Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

CORREDOIRAS RESUCITA DESPOIS DO SAMAÍN. Manolo Outeiro gana en Soutomaior. Daniel novo líder Categoría Absoluta. Adriana nova líder en Categoría Feminina.

Corredoiras resucita da tumba deportiva na que estivo metido durante as dúas primeiras xornadas, sería que estaban esperando ao Samaín para darlle un gran susto aos seus rivais e quedarse coa primeira praza da xeral. O Equipo máis laureado da Conferencia Rías Baixas recuperou animicamente a varios xogadores que non estaban rendendo ao seu nivel e en Soutomaior demostrou que o da temporada pasada foi unha travesía do deserto que xa quedou atrás. En Soutomaior, Outeiro colleu a batuta e dirixiu con mestría ao equipo bueués. Charri estaba eufórico e berraba, “agora non imos ter clemencia con aquelas persoas que tanto nos criticaron. Si, foron momentos difíciles nos cales pasear polos camiños, rúas e corredoiras de Beluso e Bueu era un tormento, pois, a xente non entendía o que nos pasaba e poñíannos verdes e amarelos“. En fin, alegrámonos polo equipo corredor, mais só se situou no lugar que lle corresponde, na loita polo podio.

Outeiro de Corredoiras Bueu ganou a xornada, seguido de Daniel de Rinoceronte de Pontevedra e terceiro foi Charri de Corredoiras. En Feminina, foi primeira Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo, segunda foi Lu de Lúa de Forza Sanxenxo e terceira Mónica de Gharaboto de Marín. En Infantil, ganou Hugo de Gharaboto, segundo foi Raio Verde Xián de Lúa de Forza e terceira Antía de Gharaboto. En equipos ganou Corredoiras, segundo foi Rinoceronte e terceiro Gharaboto. En Equipos femininos primeiro foi Gharaboto, segundo foi Valpaços Terra Quente e terceiro Lúa de Forza.

Salientar tres feitos merecedores de falar deles. Primeiro feito, a vitoria de Manolo Outeiro, despois de moito tempo volve ganar unha xornada da Liga de Billarda e xa van 3. Segundo feito destacado foi o da puntuación acadada por Daniel, 18 ptos. Co novo sistema de puntuación non vai ser doado superar ou tan sequera igualar esta puntuación, xa que, o xogador Rino estivo case perfecto na fase de grupos entrando nas catro carreiras en dous golpes. Terceiro feito, o Ciclón de Moscoso, o Che, volveu a mostrar o seu supergolpe de palán e fixo un ciclónico varado, o primeiro que se consegue esta temporada.

Así quedan agora as clasificacións xerais nos primeiros postos. Na categoría equipos femininos ganou a xornada Gharaboto e deste xeito xa se sitúa a 6 ptos do equipo de Vigo, Valpaços Terra Quente que continúa de líder. Terceiro clasificado mantense Corredoiras. Lúa de Forza sube ao cuarto posto e Armadiña queda quinto e sexto segue Rinoceronte.

En Equipos mixtos a clasificación deu un chimpo importante, xa que, Corredoiras alcanza o liderado despois dunha xornada espléndida. O equipo de Bueu pasou do penúltimo posto da xeral ao primeiro posto en tan só dúas xornadas, pero, vaia xornadas! Fixo 82 ptos nas últimas dúas xornadas, mentres que nas dúas primeiras fixera 46. Armadiña mantén o pulso e agora é segundo empatado con Corredoiras. Gharaboto non se despega da loita polo título e sitúouse a 2 ptos deses dous equipos. Lúa perde Forza e xa é cuarto. Rinoceronte recupera folgos e aínda que continúa quinto está a tan só 3 ptos da cuarta praza. Valpaços cerra a clasificación.

A distancia entre os 5 primeiros equipos é de 14 ptos, cousa que mantén as posibilidades intactas destes equipos. Calquera deles está capacitado para ser campión, ao mesmo tempo que calquera deles pode quedar fóra do podio e fóra das finais.

Na Categoría Individual Feminina tamén virou a táboa de puntos e o liderado. Agora é Adriana a que encabeza a xeral seguida de Bego. Terceira segue Mónica. Moi preto desta aparecen Yaiza e María Caride.

Na Categoría Individual Absoluta, Daniel volteou completamente a clasificación coa puntuación máis alta da xornada e atrevémonos a dicir que ninguén vai superar esa marca no que resta de temporada, pois, fixo as catro carreiras de grupo en dous golpes conseguindo así 12 ptos, e quedou segundo da xornada, con 5 ptos máis. Sumado o pto de participación fixo un total de 18 ptos. Cho baixa á segunda posición. Che e Adri están empatados na terceira e cuarta prazas. Entre o líder e o oitavo clasificado Peque hai 10 ptos de distancia.

Na Categoría Individual Infantil Hugo acercouse ao liderado que mantén Xián, cun pto de vantaxe. Antía afianza a terceira praza e Mauro é cuarto.

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *