Xoves, Marzo 28, 2024
ActualidadeXornada

O EQUIPO DE BILLARDA DE RÍO VENCEU NO CASTIÑEIRO NA SEGUNDA XORNADA DA LIGA RIBEIRA SACRA. CHEMI DIRIXIU MAXISTRALMENTE A ESCADRA DE SAN XOÁN

O domingo foi o día elixido para inaugurar o Campo de Billarda Juan Pérez, no lugar Castiñeiro, parroquia Vilardá do Concello de San Xoán de Río, Ribeira Sacra, Ourense. Neste novo campo de billarda celebrouse a segunda xornada da Liga Ribeira Sacra de Billarda 2021. Entre sombras e luces, as primeiras debuxadas por castiñeiros e carballos, as segundas polo astro sol peneiradas, bravas palanadoras golpearon as billardas sobre a herba segada para a ocasión. As billardas voaban e piaban como paxariños que suplican o alimento máis nutritivo, que non é outro que a proteína do varal. Algunha que outra billarda buscou e encontrou as follas dos carballos, outras contentáronse con saborear a herba do terreo.

Ás 18 horas todo estaba preparado para comezar, megafonía, refrixerios, sombras, asentos supletorios e muros de pedra, actas, taboleiro de resultados e o máis importante, fieis seareiros que desde as estremas do terreo de xogo estaban preparados para seguir o espectáculo deportivo.

A competición comezou con 3 grupos de 15 participantes. Realizáronse 3 carreiras, despois das cales, as 4 mellores puntuacións de cada grupo pasaron a disputar un cruce eliminatorio de semifinais e unha final a 4. Non foi doado puntuar no CABI Juan Pérez. Finalmente, o Chemi do equipo de Río levouse a vitoria na segunda xornada, segundo foi Xoel tamén de Río e terceiro Chicho de Lúa de Forza Sanxenxo. O equipo local de Río ganou a xornada, seguido de Lúa de Forza e terceiro foi a Marea Verde de Manzaneda.

Se na primeira xornada de Manzaneda o equipo local Marea Verde non tivera rival, Río fixo o mesmo coa xornada organizada como equipo local e estivo a un nivel superior ao resto dos equipos. Agora a Clasificación xeral  queda máis apertada. 9 ptos separan ao líder Marea Verde do segundo clasificado, Río. A vindeira xornada será en territorio de Trives o 24 agosto ás 16 h.

Entregóuselle un agasallo de recordo a Juan Pérez Alonso e Consuelo Rodríguez Sotelo persoas que despois de pasar toda a súa vida emigrados polo planeta adiante volveron ao seu lugar de orixe para revitalizar e poñer en valor o seu lugar natal, durante un tempo deshabitado como hai tantos no noso rural galego. Ademais, o patriarca Juan, corremundos con alma de afiador, tenlle un cariño moi especial a este xogo que practicou de neno, a billarda, e aproveita calquera ocasión para falar dela. Un exemplo é o documental de Arrieros somos no cal Juan fala da súa vida e, por suposto, aproveita para demostrar que mantén a forma física picando leña e xogando billarda. Imaxes fantásticas no campo de billarda nevado. Imaxes a cámara lenta do patriarca golpeando a billarda. Desde hai uns anos, a familia dos Pérez Rodríguez coa axuda do concello de Río está impulsando o proxecto de rehabilitación do lugar de Castiñeiro que inclúe o acondicionamento deste Campo de Billarda Juan Pérez. En fin, grazas Juan e Consuelo.

A prensa dixital da Comarca fíxose eco desta nova infraestrutura deportiva OSil.info

Un comentario en «O EQUIPO DE BILLARDA DE RÍO VENCEU NO CASTIÑEIRO NA SEGUNDA XORNADA DA LIGA RIBEIRA SACRA. CHEMI DIRIXIU MAXISTRALMENTE A ESCADRA DE SAN XOÁN»

  • Gracias Xan por esta emotiva crónica e por seguir impulsando un deporte como a billarda por esta nosa Galiza. Forte aperta!

    Resposta

Deixa una resposta a Lío en Río Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *