TORNEO DE BILLARDA EN BETANZOS As Troitas saltaron, os Músicos tocaron e a Lúa brillou no Campo da Feira
Magnífica participación, 51 inscritos e finalmente xogaron 50 persoas. Xogadoras e xogadores das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. Mañá espléndida e instalación magníficas para a práctica de billarda. O Campo do Carregal de herba sintética mostrou unha faciana de cor verde melancólica, e o ceo estaba en camiseta de manga larga e traxe de baño. Primeiro, hai que agradecer ao Concello de Betanzos a súa colaboración coa Federación Galega DEPAU Billarda cedendo as instalacións e achegando os trofeos. Especialmente, agradecemos á alcaldesa María Barral e ao concelleiro de Turismo, Tráfico e Seguridade Pablo Beade que estiveron na entrega de trofeos, e ao concelleiro de Deportes Andres Hermida e ao técnico de deportes Gonzalo Rivas que se esforzaron para que as instalacións estiveran listas e dispostas para afrontar o reto de organizar o primeiro torneo de billarda en Betanzos. Certo, foi a primeira vez que se xogou billarda en Betanzos mais non será a última. Outro éxito organizativo dos compañeiros da Conferencia Noroeste.
Canto difónico gutural ou canto dos armónicos. Que sentido ten falar aquí do canto de dous ou máis sons ao mesmo tempo por unha única persoa. Pois ben, non se precisan máis palabras, ollade os 22 segundo de vídeo captado no Torneo Aberto de Billarda de Betanzos e entenderedes o por que desta introdución tan musical, concretamente do segundo 15 ao 22. Para máis información sobre este tipo de canto consultade esta entrada da wikipedia en galego.
Si, si, … si, despois deste soberbio, alucinante e turbador golpe de Noé (a única troita que bebe cervexa sen saír do río) o mestre mongol de canto de gorxa, Sachas, entoou un breve, mais profundo e balsámico canto que aprendeu nun seminario de arte mongol de canto khoomei, un xeito de cantar que desde o 2009 está na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Do segundo 15 ao 22. Enorme Sachas, e inmenso Noé, vaia bigolpe deu, e cerca estivo do trigolpe, pero xa non estaba para seguir acelerando a súa carreira unha terceira vez.
A vitoria non foi para ningunha troita da Pontenova, que saltaban como se estivesen no Campo da Feira en Paiosaco escoitando música da banda de Ribadeo. Non, e tampouco o coroceiro 2019 puido vencer, e todo porque había LÚA de FORZA (denominación dada nas Rías Baixas ao período de lúa que vai desde que comeza a medrar ata que se completa en lúa chea). Ganou Ricoy de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Daniel R. Saavedra de Billardeiros Musicais de Ribadeo, terceiro foi Noé de Troitas Bravas da Pontenova e cuarto Xulio Ponte de Campo da Feira de Paiosaco. En Feminina, Aroa de Billardeiros Musicais foi primeira, segunda Mari Carmen de Troitas Bravas e terceira Marisa de Lúa de Forza. En Infantil, ganou Aroa de Billardeiros Musicais, seguida de Noa de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro foi Kevin Torres de APB A Laracha.
Ademais, do descomunal bigolpe de Noé captamos outras imaxes de impacto, colosais unhas, tremendas outras, desacougantes varias e case ningunha calamitosa. Destacar a presenza da Araña de Peisaco, Edu, que volveu a encontrar sensacións despois do seu encontro desafortunado coa muller da curva. En fin, aínda non está á altura no terreo de xogo, non obstante, xa empeza a subir a outras alturas que máis lle conveñen (ollar foto de abaixo).
Tamén, salientar que neste torneo houbo presenza de varios xuíces na sala VAR, pois no Noroeste estase mellorando a faceta de arbitraxe de xeito imparable. Así, ademais de haber un xuíz/a de campo e outro/a de varal diferentes en cada carreira, agora estase apostando por situar a varias persoas no cuarto do VAR, que se situou desta vez nun lugar elevado (véxase na imaxe de abaixo).
Por suposto, sábese desde tempos que a memoria non alcanza que a técnica depurada do golpeo de palán está sufrindo unha evolución sen precedentes. Desta vez, descubrimos o secreto do famoso golpe chamado Berdillazo do amado líder de Cochiqueiros. Ben, ese endemoñado golpeo que manda a billarda “fuori campo” nunca antes fora captado con tanta precisión. Na imaxe de abaixo, pódese contemplar que para executar o colosal Berdillazo hai que erguerse varios centímetros do chan antes do impacto na billarda.
Despois, houbo varios xogadores que intentaron imitar o Berdillazo, sen demasiada fortuna, pois como o amado líder afirma con rotundidade “o Berdillazo ten un único brazo e corpo executor, ninguén máis poderá realizalo”.
Non deixan indiferente estas imaxes de arrepío onde se aprecia a estética destes deportistas no momento do golpeo da billarda. A billarda é un deporte que dá pé a ver ao ser humano realizando unha proeza física e mental que pasa desapercibida e non o debería. Se xa é complexo de describir… “coordinar o corpo humano en posición bípede de equilibrio para golpear un obxecto que primeiro está estático no chan e despois en movemento no espazo, con flexión inicial e posterior torsión de tronco con armado e extensión de brazo no golpeo da billarda no aire“, pois, imaxinade a precisión, habilidade e destreza que hai que atesourar para realizar esta acción con éxito. En fin, unha fazaña só ao alcance das persoas elixidas para a gloria.
EGASAFOTOS
E agora veñen as fotos da nova sección que inauguramos hoxe. Será unha sección na que aparecerán as fotos artísticas, curiosas, peculiares e sempre de impacto mediático e para subir ás redes sociais que só o Grande EGASA ten a virtude de captar. Como EGASA aínda está de vacacións, de momento captou poucas imaxes, pero prometeu máis e mellor para a próxima.