SACHAS o Troita Brava saltou e saltou no río Ladra ABERTO DE BILLARDA CASTIÑEIRO MILENARIO no Festival 27373 de Begonte
No Club Fluvial de Begonte celebrouse o Aberto de Billarda Festival 27373 cun éxito de organización e de participación. En todo momento o Protocolo COVID 19 foi respectado e as persoas presentes puideron practicar un deporte sen contacto e seguro. Foi unha trintena de persoas de todas as idades a que gozou do concerto para palán e billarda programado neste grandioso Festival 27373 organizado pola Asociación Castiñeiro Milenario. A billarda sempre ofrece unha multiplicidade de sons. Un son que vibrou no ceo de Begonte co golpeo da madeira contra a madeira, outro son no zoar da madeira voando contra o aire e outro son da madeira aterrando sobre a herba. Vaia, tamén está ese outro zoar do palán cando golpea o aire en vez de darlle á billarda. En fin, un concerto magnífico. Chegáronnos algunhas imaxes e un audiovisual do noso enviado especial ao evento deportivo, JCC. Ademais, temos as actas RRR que se utilizaron no Aberto. Unhas actas que foron usadas por diante e por detrás, divididas en dúas partes, superior e inferior e, ollo, vanse volver usar o vindeiro ano, pois aínda quedaron espazos en branco no folio. Reutilizar, reciclar e reducir foi o lema que a organización soubo aplicar e que debería de servir de exemplo para que outras organizacións o imitasen.
Que dicir do triunfo incontestable de Sachas, a única troita que non sabe nadar! De todos os xeitos, o Sachas, cando hai un río preto, encontrar os mellores golpes e ben que o fixo á beira do Ladra. Segundo foi Manu Pozo e terceiro Chousa.