Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

FINAL DA LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA 2020-2021. CAMPO DE BILLARDA NANTES-SANXENXO

A tarde do domingo 5 de setembro presentouse en Sanxenxo, no Campo de Billarda de Nantes, con pouca roupa e factor de protección elevado. Os raios do sol espichábanse na epiderme como espiña de toxo e as palanadoras chegadas do Noroeste non se atrevían a pisar o terreo de xogo e acubillábanse no piñeiral que está á beira deste. Entre sombras e algunha despistada brisa fresca, as 16 horas acercábanse a paso de boi e de vaca. As xogadoras comezaban a desentumecer o corpo e oíanse os primeiros golpes de madeira. A hora estaba cumprida e os xuíces de campo e de varal preparados. Arrancou a Final Feminina con 15 finalistas, 11 da Conferencia Rías Baixas e 4 da Conferencia Noroeste.

Os prognósticos indicaban que sería milagroso que unha palanadora do Noroeste se alzase co Título. Tamén, se comentaba que a clara favorita era Tania, única xogadora que se clasificara tamén para a Final Absoluta. Adriana e Elena estaban nun segundo lugar de favoritismo por quedar no podio da Conferencia. Despois estaban Marisa e María Caride con potencial para estar loitando polo título. E despois estaba Lú, pois nas finais sempre ten un rendemento moi alto, aínda que só puidera ser novena na xeral feminina. Hai que considerar que faltou a 4 das 10 xornadas. Ben, na billarda é difícil coñecer con anticipación os resultados, pois ten varios elementos imprevisibles e outros moitos incertos.

Despois da fase de grupos, non houbo sorpresas e pasaron á fase de cruces eliminatorios, do grupo A, Tania, Marisa, Antía e Mónica. Do grupo B pasaron Adriana, Lu, María Caride e Elena. Cumpríronse as previsións e as dúas primeiras da Conferencia Rías Baixas quedaron primeiras nos seus correspondentes grupos. Xa estaban listos os cruces, por un lado do cadro, Tania contra Elena e Lu contra Antía. Polo outro lado do cadro, Adriana contra Mónica e Marisa contra María Caride. Nesta fase xa comezaron as sorpresas, pois Tania, que quedara primeira de grupo con bastante folgura, perdeu contra Elena que pasara cuarta de grupo e no golpe de desempate. E o que diciamos da billarda, o imprevisible actúa cando lle peta. Antía tivo a Lu contra as cordas e a de Beluso zafouse no golpe de desempate. Adriana ganoulle a Mónica, non sen dificultades e María Caride e Marisa foron a un golpe de desempate deses de infarto ou úlcera gastrointestinal. Pasou Caride. A final xa estaba debuxada. Elena, Lu, María Caride e Adriana. Dúas xogadoras de Gharaboto, unha de Valpaços e outra de Lúa de Forza. A final foi fabulosa, na última carreira estaban empatadas as tres xogadoras a 3 ptos. Daquela, todo se decidía na última carreira e no último golpe, no cal golpeou primeiro Adriana e entrou. Así deixaba a situación cardíaca das súas rivais en niveis elevados. Elena golpeo despois e non deu entrado. Lu si entrou e María Caride non entrou. Polo tanto, tiñan que desempatar a un golpe Lu e Adriana para o Título e Elena e María Caride pola terceira posición do podio. Comezaba María contra Elena e Lu contra Adriana. E… vai ser certa esa estatística que afirma que quen lanza primeira nun golpe de desempate, nun penalti, nun lanzamento de disco, peso, etc. gana máis veces das que perde. Neste caso confirmouse a estatística, as que golpearon primeiro ganaron os seus duelos.

En fin, Lu álzase co seu terceiro Título Feminino, Adriana foi subcampioa, por segunda vez na súa carreira deportiva e María Caride chega ao podio por vez primeira.

Rematada esta soberbia final feminina chegaba a hora da Final Absoluta. 31 palanadores e 1 palanadora en busca da gloria ou de algo semellante, a felicidade de sentirse vivos e vivir os sentimentos. O sorteo feito a través dunha aplicación para móbil repartiu aos participantes en 4 grupos de 8 elementos. Destes grupos deberían pasar as 4 mellores puntuacións para ir a unha fase de cruces eliminatorias de oitavos de final, de cuartos de final, para rematar nunha final a 4 sempre espectacular e emocionante. Despois de 4 carreiras, no Grupo A clasificouse con solvencia como primeiro de grupo Eladio, segundo foi Charri, terceiro Xulio e o cuarto posto foi para Martín, nun golpe de desempate contra Cotelo, de novo quen golpeou primeiro neste desempate ganou. No Grupo B foi primeiro Collazo con superioridade manifesta, segundo foi Piru, terceiro Che e cuarta Tania no golpe de desempate contra Beni, neste caso Tania ganou golpeando en segundo lugar. No grupo C, foi primeiro Luís Gon, segundo Charli e terceiro Xan coa mesma puntuación os tres, puntuación máis baixa de todos os grupos. Cuarto pasou o Raio Verde Xián no golpe de desempate contra Abel, tamén golpeou primeiro o Raio. No Grupo D, primeiro foi Iván, con notoria facilidade, segundo foi Daniel, terceiro Óscar Ponte e cuarto Juan Carlos.

Os cruces estaban listos. Eladio contra Juan Carlos, Piru contra Xan, Charri contra Óscar Ponte e Collazo contra Xián, polo lado esquerdo do cadro. Luís Gon contra Tania, Daniel contra Xulio, Charli contra Che e Iván contra Martín polo lado dereito do cadro. De momento, dos 4 cabezas de serie de cada conferencia só Abel Ponte quedou eliminado na fase de grupos. Dos oito enfrontamentos, cinco decidíronse nas dúas carreiras e tres tiveron que ir ao golpe de desempate. Así, Eladio deu a sorpresa eliminando a un cabeza de serie como Juan Carlos e Tania eliminou a Luís Gon, cousa que tamén podemos considerar como relativa sorpresa. Collazo eliminou ao Raio Verde despois dun golpe de desempate e de sufrir na eliminatoria. Iván tivo que recorrer ao golpe de desempate para desfacerse de Martín.

Os cuartos de final enfrontaban a Xan contra Eladio, a Charri contra Collazo, a Tania contra Daniel e a Charli contra Iván. Pois ben, podemos dicir que a gran sorpresa destes cruces foi a eliminación do subcampión da Conferencia Rías Baixas, Daniel Rino a mans de Tania. Así, os finalistas foron Xan e Collazo pola esquerda do cadro e Tania e Iván pola dereita. Os números 1 das Conferencia Rías Baixas e Noroeste estaban na final, Xan e Collazo, xunto coa inesperada Tania e o hemorráxico Iván García.

Tania comezou a final tan forte que se situou en cabeza despois de 2 carreiras. Isto é o que ten a billarda de inesperada e imprevisible, Tania que partía como clara favorita na categoría Feminina quedou eliminada no primeiro cruce e agora chegaba ata a final na Categoría Absoluta e comezaba con intencións de podio. Mais, dunha carreira a outra as cousas e os ptos poden cambiar e ben que o fan. A falta da última carreira Xan levaba 6 ptos, Tania e Iván 5 e Collazo 1 pto. Comezou a golpear Iván e deu un golpe fantástico deixando a billarda a menos de 10 metros do varal. Xan golpeou en segundo lugar e deu un golpe un metro por diante do de Iván, co cal deixaba a billarda moi cerca do título. Collazo e Tania deron golpes menos bos. No segundo golpe entrou Iván e con iso obrigaba a Xan a entrar para proclamarse Campión Absoluto, ou no caso contrario terían que ir ao golpe de desempate. Xan non fallou e meteu a billarda polo varal. Tania e Collazo non entraron e os postos quedaron decididos.

Tamén se entregaron os trofeos das finais celebradas o 1 de agosto nas categorías de Varados e de Equipos. En Varados, campión Juanchi de Lúa de Forza, segundo Juancar de Campo da Feira e terceiro Che de Rinoceronte.

En equipos Campión C.B. LÚA DE FORZA SANXENXO, segundo C.B. CAMPO DA FEIRA de Paiosaco e terceiro RINOCERONTE C.B.

SECCIÓN FOTEGASA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *