Venres, Decembro 13, 2024
Xornada

CASTIÑEIRO, esta fin de semana a billarda nun castiñeiro ! Regreso de Araña aos campos de billarda

A fin de semana billardeira vén con calor e con sombra de CASTIÑEIRO. Hoxe sábado 14 agosto, a Asociación CASTIÑEIRO Milenario organiza un Aberto de Billarda en Begonte, dentro das actividades do Festival 27373.

Mañá domingo 15 agosto, en San Xoán de Río, lugar de CASTIÑEIRO xogarase a 2ª xornada da Liga Ribeira Sacra 2021 e farase no campo de Billarda Juan Pérez que se inaugurará previamente. Será o primeiro campo de billarda da provincia de Ourense.

Máis de 2000 metros cadrados de superficie nun lugar paradisíaco. Sombras aos pés de castiñeiros centenarios e carballos bicentenarios. Juan Pérez e Consuelo queren deixar un legado para as xeracións novas, un campo de billarda. Máis alá dun xogo e un entretemento a billarda enraíza nun pasado rural de duras faenas e labores agrícolas e gandeiras que os nosos devanceiros soportaron con enteireza. A billarda era unha maneira de enredar que Juan Pérez non esqueceu nunca, nin cando estivo emigrado noutros territorios de Europa e do estado español. Agora, o patriarca Juan goza de xogar á billarda na súa terra de Castiñeiro como unha ximnasia cotiá que lle serve para manterse activo e con boa saúde. Vemos imaxes do Patriarca no que será Campo de Billarda Juan Pérez.

 

Por se isto fose pouco, desde o Noroeste chegan novas ledas para a billarda, pois un dos palanadores máis espectaculares, acróbata, saltimbanqui e camaleónico regresa despois de varios meses de baixo por un accidente de tráfico.

Este xogador extravagante, excepcional fotógrafo e comunicador de redes fixo de embaixador da Federación Galega DEPAU Billarda polo mundo adiante. A súa capacidade de metamorfose, transmutación, xunto cunha virtude asombrosa para disfrazarse, á maneira dun Mortadelo, fai del unha figura imprescindible para a Billarda. Tanto se desenvolve como unha Araña nos campos de Billarda e subindo polos edificios da Coruña, como fai unha reportaxe audiovisual das súas andanzas polos comités olímpicos internacionais, baixo o pseudónimo de EGASA.

Ademais, comunicáronnos de o Club Billarda Campo da Feira que Edu aproveitou estes meses de baixa para visitar Tokyo e facer campaña a favor da Billarda Olímpica para París 2024. Temos un vídeo promocional no que se ve e escoita a EGASA facendo campaña polo mundo adiante. Grande EGASA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *