O EQUIPO DE BILLARDA DE RÍO VENCEU NO CASTIÑEIRO NA SEGUNDA XORNADA DA LIGA RIBEIRA SACRA. CHEMI DIRIXIU MAXISTRALMENTE A ESCADRA DE SAN XOÁN
O domingo foi o día elixido para inaugurar o Campo de Billarda Juan Pérez, no lugar Castiñeiro, parroquia Vilardá do Concello de San Xoán de Río, Ribeira Sacra, Ourense. Neste novo campo de billarda celebrouse a segunda xornada da Liga Ribeira Sacra de Billarda 2021. Entre sombras e luces, as primeiras debuxadas por castiñeiros e carballos, as segundas polo astro sol peneiradas, bravas palanadoras golpearon as billardas sobre a herba segada para a ocasión. As billardas voaban e piaban como paxariños que suplican o alimento máis nutritivo, que non é outro que a proteína do varal. Algunha que outra billarda buscou e encontrou as follas dos carballos, outras contentáronse con saborear a herba do terreo.
Ás 18 horas todo estaba preparado para comezar, megafonía, refrixerios, sombras, asentos supletorios e muros de pedra, actas, taboleiro de resultados e o máis importante, fieis seareiros que desde as estremas do terreo de xogo estaban preparados para seguir o espectáculo deportivo.
A competición comezou con 3 grupos de 15 participantes. Realizáronse 3 carreiras, despois das cales, as 4 mellores puntuacións de cada grupo pasaron a disputar un cruce eliminatorio de semifinais e unha final a 4. Non foi doado puntuar no CABI Juan Pérez. Finalmente, o Chemi do equipo de Río levouse a vitoria na segunda xornada, segundo foi Xoel tamén de Río e terceiro Chicho de Lúa de Forza Sanxenxo. O equipo local de Río ganou a xornada, seguido de Lúa de Forza e terceiro foi a Marea Verde de Manzaneda.
Se na primeira xornada de Manzaneda o equipo local Marea Verde non tivera rival, Río fixo o mesmo coa xornada organizada como equipo local e estivo a un nivel superior ao resto dos equipos. Agora a Clasificación xeral queda máis apertada. 9 ptos separan ao líder Marea Verde do segundo clasificado, Río. A vindeira xornada será en territorio de Trives o 24 agosto ás 16 h.
Entregóuselle un agasallo de recordo a Juan Pérez Alonso e Consuelo Rodríguez Sotelo persoas que despois de pasar toda a súa vida emigrados polo planeta adiante volveron ao seu lugar de orixe para revitalizar e poñer en valor o seu lugar natal, durante un tempo deshabitado como hai tantos no noso rural galego. Ademais, o patriarca Juan, corremundos con alma de afiador, tenlle un cariño moi especial a este xogo que practicou de neno, a billarda, e aproveita calquera ocasión para falar dela. Un exemplo é o documental de Arrieros somos no cal Juan fala da súa vida e, por suposto, aproveita para demostrar que mantén a forma física picando leña e xogando billarda. Imaxes fantásticas no campo de billarda nevado. Imaxes a cámara lenta do patriarca golpeando a billarda. Desde hai uns anos, a familia dos Pérez Rodríguez coa axuda do concello de Río está impulsando o proxecto de rehabilitación do lugar de Castiñeiro que inclúe o acondicionamento deste Campo de Billarda Juan Pérez. En fin, grazas Juan e Consuelo.
A prensa dixital da Comarca fíxose eco desta nova infraestrutura deportiva OSil.info
Gracias Xan por esta emotiva crónica e por seguir impulsando un deporte como a billarda por esta nosa Galiza. Forte aperta!