BILLARDA na Fin de semana sábado en MARÍN (RÍAS BAIXAS) e domingo en LAXE (NOROESTE)
Chega outra fin de semana de deporte e descubrimento da xeografía galega. Ademais de diversión, entretemento e práctica deportiva saudable e segura, a billarda ofrece a posibilidade de coñecer lugares da nosa terra con encanto e atractivo.
Desta vez, o lugar elixido para xogar a terceira xornada da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Rías Baixas, é o parque natural do Lago de Castiñeiras no Club Hípico A Lagoa. A lagoa de Castiñeiras é unha lagoa artificial situada no monte de Cotorredondo (entre a comarca do Morrazo e a de Pontevedra), entre os termos municipais de Vilaboa e Marín. Pois ben, nas inmediacións deste monte está situado o Club Hípico A Lagoa, no lugar O Pereiro, na parroquia de San Tomé de Piñeiro, Marín, lugar entre arbores e vexetación e cunhas vistas excepcionais sobre a Ría de Pontevedra. Oportunidade estupenda para ir comer ao Lago e despois xogar billarda.
Máis ao norte da xeografía Galega, en Laxe, terá lugar a cuarta xornada da Conferencia Noroeste. Será na magnífica area branca e fina da praia de Laxe na Costa da Morte. Oportunidade única para visitar esta atractiva comarca despois de facer voar as billardas entre o ceo e a area. O horario matinal da Conferencia Noroeste dá pé a facer parada e comida despois de rematar a xornada, cousa sempre gratificante, tanto para quen remata satisfeito do acontecido no terreo de xogo como para quen non tivese boa mañá de golpeo.
Quen teña un especial interese por saber como se moven as billardas en area vai ter esta única oportunidade para xogar nesta superficie, pois de momento a Liga de Billarda non ten outro escenario de area, marea e ceo como o de Laxe. Xa se disputou unha xornada na temporada 2015-2016 e un Día das Estrelas LNB no 2017. Entón, para quen teñan curiosidade e queira ir preparada para afrontar con garantías de éxito este gran desafío deixamos algunha foto histórica da billarda na area de Laxe. Certo, a praia de Laxe mide máis dun quilómetro, polo tanto, os campos faranse no lugar máis preto das edificacións de beiramar.