanto tempo que poucas persoas se lembran. Pois ben, un xogador que imos manter no anonimato, mandoulle polo aire o palán a outro xogador e petoulle nunha das súas pernas. Se foi intencionado ou non, nunca o saberemos, o que sabemos é que só a intervención divina e a fortaleza física da vítima quixeron que non sufrira ningunha fractura. O curioso é que desde aquel momento o xogador ferido experimentou unha mellora incrible no seu xogo que o levou a ser un dos máis destacados palanadores do Noroeste. Agora chámanlle O Elixido. Ben certo que todo xogador e xogadora busca ser golpeado por ese mesmo palán.
A temporada pasada ganou Viqueira. A xornada da Silva dispútase desde a temporada 2017-2018, aínda que esta primeira temporada xogouse a cuberto en Castenda da Torre. A pregunta que máis se escoita pola comarca de Bergantiños é “acaso serei eu o elixido”, “acaso serei eu a elixida”. O domingo o palán rebenta pernas responderá a estas preguntas.