ECOS DAS XORNADAS DISPUTADAS E NOVA XORNADA 30 OUTUBRO
CONFERENCIA NOROESTE
Desde o comezo de temporada o Comité Técnico da Conferencia Noroeste conseguira acalar toda protesta, queixa crítica e reproche sobre aspectos organizativos. Mais, desta vez BIGAL chegou a fondo deste silencio forzado. Sen ir máis lonxe, na xornada de Laxe aconteceu un feito ou decisión organizativa que ten unha carga ideolóxica de fondo demasiado importante como para deixala pasar. En fin, a decisión de xogar en pavillón e non na praia levou a algún xogador a expresar o seu malestar e a bastantes xogadoras a manifestar a súa ledicia. Nas redes sociais apareceron mensaxes soterrados sobre a decisión interesada do equipo encargado da loxística organizativa de marcado de campos.
A que vén todo este rebumbio?, pois a que en algún medios deportivo dixital Bisbarraenxogo.com apareceron unhas frases…
“… pero desde a organización decidiron xogar no pavillón“. Esa organización ten nome e escudo, COQ. Este histórico equipo de billarda respondeu a estas calumnias con esta mensaxe de son. Sen entrar en máis detalles, publicamos este arquivo de son que nos enviou o Club Cochiqueiros da Billarda de Cerceda aclarando o sucedido en Laxe. A voz é a do seu amado líder.
RÍAS BAIXAS
No sur do país as cousas tamén están revoltas. Desta vez foi o Diario de Pontevedra e non BIGAL que descubriu a polémica na súa crónica semanal da Billarda. Na entrevista que se lle fai a Adrián Pastoriza, pois este botou máis madeira ao lume da súa polémica fichaxe por Corredoiras. Sabiamos que houbera unha loita ata o último minuto de prazo para fichar entre Corredoiras e Gharaboto para facerse cos seus servizos. As secretarías deportivas dos dous equipos querían contar con Adrián e finalmente este escolleu a Corredoiras. Non obstante, Gharaboto afirma que Adrián tiña asinado un pre-contrato co equipo de Marín. Vaia, só faltou que Adrián recoñecese abertamente que el desde neno quixo xogar en Lúa de Forza (e hai fotos nas paredes do seu cuarto de posters do equipo Bicampión Galego que algún día publicaremos).
A vindeira xornada será o sábado 30 de outubro se o tempo o permite e será nun escenario novo. Aquí queda un audiovisual das instalacións do Colexio Apostol Santiago de Soutomaior.