Xoves, Abril 18, 2024
Actualidade

COPA ATLÁNTICA 2021 en Bueu e FESTIVAL DE PARDIÑAS 2021 en Guitiriz

No alto de Chans, os equinos trotaban coa inocencia atrevida do reino animal, sen preocuparse pola presenza humana. Pouco sospeitaban que a tribo da billarda ía ocupar durante unhas horas o estadio olímpico cabalar de Chans, Cela, Bueu. O ceo estaba decorado en azul transparente e a temperatura coincidía co que os termómetros medían ou algo parecido.

A disputa da Copa Atlántica de Billarda 2021 congregou a 37 participantes pertencentes a 4 equipos Rías Baixas e 1 equipo Noroeste. Despois de 5 carreiras de grupo, houbo cruces eliminatorios que deixaron estes resultados.

Os podios foron ocupados por palanadores e palanadoras de recoñecido historial deportivo. Na Absoluta, Ricar de Corredoiras Bueu ganou, por diante de Juanchi e de Martín, os dous de Lúa de Forza Sanxenxo. En Feminina, foi primeira Bego de Corredoiras, segunda Mónica de Gharaboto Marín e terceira Elena do mesmo equipo. En Infantil, Raio Verde Xián de Lúa de Forza ganou, segundo foi Hugo de Gharaboto e terceiro Mauro de Lúa de Forza.

Ben, preguntarédesvos como foi a actuación dos integrantes do equipo do Noroeste, Cochiqueiros Cerceda, dos catro integrantes clasificáronse para a fase eliminatoria de cruces, Marco e Berdi. Casualmente tiveron que competir nun trío formado por eles dous e máis Charri. Por suposto, Charri deixounos fóra de toda posibilidade de avanzar. O mexicano de Corredoiras non tivo misericordia e despachou pola vía rápida a Berdi e tivo que ir ao desempate a un golpe con Marco. Este deu un golpe moi curto e Charri, apenas con cantarlle unha rancheira á billarda logrou desprazala por diante da de Marco.

Tamén, puidemos ver o uniforme arbitral da vindeira temporada. Sempre buscando a eficiencia do labor dos xuíces de campo, pois, optouse por elixir unhas cores e complementos que transmitan autoridade entre xogadoras e xogadores de billarda.

Máis palabras son innecesarias para este caso no cal as imaxes falan por si mesmas e incluso chegan a confirmar a veracidade de todo o narrado, sen que sirva de precedente.

No norte xeográfico do país, en Guitiriz, Lugo, celebrouse un dos Abertos históricos do mundo da billarda. BI.GAL enviou a unha persoa para narrar o alí visto, oído e apalpado. “ No marco do Festival de Pardiñas 2021 unha corentena de xogadoras e xogadores de billarda deron espectáculo do bo sobre un terreo de xogo en perfectas condicións. Tarde solleira, ambiente festivo e bar con café e licores espirituosos a todas horas a carón do río Parga que decoraba o espazo de lecer, onde se disputou a xornada deportiva billardeira. As empanadas de polbo substituíron ás empanadas de nécoras“. Ganou Juancar de Campo da Feira Paiosaco, segundo foi Abel Ponte e terceiro Xulio Ponte, todos do mesmo equipo.

Houbo presenza de palanadoras e palanadores de varios equipos do Norleste e do Noroeste (Campo da Feira Paiosaco e APB A Laracha), ademais de xogadoras e xogadores debutantes. O demais queda reflectido nestas imaxes fantásticas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *