Xoves, Abril 25, 2024
ActualidadeXornada

ABEL PONTE xa superou o síndrome Raio Verde e venceu en Arteixo. Campo da Feira vence e segue.

Arteixo foi berce da temporada 2021-2022. O campo de fútbol municipal de Arteixo acolleu a primeira xornada da Liga Atlántica de Billarda. A mañá foi solleira e non houbo que madrugar moito, pois o horario das 11 h. é recomendable incluso para Cochiqueiros da Billarda que teñen como lema non espertar nin para erguerse da cama. A participación foi de de 51 persoas distribuídas en 6 equipos. Os equipos presentaron 10 mulleres e 5 participantes en categoría infantil.

Queremos agradecer especialmente a Marcos Docampo e Miguel González técnicos de deportes como interlocutores que facilitaron a colaboración do concello de Arteixo coa FG DEPAU Billarda achegando os trofeos e cedendo as instalacións deportivas. Así mesmo, grazas a Pablo Mariño, presidente do club de Chave de Pastoriza que solicitou as instalacións ao concello. Magníficas instalacións para a práctica deportiva e que presenciaron o primeiro varado da temporada a cargo de Marc, da saga dos Varela de Peisaco. Un varado sensacional digno de ser gravado, pero como moitas veces EGASA non estivo onde tiña que estar coas súas cámaras. Que pena!

O ganador da xornada foi o infantil Abel Ponte, que parecía que deixaba de ser infantil esta temporada para ser adulto, mais tivo que volver dese terreo de responsabilidades e regresar ao universo da infancia, no cal se vive máis tranquilo e despreocupado. Segundo foi Collazo e terceiro Bonxe. Na Categoría feminina a cochiqueira Irene fixo unha última carreira de grupo soberbia entrando no terceiro golpe e dando outro inesperado e xigantesco golpe no podio feminino. Segunda foi a incombustible Auri e terceira Delia, das terras da Chaira. En Infantil, ganou Abel seguido do emerxente prodixio de APB, Kevin o Madrugador, non o outro Kevin, e terceiro foi Roy, o Grego, non o outro Roi. En Equipos, Campo da Feira comezou dominando e xa non sorprende a ninguén.

ACTAS

 

Antes de entrar en análises de resultados e clasificacións, queremos informar de algo que parece de moito peso para o deporte da billarda. O equipo Chaínzos-Cadaval ben de abrir un camiño que pode servir de guía a outros equipos. Pois ben, o equipo da chaira concentrouse na comarca da Coruña o día previa á xornada de Arteixo para estar máis descansado e concentrado no desafío deportivo que tiña por diante. Para fundamentar esta información o gabinete de prensa do club da chaira enviounos unha imaxe dos seus representantes de visita pola cidade herculina o día previo á xornada de billarda de Arteixo.

Ben que lles sentou pasar a noite nun hotel da Coruña. As tres almas verdes tiveron actuacións destacadas, Bonxe e Delia subiron ao podio en Absoluta e en Feminina e Caski xogou a final, quedando cuarto finalmente. Comentaban que lles prestou pagar 600 euros no 5 estrelas da Coruña, sobre todo, porque as dietas as paga o club, ou algo así estaban falando.

No deportivo, salientar que esta temporada o sistema de competición variou algo con relación á pasada temporada. Agora, xóganse 4 carreiras na fase de grupos e pasan as 4 mellores puntuacións de cada grupo, ou sexa, en total pasan 24 competidores. Despois, na fase de cruces dispútase a unha carreira única todos os cruces eliminatorios ata a final a 4, na que se xogan 2 carreiras. Comprobouse que este sistema aforra tempo na segunda fase de cruces eliminatorios, pois antes xogábanse 2 carreiras en todas as eliminatorias. Outros matices xa se iran valorando durante a temporada.

16 das persoas participantes non conseguiron entrar no varal en ningunha das 4 carreiras, o que supón un 31%. 4 persoas entraron en todas as 4 carreiras da fase de grupos e curiosamente deses 4, Gándara, Edu e Eladio estaban no mesmo grupo 1, o outro foi Xan no grupo 3. Tamén, curiosamente, estes 4 xogadores quedaron eliminados no primeiro dos cruces eliminatorios. Vaia, que a diferencia que hai na xeral é de 4 ptos entre os 13 primeiros clasificados con este xeito de puntuar e competir. Algo que pensamos vai dar emoción e interese ás clasificacións e ao Título.

Ollo con Filloas esta temporada, xa que, onte sobre o verde e o caucho do Campo de Fútbol de Arteixo volvemos a ver ao mellor Gándara de golpe preciso e seguro e descubrimos a puxanza de Fran Cereijo, Josecho e Lino, que xunto con Miranda e Ínsua pasaron da fase de grupos, cousa inédita. De 11 participantes de Filloas 6 clasificáronse para a fase de cruces eliminatorios. APB mantivo o tipo a pesar das ausencias da sección Trasancos. Cochiqueiros notou a ausencia do Amado líder e vaia, Abel Regueiro tivo que coller o mando do equipo e tirar para diante cunha actuación magnífica, achegou 15 ptos do total de 33 que fixo o equipo. Chaínzos-Cadaval con 31 ptos saíu reforzado da xornada, pois no momento que presente máis xogadores, foron 3 desta vez, van ter opcións moi fundamentadas de meterse no podio de equipos, e Bonxe e Caski de loitar polo título.

O xogador que máis ptos fixo na fase de grupos foi o renacido Araña de Peisaco, Edu, que co seu arsenal de billardas conseguidas polo método doazón forzada, estivo a un nivel Djalma. Na foto de abaixo aparece o material e a indumentaria que lle deu ese resultado espléndido. Aínda perdendo na primeira eliminatoria o Araña está colíder da xeral. Será este o ano da Araña no calendario chinés?

SECCIÓN FOTEGASA

próxima xornada

A vindeira xornada será en Cabanas o domingo 26 de setembro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *