Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

UNIVERSO 2021-2022 na LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA

Xa está a Vía láctea axexando e explorando a situación e confluencia astral para a vindeira fin de semana. Equipos de billarda, galaxias, cometas, exoplanetas e obxectos interestelares móvense de xeito rítmico, mentres se acerca o momento da partida cara a un novo Universo Billarda.

O sábado 18 no campo da Estacada de Bueu botarán a andar os equipos da Conferencia Rías Baixas. O equipo local Corredoiras, noutro tempo campión LNB por dúas veces, quere esquecer a temporada pasada e comezar firme esta temporada. Non sabemos se recibirán ao equipo Campión Lúa de Forza cun corredor protocolario. Se non fose así, a rivalidade entre estes dous equipos pode abrir un novo episodio. En fin, a novidade desta temporada é que os equipos da Conferencia Rías Baixas xa se constituíron como clubs deportivos e participarán nesta liga federada por vez primeira. A día de hoxe, hai 104 licencias federativas e 6 equipos nas Rías Baixas.

Pola súa banda a Conferencia Noroeste comeza en Arteixo. Nesta Conferencia son 5 equipos federados e 105 licencias federativas nestes momentos. A temporada presenta boa cara e mellor corpo, pois esta Conferencia leva moitos anos dominada por Billarda Campo da Feira e, tanto APB, FIL como COQ xa decidiron poñer en apuros ao poder billardeiro de Paiosaco. Equipos reforzados no caso de COQ e FIL e equipo cun ano máis de experiencia no caso do equipo máis novo da Liga, APB A Laracha. E ollo esta temporada coa irrupción de Chaínzos-Cadaval, que se conseguen acudir a todas as xornadas van presentar candidatura firme para ameazar ao equipo feirante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *