Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Vitoria Celeste en Bueu, ARMADIÑA toca o ceo coas súas billardas.

Había tempo que a Armada Celeste non acudía con todo o seu equipo a unha xornada de billarda nas Rías Baixas, exactamente desde marzo do 2020. A escuadra de Combarro aproveitou ben eses 18 meses de hibernación, pois non deixaron opción aos seus rivais. En Categoría Individual Absoluta Manu e Cho ocuparon, respectivamente, o primeiro posto e o terceiro, na Categoría Individual Feminina, Elena Sabarís, foi segunda, na Categoría Infantil, Nerea foi terceira, na Categoría de Equipos, Armadiña ganou a xornada e en Equipos Femininos, tamén ganou a xornada. Polo tanto, só queda buscar no dicionario algún cualificativo que poida expresar esta proeza deportiva de Armadiña BillardaRock… e aquí están algún adxectivos, excepcional, fastosa e memorable vitoria celeste.

No podio Absoluto, o triunfo foi para Manu Maquieira, seguido de Xan Rodiño e de Cho. En Feminina ganou Bego, seguida de Elena Sabarís e terceira foi Mónica. En Infantil, ganou o Raio verde, seguido de Hugo e terceira foi Nerea. En equipos foi primeiro Armadiña, segundo Lúa de Forza e terceiro Gharaboto. En Equipos Femininos venceu Armadiña, segundo foi Gharaboto e terceiro Corredoiras.

En Armadiña destacamos a boa actuación colectiva por enriba dos éxitos individuais. Imos a polo podio por equipos !!!”, estas foron as primeiras palabras de Manu Maquieira despois de ganar a xornada de Bueu. O potencial do equipo máis novo da competición era coñecido por todas as persoas expertas en análise de resultados e apostas deportivas, non obstante, nunca tivo unha regularidade necesaria para optar a estar entre os máis grandes ao final da temporada. Desta vez, semella que desde a casa celeste teñen claros os obxectivos de cara a esta temporada, na xeral de equipos conseguir podio final e estar nas finais galegas de xuño 2022 e nas categorías individuais estar loitando polo título ata o final.

Certo que Manu, Cho, Peque e Elena son candidatos ao título nas categorías absoluta e feminina, por condicións deportivas e porque con este sistema de puntuación as distancias entre os primeiros postos da táboa van ser menores e est@s xogador@s se vén que teñen posibilidades de podio pasadas as primeiras 5 xornadas van coidar a dieta e o descanso, cousa que outras temporadas descoidaban, unha vez que tiñan 2 malas xornadas. Que bo que Armadiña poña en apuros aos clásicos e condecorados campións Lúa, Corredoiras e Gharaboto. Entre o segundo clasificado da xornada LÚA e o quinto RINO houbo só 10 ptos. Estes sistema de puntuación vai facer que non se saquen moitas diferencias e así pode haber máis emoción ata cerca do final. Valpaços Terra Quente obtivo uns resultados regulares, pois aínda está en período de adaptación e rodaxe das novas incorporacións.

A participación chegou a 77 persoas, entre elas 11 en categoría infantil e 27 da categoría feminina e fixo desta xornada primeira da nova temporada a máis numerosa desde hai 2 anos, cando o 28 de setembro de 2019 no campo de billarda de Poio se celebrou a terceira xornada da temporada 2019-2020 e participaron 85 persoas. Antes de entrar en resultados, ptos, imaxes destacadas da xornada e análise de actuacións e decepcións das novas fichaxes dos equipos, queremos descubrir un dos secretos mellor gardados do equipo celeste e que sen ningunha dúbida axudou a que o seu rendemento fora sorprendente e  brillante.

Sabemos por informacións confidencias dunha persoa nativa de Combarro que no Mosteiro de Poio, do que hai referencia documental desde o ano 942 e cuxa fundación atribúeselle a San Fructuoso, baixo a Orde Benedictina, sucederon cousiñas a noite previa á xornada de Bueu. Este mosteiro, entre os anos 1548 e 1556 albergou o Colexio Maior de Teoloxía, por privilexio de Carlos V, onde impartiu clase o Padre Feijóo. Pois ben, na horta do Mosteiro atópase o piorno de maior capacidade de Galicia, lugar no que se concentrou o equipo Armadiña na noite previa á xornada de Bueu, ou sexa, o venres pola noite o equipo durmiu no piorno para facer piña, sempre, cumprindo as medidas establecidas no protocolo COVID19 e deixando 2 metros de distancia. Máis aínda, seica en toda a noite Vixo e Peque non se deron encontrado nin coincidido e iso que correron dentro do piorno os seus 10 Qm de todas as noites antes das xornadas de billarda. Que fixeron xogadoras e xogadores da pequena armada esa noite para chegar no estado óptimo de forma que mostraron en Bueu? Isto xa é parte da historia secreta e misteriosa da billarda… e dos mercedarios de Poio.

En canto á análise de resultados podemos dicir que este novo sistema de puntuación, que consiste en levar 4 ptos cando se entra nun golpe, 3 ptos cando se entra en 2 golpes, 2 ptos cando se entra en 3 golpes e 1 pto cando se entra en 4 golpes, fixo que 44 persoas conseguiran algún punto e 33 non conseguira ningún punto. Conclusión o 43 % dos participantes non deu entrado coa billarda polo varal en ningunha das 4 carreiras. Esta temporada, conseguir máis de 10 ptos na xornada significará ter unha magnífica actuación e o limiar dos 40 ptos vai ser o que marque o éxito na categoría de equipos. Veremos co transcurso das xornadas se este sistema supoñerá maior igualdade nas clasificacións.

Outro dato curioso, unicamente 5 xogadores conseguiron entrar nas 4 carreiras. Foron Che, Cho, Charri e… non foi nin Cheli, nin Chefa, nin Chicho, nin Chichí, non, os outros 2 xogadores foron Piru e Carolo. As diferencias nas puntuacións da fase de grupos foron mínimas, apenas 2 ptos entre os 7 ptos cos que se pasou primeiro nos grupos A, C e F e os 5 ptos cos que se pasou primeiro nos grupos B e E. En fin, esta temporada para ter opcións de título hai que avanzar nos cruces eliminatorios, pois ganar unha xornada concede 6 ptos máis, case tantos como os que se conseguen nas 4 carreiras da fase de grupos.

ACTAS

FOTOS DA XORNADA

PRÓXIMA XORNADA

Vindeira xornada 2 de outubro Campo de Billarda de Nantes, Sanxenxo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *