Fin de semana de billarda e música, 14 agosto BEGONTE FESTIVAL 27373, 15 agosto – RÍO 2ª xornada Liga Ribeira Sacra de Billarda 2021
A billarda non deixa indiferente ao ser humano. A prensa en papel deu boa conta do acontecido o 9 de agosto en Manzaneda. Algo histórico para o deporte galego. A Billarda chegou para quedarse en Ourense, para ser máis precisas e precisos, para quedarse na Ribeira Sacra.
Xa está lista a organización da segunda xornada. Aproveitarase para inaugurar o primeiro campo de billarda da provincia de Ourense. Será no lugar de Castiñeiro, en San Xoán de Río. Levará o nome de “Campo de Billarda Juan Pérez” en honor á persoa que con tanto cariño conservou a práctica deste xogo e lla transmitiu aos seus descendentes. Agora. tamén quere deixar o legado dun lugar para que calquera persoa poida seguir practicando este deporte marabilloso da billarda.
Desde un punto de vista competitivo, A Marea Verde de Manzaneda parte como líder e terá que visitar a casa do segundo clasificado Río. A emoción está garantida, sobre todo, porque a Marea deberá superar un terreo de xogo de herba natural ao que non está habituado o equipo de Manzaneda.
E no norte do país disputarase o noveno Aberto de Billarda 27373 de Begonte, enmarcado dentro das actividades que organiza a Asociación Cultural Castiñeiro Milenario no seu extraordinario FESTIVAL 27373.
O ano pasado non puideron organizar o Festival e este ano, a pesar da situación complexa pola COVID 19, as compañeiras de Castiñeiro Milenario queren que a música non pare e que as billardas non deixen de voar. Daquela, enviáronnos un comunicado sobre as normas e medidas de seguridade que se adoptaron para poder xogar billarda.
Para máis información pódese acceder a estes enlaces.
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/