GHARABOTO gran triunfador na terceira xornada de Marín. Piru ganou en individual. Armadiña afianza o liderado.
Terreo de xogo óptimo para a práctica da billarda tradicional, a que se xogaba sobre o produto do outono e das árbores, as follas, e superando os accidentes xeográficos do terreo. Que magnífica superficie do Club Hípico A Lagoa e que sombras maxestosas de castiñeiros e carballos.
Piru de Gharaboto de Marín venceu e convenceu, segundo foi Bego de Corredoiras Bueu e terceiro Adri, do mesmo equipo. En categoría Femenina o podio foi morado, a cor de Valpaços Terra Quente de Vigo, con Belmira, primeira, Yaiza segunda e Adriana terceira. En Infantil, o Raio verde de Lúa de Forza Sanxenxo ganou por diante de Hugo de Gharaboto e terceira Antía, do mesmo equipo. En equipos femeninos, ganou Valpaços, segundo foi Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Categoría de Equipos volveu a rivalidade histórica entre Gharaboto e Corredoiras, dous históricos que non comezaran ao nivel que se lles esperaba. Gharaboto ganou, con 41 ptos por diante de Corredoiras, con 40, terceiro quedou o líder actual Armadiña con 31. Con 41 ptos, o equipo de Marín estableceu a mellor puntuación do que vai de liga e sitúase segundo a 9 ptos de Armadiña. Terceiro está Lúa de Forza.



Toda a participación infantil

ACTAS




Triunfo incontestable de Gharaboto que xuntou moi boas actuacións de 5 dos seus xogadores, Piru, Álvaro, Luís Camiña, Gelín e Hugo. Todo fai indicar que a elección do terreo de xogo xunto coa flexibilidade e transpiración do material dos novos chandals, 100% algodón, facilitaron a primeira vitoria do equipo marinense. Enorme actuación, tamén, de Corredoiras que coa incorporación de Adri semella que recupera as opcións de título. O equipo de Marín e o de Bueu deron un aviso importante, tanto a Lúa de Forza como a Rinoceronte, equipos que ocupaban a segunda e terceira posición do podio e que pensaban que os dous grandes equipos do Morrazo estaban en baixa forma. Agora, a cousa queda moi comprimida nos 4 primeiros postos, pois só hai 15 ptos de distancia entre o líder, Armadiña, e o cuarto, Gharaboto.
| EQUIPOS | Ptos | |
| ARMADIÑA | POIO | 101 |
| GHARABOTO | MARÍN | 92 |
| LÚA DE FORZA | SANXENXO | 87 |
| CORREDOIRAS | BUEU | 86 |
| RINOCERONTE | PONTEVEDRA | 75 |
| VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO | 58 |
Nas clasificacións Individuais a igualdade nas primeiras posicións é unha característica que pensamos vai durar toda a temporada, xa que co novo sistema de puntuación as distancias son menores. Entre os 20 primeiros da xeral hai 15 ptos de diferenza, e 8 ptos entre os 10 primeiros. Cho de Armadiña sitúase como novo líder e serio candidato ao título. Detrás del está un trío de grandes batedores de billarda, Che, Piru e Peque a 2 ptos. A 3 ptos colócase Adri Pastoriza de Corredoiras. O talentoso xogador que fora Campión Infantil LNB no 2015 regresou á Liga de Billarda con 17 anos e cun corpo xa desenvolvido e un golpeo bestial que está causando sensación. Nesta xornada bateu a marca de ptos nunha xornada, marca que vai ser difícil de superar, 15 ptos.
| INDIVIDUAL ABSOLUTA | Ptos | |
| CHO | ARM | 29 |
| CHE | RIN | 27 |
| PIRU | GHA | 27 |
| PEQUE | ARM | 27 |
| ADRI PASTO | COR | 26 |
| MANU | ARM | 25 |
| XAN | LÚA | 24 |
| CHICHO | LÚA | 23 |
| DANIEL | RIN | 23 |
| XIÁN INF | LÚA | 21 |
| RODRI | ARM | 20 |
| ÁLVARO | GHA | 20 |
| BEGO | COR | 19 |
| BENI | COR | 18 |
| LUÍS CAMIÑA | GHA | 17 |
| GELÍN | GHA | 16 |
| ADRIANA | VAL | 16 |
| HUGO INF | GHA | 14 |
| CAROLO | LÚA | 14 |
| MARTÍN | LÚA | 14 |
| RICARDO LOIS | GHA | 14 |
Na Categoría Feminina, Bego xa se situou en cabeza, agora seguida de Adriana, Belmira e Yaiza. De novo loita entre o podería colectivo de Valpaços Terra Quente e o imperio da multicampioa de Cela, Bego Ríos.
| INDIVIDUAL FEMININA | Ptos | |
| BEGO | COR | 19 |
| ADRIANA | VAL | 16 |
| BELMIRA | VAL | 12 |
| YAIZA | VAL | 12 |
| MÓNICA | GHA | 10 |
| TANIA | VAL | 9 |
| ELENA SABARIS | ARM | 9 |
| MARÍA CARIDE | GHA | 9 |
| ANTÍA INF | GHA | 6 |






















Magnífica participación de 70 seres humanos, dos cales 28 eran mulleres e 11 deses seres humanos estaban e seguen estando en idade infantil. Salientar a presenza dos dous palanadores máis novos da Federación Galega de DEPAU, Brais Quiraz, con 4 anos, 11 meses e 25 días, e Faia Garrido, con 4 anos, 2 meses e 8 días. Con que entusiasmo lle daban á billarda… e con que alegría recolleron o agasallo nutritivo que Gharaboto preparou para todas as crianzas. Isto si que é alimentación equilibrada! (na foto de abaixo).

Os feitos son tan difíciles de narrar que imos deixar aquí debaixo a imaxe que estremeceu a máis dunha persoa. O Campo do Club Hípico está rodeado de árbores autóctonos, castiñeiros e carballos, algún piñeiro e bastantes eucaliptos. Ben, pois nun instante da tarde sucedeu algo inesperado que puidemos inmortalizar nunha imaxe que quedará para sempre nas nosas retinas. Un cavernícola, o home das neves, un oso ibérico? Realmente non se soubo identificar con seguridade a esta figura que asoma entre árbores. Quen o teña visto máis veces por favor que se poña en contacto con…



