Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

BILLARDA NO NOROESTE. ÚLTIMA XORNADA NO MIRADOIRO DE SANTA MARTA e ganará quen teña a mellor carta.

A derradeira xornada da Conferencia Noroeste celebrarase nun lugar idílico, grandioso e maxestático, o Miradoiro de Santa Marta, no concello da Laracha. Vaia, para que a información sexa precisa como bisturí de cirurxía, será a uns 100 metros deste privilexiado balcón panorámico onde se xogará a xornada 13 da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste, para poñer ramo a esta temporada 2020-2021.

Antes de entrar en materia competitiva desta última xornada no Noroeste, diremos que os medios de comunicación seguen informando da mellor liga de billarda do mundo. Da pasada xornada 12 do Noroeste en Narón foron os medios dixitais Bisbarra en xogo e O Diario da Laracha. Nos medios en papel foron DxT e La Voz de Galicia quen publicaron. Da Conferencia Rías Baixas foi o Faro de Vigo quen informou na previa da Xornada 9 de Marín.

Ben, cando quedan 48 horas para decidir todo o que aínda non está decidido no eido competitivo da Billarda Noroeste, grises nubes que teñen moitos nomes e para evitar o tedio que supoñería escribir tantos nomes compostos, pois una imaxe vainos axudar a comprender a composición do ceo de Santa Marta o sábado 24 de xullo ás 16:30 h. da tarde.

En fin, co fondo do ceo en gris é cando mellor se golpea a billarda. Tres focos de atención mediática e de segregación de adrenalina son o terceiro posto de podio e as últimas prazas para acudir á Final 2021. Primeiro, imos analizar polo miúdo o que pode acontecer na loita pola última praza de podio. As cousas están así…

3-XULIOFEI181
4-CHARLY VARELAFEI179
5-JUAN CARLOSFEI179
6-COTELOAPB176
7-BERDILLOCOQ174
8-ABEL INFFEI172

Ben, estas puntuacións hai que pasalas polos raios X das estatísticas. Así, varios palanadores deste grupo non xogaron todas as xornadas, entón, se consideramos a puntuación media a orde cambiaría. Charli é o xogador con mellor puntuación media, seguido de Abel e Juancar. Os outros tres teñen unha media moi similar arredor dos 14 ptos. Conclusións, que Charli e Juancar son unha serie ameaza para Xulio, quen actualmente ocupa a terceira posición. Que Xulio é un xogador que responde nas situacións límite, como a temporada pasada na que defendeu a súa praza de finalista na última xornada con moita solvencia. Que Cotelo, como eficaz raposo sempre espera que as galiñas estean todas xuntas para meter os afiados caninos na carne da súa presa.  Que Berdi está compoñendo a súa ópera final e definitiva en clave de berdillazo. Que Abel Ponte, como talento rítmico e improvisador xograr, pode sorprender cunha puntuación de 20 ptos en calquera terreo e o de Santa Marta vai ser dos complicados. Polo tanto, as puntuacións poden ser baixas e susceptibles de ser superadas con folgura por algún dos 6 palanadores que teña unha tarde sublime.

En segundo lugar, pero non menos importante, está a zona de clasificación para a Final 2021 do 1 de agosto. Aquí, hai dous factores diferentes e que van sinalar quen se vai quedar sen Final. Primeiro factor, Añón confirmou que non vai acudir, daquela, esa praza pode ser ocupada tanto por Miranda (tería que facer 12 ptos) como por Lois Fontán e Iván (terían que facer 15 ptos), como por Ribeiro e Abel Regueiro (terían que facer 19 ptos). Segundo factor condicionante, a día de hoxe, as porcentaxes de participación conceden a praza 15 de finalista á Conferencia Noroeste, mais faltan por disputarse unha xornada en cada Conferencia, cousa que podería alterar esa praza ou non, haberá que esperar ata o 31 de xullo (última xornada Rías Baixas). Eladio teno bastante ben encamiñado, mais non debe descoidarse, non vaia ser que o supere Miranda e despois só vaian 14 finalistas do NOR.

13-ENRIQUEFEI131
14-AÑÓNAPB129
15-ELADIOFEI127
MIRANDAFIL118
LOIS FONTÁNFIL115
IVÁNAPB115
RIVEIROAPB111
ABEL REGUEIROCOQ111

En terceiro lugar, por vez primeira na historia da Conferencia Noroeste, na Categoría Feminina vaise decidir todo na última carreira da última xornada. Todo, tanto o Título como a orde dos podios como as últimas prazas de finalista. Na actualidade, corresponden 5 prazas de finalistas, pero cunha marxe moi estreita de porcentaxe, co cal haberá que esperar a que se xogue a última xornada Rías Baixas o 31 de xullo para saber se irán 5 ou 4 representantes do NOR. O Título está así de caro para Irene e Merche, deberán entrar en 4 carreiras e en dúas delas en 3 golpes (sempre que Silvia, Sonia e Mercedes se presenten a xogar). Para as outras 3 candidatas, Silvia, Sonia e Mercedes, pensamos que é así de simple, quen delas entre en algunha das 5 carreiras levarase o título. Sempre considerando que todas elas acudan a xogar. Alguén podería escribir este guión con máis emoción e misterio?

1-SILVIACOQ60
2-SONIACOQ59
3-MERCEDESFEI59
4-MERCHEAPB49
5-IRENECOQ48
6-AURIFEI48

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *