A Lúa Verde volveu brillar en Paiosaco e CAMPO DA FEIRA continúa a súa xeira de vitorias
Os primeiros raios de sol que deron no campo de fútbol da feira de Paiosaco anunciaban unha xornada excelente, pois a herba natural do campo fora regada con auga mineral embotellada, cousa que nas primeiras carreiras puxo a pingar máis de 2 calcetíns. Desde a Chaira e desde As Rías Baixas, mirade que curioso, chegou a cor verde e… e… tan ben se camuflou entre o céspede do campo que… en fin, consultade os podios e darédesvos conta do sucedido.
Os clubs de billarda do Noroeste xa enchen a súas roupas deportivas de anunciantes. Despois da actuación sublime da billarda en Got Talent as casas comerciais xa fixeron os primeiros movementos cara a un deporte que está de moda. Fan ben, antes de que nos patrocinios dos equipo de billarda entren os fondos de investimento do norte de Portugal e do Bierzo.
Na foto de equipo igual non se aprecia ao detalle a publicidade que leva Cochiqueiros de Cerceda, entón imos acercarnos máis na foto de abaixo.
Si, si, ata 6 patrocinadores vai levar esta temporada o equipo de Cerceda. Un dos históricos da Liga ten solucionada a supervivencia ata o 2026, pois asinou un contrato quinquenal con estas casas comerciais. Agora que está cerca a primeira retransmisión en directo pola TVG dunha xornada de billarda, os equipos buscan recursos para sustentar as súas escolas deportivas de billarda. Despois, tamén hai algún xogador carismáticos figura mundial e mediática, que ademais do patrocinio do equipo ten compromisos individuais con marcas de moito prestixio. Son poucos casos, de momento.
ACTAS
Ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, Juan Carlos segundo e terceiro Xulio Ponte, os dous de Campo da Feira de Paiosaco. En féminas foi primeira Isa de Campo da Feira, segunda Vero e terceira Delia, as dúas de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei. En Infantil, foi primeiro Abel Ponte de Campo da Feira, segundo Óscar García de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda e terceiro foi Uxío, de Filloas de Sangue da Coruña. En equipos, ganou de novo Campo da Feira, segundo foi APB A Laracha e terceiro, Filloas de Sangue da Coruña.
Aquí temos os datos estatísticos dos equipos en canto a número de xogadoras que participaron, ptos conseguidos e media de idade.
A xeral de equipos continúa encabezada por FEI, mentres APB accedeu ao segundo posto. Filloas queda terceiro e COQ sitúase cuarto e xa ve a ameaza do último posto moi preto, pois CHA e LÚA están a só 2 ptos do equipo de Cerceda.