Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

A billarda no máis alto do deporte galego… na Estación de Montaña de Manzaneda

Estación de Montaña de Manzaneda, instalacións deportivas, 1500 metros por enriba do nivel do mar, xornada final da primeira Liga Ribeira Sacra de Billarda. Espectáculo medioambiental e ambiental enteiro. O lugar é excepcional para xogar billarda. Os beneficios da práctica deportiva en altitude son ben coñecidos noutros deportes e pouco estudados na práctica da billarda. A unha elevada altitude o aire contén un volume menor de oxixeno. En vista disto o organismo humano pasa a producir maior cantidade de glóbulos vermellos e hemoglobina en sangue para aumentar a capacidade de transporte do oxíxeno polo corpo, cousa que fai mellorar a capacidade respiratoria. Pois ben, despois das xornadas disputadas onte, domingo 29 de agosto, na Estación de Montaña de Manzaneda, non queda demostrado ao cento por cento que en altitude as billardas estean mellor oxixenadas e aumenten de tamaño para facilitar o seu golpeo. As actas demostran que igual non chega con subir só un día ata os 1500 metros, e hai que ir máis veces.

Disputáronse as 2 xornadas que faltaban para rematar a Liga. Na cuarta xornada ganou Pablo da Marea Verde de Manzaneda, segunda foi Sara do mesmo equipo e terceiro Xan de Lúa de Forza Sanxenxo. Na quinta xornada foi primeiro Xan de Lúa de Forza, segundo Dani de Río e terceiro Juan Carlos tamén do equipo de San Xoán de Río. Agradecer a colaboración dos concellos de Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río, pois grazas a eles foi posible esta Liga de Billarda na Ribeira Sacra. Para o ano máis e… non sabemos se mellor, non obstante, seguro que diferente e, polo menos, á mesma altura da última xornada na Estación de Montaña de Manzaneda.

Despois de sumar os ptos das últimas xornadas o podio final da Liga Ribeira Sacra quedou con Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo como campión, subcampión foi Pablo da Marea Verde de Manzaneda e terceira clasificada Sara da Marea Verde. Na Categoría de equipos campión foi A Marea Verde de Manzaneda e subcampión o equipo de Río.

Agora, ata o vindeiro verán non haberá Liga na Ribeira Sacra, mais nas Finais Galegas de Billarda do vindeiro 2022 (último domingo de xuño) esta Conferencia ten dereito a unhas prazas para participar. Estas prazas son 4 en categoría individual absoluta, 2 prazas en feminina, 1 praza en equipos e en infantil 4 prazas.

SECCIÓN FOTEGASA

Nesta sección aparecen as fotos máis peculiares, extraordinarias, fascinantes e prodixiosas que sempre consegue o enviado especial EGASA, o reporteiro coas redes sociais máis resistente e poderosas que as dunha Araña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *