CAMPO DA FEIRA COME EN LAXE A TORTILLA DOCE DO PEÑÓN. COLLAZO GANA A XORNADA. PRESENTACIÓN DA NOVA MASCOTA DA BILLARDA”Chaínza”
A xornada de Laxe celebrouse no pavillón e volveron os essssvarados, cousa que sempre aumenta o risco competitivo, a emoción e a incerteza. Así, o efecto esvarado dominou a clasificación. Na final a 4 estiveron presentes 3 xogadores que fixeron 3 varados cada un, Collazo, Berdi e Javier, e 1 xogador que fixo 1 varado, Lucho. Conclusión, para ter éxito nunha competición de billarda celebrada en pavillón hai que facer varado ou varados.
Un ano máis o concello de Laxe colaborou coa Federación Galega DEPAU Modalidade Billarda cedendo as instalacións e achegando os premios. Desta vez o premio estrela foi a célebre Tortilla doce do Peñón. Estiveron presenciando a competición e na entrega de trofeos o alcalde, José Luís Pérez Añón, e a concelleira, Raquel Lema Allo.
Ganou Collazo de Campo da Feira de Paiosaco, seguido de Javier de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e terceiro foi Berdi de Cochiqueiros de Cerceda. Cuarto quedou Lucho de Chaínzos. En categoría feminina, quedou primeira Isa de Campo da Feira, segunda foi Mercedes do mesmo equipo e terceira Lola de Rinoceronte de Compostela. En infantil ganou Abel de Campo da Feira, seguido de Óscar García de Cochiqueiros e terceiro foi Carmela de APB A Laracha. En equipos, ganou Campo da Feira, segundo foi APB A Laracha e terceiro Cochiqueiros.
ACTAS
Desde que a Federación Galega DEPAU botou a andar as casas comerciais andan detrás dos equipos de billarda para aproveitar o tirón mediático desta modalidade deportiva. O sector agro-gandeiro puxa forte por entrar no deporte da billarda e foron varios os equipos que xa mostraron algunha das marcas comerciais que van ser o referente da billarda federada. Así, desde a Chaira viaxou cos integrantes de CHA a nova mascota da Billarda, “Chaínza“. Pasouno en grande a boa de Chaínza, tanto nas bancadas como no propio terreo de xogo.
Outros equipos optaron por outro tipo de publicidade
Despois está o caso de Lucho. Xogador de perfil atlético e musculoso que reclama o que é seu, unha camiseta. Non queremos afondar demasiado nesta situación tan delicada. Pensamos que é suficiente coa imaxe de abaixo.
E aínda despois está o caso dalgún xogador que preguntaba insistentemente, por que non se xogou na praia? Non obtivo unha resposta convincente, polo cal, este palanador locuaz, falangueiro e leriante dedicouse a pregoar un lema ancestral e sempre acertado da tradición galega, claro está, dun xeito moi particular. Este xogador repetía sen descanso, “Pero se non chove, Berdillo!”
No pavillón de Laxe sucederon secuencias e accións humanas que xa foron esquecidas polos cerebros alí presentes. Non obstante, aquí abaixo móstranse algúns deses feitos. Dentro dun pavillón as imaxes captadas polos aparatos tecnolóxicos non teñen a mesma calidade que en exterior, nin a espectacularidade de ver voar as billarda sobre un fondo celeste.