Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeXornada

UNIVERSO BILLARDA

Audio da Radio Galega, Galicia en Goles, emitindo os resultados da xornada 1 da LAB Conferencia Rías Baixas xogada en Bueu.

Os medios dixitais Bisbarra en xogo.com e La Voz de Galicia.es, (na súa edición de Carballo) xa mostraron que a LAB (Liga Atlántica de Billarda) botou a andar. No papel impreso foi nòs DIARIO quen deu resumidas contas do sucedido en Bueu e en Arteixo. E ollo que en breve, en Got Talent 7, emitirán unha actuación asombrosa e perturbadora duns infaustos palanadores que mostrarán ao resto do estado que a billarda está de moda no universo do deporte de raíz.

E mañá nos quioscos o número 8 da Revista Bisbarra en xogo,que ademais de informar da actualidade deportiva de Bergantiños, Arteixo, A Costa, Muros e Xallas, falará sobre a Final 2021 da LAB celebrada en Sanxenxo o 5 de setembro.

Ademais, están programados varias actividades de promoción da billarda polo país adiante. Será na UDC no campus de Elviña, dentro dos actos de inauguración do novo curso universitario 2021-2022, mañá 23 de setembro no estadio universitario coruñés, en colaboración con Asociación de estudantes HERCLE.

O sábado 2 de outubro será en Cospeito, Lugo, dentro dunhas xornadas de acercamento de actividades deportivas ao rural que organiza FAPACEL, Federación Provincial de APAs, Lugo.

Amais, temos imaxes do Universo billarda. Varios equipos da LAB están probando o do turismo interestelar. Son viaxes caras, mais co patrocinio da F.G. DEPAU un equipo da Laracha, APB, puido levar ata Marte a dous dos seus xogadores máis necesitados de oxíxeno. Despois dunha actuación mediocre na xornada primeira da Conferencia Noroeste xogada en Arteixo, o director deportivo de APB decidiu acudir aos fondos de solidariedade da DEPAU destinados a palanadores que non saen do buraco negro, deportivamente falando. Estas son imaxes recentes, máis concretamente das 03:28h de hoxe, mércores 22 setembro. Afirmaban estes palanadores da Laracha, que tampouco se notaba tanto frío na superficie martiana. Veremos que efectos produce ese aire tan puro do espazo interestelar nos resultados destes apbs o domingo na xornada de Cabanas.

Pola outra banda atlántica, na Conferencia Rías Baixas, apenas son necesarios comentarios se temos a imaxe de abaixo para expresar o que sucedeu sobre o terreo da Estacada o sábado pasado. Un equipo tivo unha actuación celes…tial e os demais equipos, pois, estiveron tan pendentes de amarrar ao Campión Lúa de Forza que só puideron ser terrestres.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *