Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

A LIGA RIBEIRA SACRA botou a andar, nun primeiro momento, e despois púxose a correr en MANZANEDA

O anfiteatro do Poboado, en Manzaneda, foi o escenario da primeira xornada da Liga Ribeira Sacra de Billarda 2021. O torneo de billarda, que vai pola cuarta edición, puntúa para esta Liga recentemente creada. O terreo de xogo estaba nunhas condicións óptimas para pinchar a billarda e o espazo aéreo era o ideal para que as billardas voasen ata o infinito e máis acá. O equipo local, gran favorito para levarse o título de liga, a Marea Verde levaba preparándose un ano para afrontar este gorentoso reto deportivo, ser invencible ou, polo menos, que ninguén puidese ganarlle. Pois ben, de momento o equipo verde mazá está no camiño. Víronse, miráronse e escoitáronse espectaculares golpes, varados, aplausos, ovacións, berros, lamentos, alegría, entusiasmo e un moito, moito, e incluso dabondo sangue frío nos momentos decisivos. Pura vida no rural galego. Billarda sempre gritaba o público espectador.

Nada podía fallar e nada fallou para o equipo local, nin a presenza de dous equipos das Rías Baixas, nin a irrupción da tribo de San Xoán de Río, nin a presión do público local que se achegou ao campo do Poboado para ver vencer e convencer. Así, en Individual ganou Pablo da Marea Verde Manzaneda, segundo foi Xoel do equipo de Río e terceira Sara tamén da Marea Verde. En Equipos, foi primeiro Marea Verde, segundo Río, terceiro Lúa de Forza Sanxenxo.

Despois da primeira xornada as Clasificacións Xerais quedan deste xeito

A seguinte xornada disputarase o 15 de agosto ás 18h. en San Xoán de Río. Será no lugar de Castiñeiro, no campo de billarda Juan Pérez, que se vai inaugurar ese mesmo día e a esa mesma hora. O primeiro campo de billarda da provincia de Ourense. O equipo de Río está preparando todo para que nada poida saír mal e derrotar aos seus rivais no terreo deportivo. A nosa vitoria xa está lograda coa consecución deste campo de billarda, afirmou o patriarca Pérez. Magnífica nova para a billarda. Ese día espérase unha peregrinación de equipos de todo o país para estar presentes nun día histórico para a expansión da billarda na Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *