Sábado, Decembro 9, 2023
ActualidadeXornada

BILLARDA EN POBRA DE TRIVES A Marea Verde de Manzaneda deshidratou ao equipo de Río

16 horas, Pobra de Trives, Finca da Barreira, 33 graos á sombra, que había pouca, e 44 graos ao sol. Condicións ideais para a práctica da billarda e para a deshidratación corporal. Todo parecía un plan maquinado polo equipo de Río para acercarse na clasificación, pois supera á Marea Verde en adaptación a esas condicións extremas de calor, ou iso era o que pensaban as tropas de San Xoán. Pois ben, os plans non sempre saen ben e esta foi unha desas ocasións. O equipo de Río non tivo un desempeño axeitado para a ocasión e os seus xogadores e xogadoras apenas conseguiron achegar as billardas ao lindeiro do varal. Os paláns da Marea comezaron a producir aire fresco golpe tras golpe, a xeito de ventiladores verdes, mentres os integrantes do equipo de Río andaban aparrulados polo campo da Barreira.

A vitoria individual foi para Xan Rodiño do C.B. Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Pablo da Marea Verde de Manzaneda e terceira Sara, tamén da Marea. En equipos a Marea foi o equipo triunfador, por diante de Lúa de Forza e terceiro foi Río.

As condicións climatolóxicas non deixaron indiferentes nin ao público nin aos competidores. Aínda así, houbo golpes estupendos e outros menos, e despois tamén houbo quen pola falta de folgos tivo que agarrar o palán coas dúas mans para golpear con algo de enerxía. Exemplo no vídeo de abaixo.

O vindeiro domingo 29 agosto na Estación de Manzaneda xogaranse as 2 últimas xornadas no mesmo día e lugar.  Nun principio estaba programada a cuarta xornada para xogarse o sábado 28 en Río e a quinta e última na estación de Manzaneda o domingo 29. Ben, finalmente será unha xornada dobre o domingo 29 e que comezará ás 17h. Última oportunidade para Río de superar ao potente equipo de Manzaneda. Aquí quedan imaxes da xornada de Trives.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *