Martes, Decembro 10, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteXornada

ÚLTIMA XORNADA NOROESTE NO MIRADOIRO DE SANTA MARTA SÁBADO 24 XULLO

A tarde presentouse coa pel gris, a cara feita ollos e a ledicia nos beizos. A paisaxe inclinada do miradoiro de Santa Marta tiña reminiscencias dun pasado de pastoreo, bosque e labranza. Os equipos chegaban coas mochilas cheas de corazón e cos músculos cardíacos preparados para afrontar un reto descomunal e gratificante. Cada quen debía buscar os seus obxectivos deportivos e outros que van máis alá de prazas da clasificación. Retos que fan referencia a un sentido social de facer as cousas, de organizarse e de valorar a nosa maneira galega de relacionarse e construír comunidade.

O couto de Santa Marta é un lugar ideal para un campo de billarda e o traballo magnífico que levou a cabo o Club de billarda APB A Laracha de loxística e acondicionamento fixo que a parcela destinada a campo de billarda mostrara unha superficie acolchada e ao mesmo tempo firme. En definitiva, puro e auténtico campo de billarda dos de antes, dos que hai poucos, pero haberá máis. A entrega de trofeos, tanto da xornada como dos podios finais de Conferencia, realizouse no lugar que ocupan as ruínas da Capela de Santa Marta. Dicir tamén que estes últimos trofeos, que recoñeceron a quen ocupou os podios finais de Conferencia en todas as categorías, eran de Cerámica Artesanal de Buño. Os representantes da Conferencia Noroeste cerran unha temporada que significou a consolidación e aumento de participación, ademais de chegar a concellos que nunca tiveran antes un torneo de Billarda. Fantástico traballo de difusión e fomento da práctica da billarda. Agora, falta poñer o ramo coa participación na Final 2021 da Liga Atlántica de Billarda que se celebrará o vindeiro domingo 1 de agosto en Sanxenxo. A expedición do Noroeste parte este ano con reais posibilidades de traer varios títulos Galegos e ocupar moitos podios nas finais das diferentes categorías.

Esta última xornada da Conferencia Noroeste ganouna Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Óscar Ponte e terceiro Collazo, os dous de Campo da Feira Paiosaco. Marisa de Lúa de Forza foi primeira en categoría Feminina, segunda foi Raquel de Cochiqueiros Cerceda e terceira Auri de Campo da Feira Paiosaco. Abel Ponte de Campo da Feira ganou na categoría Infantil por diante de Óscar García de Cochiqueiros.

As posicións que faltaban por decidir nos podios finais de Conferencia eran as do terceiro posto da Categoría Individual Absoluta e os postos de podio da Categoría Feminina. Xulio Ponte de Campo da Feira Paiosaco levouse a terceira posición do podio final de Conferencia e Silvia de Cochiqueiros Cerceda ganou a Categoría Feminina, segunda foi Sonia de Cochiqueiros Cerceda e terceira Mercedes de Campo da Feira Paiosaco. Os demais podios estaban xa definidos.

LIGA ATLÁNTICA DE  BILLARDA 2020-2021

CONFERENCIA NOROESTE

As prazas de finalistas están decididas, vaia, case todas, pois a última praza aínda queda pendente da participación na última xornada da Conferencia Rías Baixas, pois as prazas repártense entre as dúas Conferencias pola media de participación de cada unha delas. A falta desa última xornada nas RIB, habería 15 prazas para o NOR e 17 para RIB, mais se na última xornada na Conferencia RIB, que se xogará o sábado 31 xullo en Bueu, a participación está por enriba de 62 xogador@s corresponderían só 14 prazas para o NOR e 18 para RIB.

Estes son os elixidos para a gloria de participar na Final do 1 de agosto.

1-COLLAZOFEI
2-XULIOFEI
3-JUAN CARLOSFEI
4-ABEL INFFEI
5-CHARLY VARELAFEI
6-COTELOAPB
7-BERDILLOCOQ
8-GÁNDARAFIL
9-VIQUEIRACOQ
10-OSCAR PONTEFEI
11-ROIAPB
12-MARCFEI
13-ENRIQUEFEI
14-ELADIOFEI
15-LOIS FONTÁNFIL

Lois Fontán estaría pendente desa última xornada para saber se ten praza ou non. Na Categoría Feminina sucede algo similar a día de hoxe habería 4 prazas para a Conferencia NOR e 12 para RIB, mais haberá que esperar á participación na última xornada para saber se definitivamente quedan así establecidas as prazas ou hai algún cambio, que sería o de 5 prazas para NOR e 11 para RIB.

SILVIACOQ
SONIACOQ
MERCEDESFEI
MERCHEAPB

Na Categoría Varados os representantes do NOR na Final serán …

COLLAZOFEI
JUANCARFEI
ÓSCAR PONTEFEI

Na Categoría de Equipos serán …

CAMPO DA FEIRAPAIOSACO
APBA LARACHA

Fotos espectaculares, idílicas e silvestres dun terreo de xogo ideal para a práctica da billarda e outros leceres.

Despois, tamén temos imaxes do regreso do intrépido, admirable e prodixioso acróbata e equilibrista da comunicación nas redes sociais, o grande EGASA, que sempre anda detrás das imaxes de maior impacto.

Por suposto, non podían faltar as posicións inverosímiles, estrafalarias e asombrosas que adopta o Raposo prateado Cotelo. Como o lugar de xogo quedaba preto das ruínas da capela de Santa Marta, pois o xogador da Laracha tivo a ben buscar a concentración previa ao golpeo nunha posición de xenuflexión que lembra moito a que se usa noutros lugares de fe do planeta.

Ademais, segue buscando a posición ideal para o golpeo perfecto e puro. Semella que aínda non deu con esa posición. En fin, o seu obxectivo inmediato é viaxar a Sanxenxo o 1 de agosto para alí si, encontrar o nirvana do golpe de billarda. Ten pensado levar unha Mesa, para comer con comodidade e en familia.

Outras imaxes memorables.

Sucedeu un feito pouco usual e que serve de precedente para calquera outra ocasión na que haxa que medir a distancia de calquera billarda á entrada do varal. Vemos como Berdi e Xulio proceden a medir que billarda estaba máis preto da entrada do varal para definir as posicións na clasificación de Varados. Aplicouse o mesmo sistema que se usará na Final de Varados do 1 de agosto. Cada xogador golpea un número de veces determinado a billarda e se non hai varados medirase a billarda que máis cerca quede da entrada do varal. Simple e rápido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *