Finais Individuais Liga Atlántica de Billarda 2020-2021. 5 setembro domingo, Campo de Billarda de Nantes
Semella que desta vez vaise disputar a Final da Liga Atlántica de Billarda 2020-2021, pois o tempo dá un tregua para este domingo 5 de setembro en Sanxenxo. O 1 de agosto celebráronse as finais Individual Infantil, Individual Varados e Equipos, mais as finais que estaban preparadas para xogarse pola tarde dese día tiveron que ser adiadas, xa que a choiva foi intensa e persistente. Ben, para este domingo 5 de setembro as previsións de comezo de semana eran pesimistas, en canto a que se prevía que chovería con intensidade. Pasados uns días, podemos afirmar que as previsións a día de hoxe, venres 3 de setembro, son optimistas. Daquela, se nada se complica, as tan esperadas finais Individual Feminina e Individual Absoluta xogaranse o domingo 5 de setembro en horario de tarde no Campo de Billarda de Nantes, Sanxenxo. O sorteo dos grupos da categoría Individual Feminina foi feito aquel 1 de agosto, polo tanto, xa están preparadas e listas as actas. O camiño para que queira proclamarse campioa 2021 está imprimido nas actas dos cruces eliminatorios.
Na categoría Individual Absoluta o sistema de competición está tamén definido. Haberá que facer o sorteo, no que os 4 primeiros clasificados en cada conferencia serán cabeza de grupo, así, o primeiro do Noroeste compartirá grupo co cuarto das Rías Baixas, o segundo do Noroeste compartirá grupo co terceiro das Rías Baixas e o mesmo sucederá co primeiro das Rías Baixas que compartirá grupo co cuarto do Noroeste e o segundo das Rías Baixas compartirá grupo do terceiro do Noroeste. Os demais integrantes de grupo serán incluídos ao chou. Cada grupo constará de 8 participantes e pasarán á fase de cruces eliminatorios as 4 mellores puntuacións de cada grupo. No caso que en algún grupo non puntúen 4 xogador@s, pois ese posto ou postos serán cubertos por algún xogador/a doutro grupo que puntuase e non quedase entre as 4 mellores puntuacións do seu grupo.
O programa Galicia en Goles da Radio Galega terá un enviado especial no Campo de Billarda para informar en directo deste extraordinario acontecemento deportivo.