En Narón, Aroa faise coa vitoria nas categorías Infantil e Feminina. Xan gana na Absoluta. Campo da Feira vence en Equipos.
O paseo marítimo de Narón, na beira norte do río Xuvia, foi o escenario da penúltima xornada da Liga Atlántica de Billarda na Conferencia Noroeste. Unha mañá espléndida e unha zona verde marabillosa para gozar da práctica deportiva da Billarda. David Corral e os seus compañeiros de Filloas de Sangue levaban preparando esta xornada moito tempo e a boa fe que conseguiron que todo saíra ben ou mellor que ben. O Concello de Narón colaborou coa Federación Galega DEPAU Modalidade Billarda cedendo e acondicionando as instalacións do paseo marítimo, así como, achegando os premios para toda persoa participante na xornada. Asistiu á entrega de trofeos, José Oreona, concelleiro de Deportes. Tamén, sabemos que o concello vai facer o posible para que haxa un campo de billarda en Narón. Cousa que sería moi positiva para o noso deporte, pois a creación de infraestrutura para a práctica da billarda é fundamental para que calquera persoa poida probar a diversión e o entretemento que proporciona este deporte marabilloso chamado billarda.
Volveron a participar 2 equipos da provincia de Lugo e 1 da de Pontevedra, ademais dos 4 equipos da Coruña. Foron 49 persoas, das cales, 8 mulleres e 3 infantís. Esta temporada a participación do Noroeste aumentou moito e a falta dunha xornada por disputarse a participación media está en 46,75 (contando con participantes das Rías Baixas). Isto fai que a día de hoxe e faltando por contabilizar a participación das últimas xornadas das dúas conferencias as prazas de finalistas estean deste xeito (aquí xa só se contabiliza a participación de xente do Noroeste).
NOR | RIB | ||
INDIVIDUAL ABSOLUTA | 12 XOR | 9 XOR | TOTAL |
PARTICIPACIÓN MEDIA | 46,40 | 55,22 | 101,62 |
PORCENTAXE | 45,66% | 54,33% | |
PRAZAS FINAL | 14,61 | 17,39 | 32 |
NOR | RIB | ||
INDIVIDUAL FEMININA | 12 XOR | 9 XOR | TOTAL |
PARTICIPACIÓN MEDIA | 7,7 | 19,89 | 27,59 |
PORCENTAXE | 27,91 % | 72,09 % | |
PRAZAS FINAL | 4,47 | 11,53 | 16 |
Entón, na Categoría Absoluta serían, por 11 décimas, 15 prazas para o NOR e 17 para as RIB. Ollo que falta a participación nas últimas xornadas por contar. Na Categoría Feminina, serían 4 prazas para NOR e 12 prazas para RIB. Aquí, tamén está por decidir esa praza que de momento corresponde ás RIB, por 7 centésimas. En fin, magnífica nova a do aumento vertixinoso da participación no NOR.
Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo ganou a xornada, seguido de Juancar e terceiro foi Charli, estes dous xogadores de Campo da Feira Paiosaco. Aroa ganou en feminina, segunda foi Geni, as dúas de Billardeiros Musicais Ribadeo, e terceira foi Merche de APB A Laracha. En Infantil primeira foi Aroa, segundo Xan González e Ramón González, os dous de Filloas de Sangue A Coruña. En equipos foi primeiro Campo da Feira de Paiosaco, segundo APB da Laracha e terceiro Billardeiros Musicais de Ribadeo.
Despois de sumar os ptos da xornada, as clasificacións xerais quedan dispostas para a última xornada. Moitas interrogantes quedan por decidir…
Será quen Collazo de facer unha fazaña épica e discutirlle o título de Conferencia a Xan?
1-XAN RODIÑO | LÚA | 235 |
2-COLLAZO | FEI | 218 |
Quen subirá ao terceiro chanzo do podio final da Categoría Absoluta?
3-XULIO | FEI | 181 |
4-CHARLY VARELA | FEI | 179 |
5-JUAN CARLOS | FEI | 179 |
6-COTELO | APB | 176 |
7-BERDILLO | COQ | 174 |
8-ABEL INF | FEI | 172 |
Quen se levará o título Individual Feminino? Quen ocupará as prazas de podio?
1-SILVIA | COQ | 60 |
2-SONIA | COQ | 59 |
3-MERCEDES | FEI | 59 |
4-MERCHE | APB | 49 |
5-IRENE | COQ | 48 |
6-AURI | FEI | 48 |
Para concluír, quen ocupará as últimas prazas de finalista?
12-ROI | APB | 134 |
13-ENRIQUE | FEI | 131 |
14-AÑÓN | APB | 129 |
15-ELADIO | FEI | 127 |
16-MIRANDA | FIL | 118 |
17-LOIS FONTÁN | FIL | 115 |
18-IVÁN | APB | 115 |
19-RIVEIRO | APB | 111 |
20-ABEL REGUEIRO | COQ | 111 |
Ademais da emoción que supón haber moi pouco deferencia de puntos entre os candidatos, engádese a dificultade da superficie de xogo. Un terreo agreste que haberá que acondicionar e que vai provocar puntuacións moi baixas a ben seguro. Polo tanto, quen teña unha xornada boa pode sacar bastantes puntos de vantaxe sobre os seus rivais, se estes non teñen o día. Daquela, todo está no aire e … nos terróns do campo de Santa Marta.
Outra cousa a destacar foi a presenza dun xuíz de campo coa nova indumentaria que se vai usar na Final da Liga Atlántica de Billarda. Vemos a Berdi lucindo tan meritoria roupa. Ten dúas funcións primordiais segundo nos contou o de Cochiqueiros, por unha beira, busca que o xuíz sexa identificado con facilidade e por outra beira, quere intimidar a aquelas persoas moi dadas a manifestar o seu descontento por non golpear ben, coa persoa que o único que fai é impartir xustiza. Cremos, que unha vez máis, o NOR acertou con esta iniciativa tan, tan… axeitada.
Aquí quedan fotos espectaculares da billarda en Narón.
Desta vez, temos excelentes vídeos para deleitar a vista de analistas e expertos do mundo da biomecánica deportiva. Sabemos que é difícil comprender como se pode golpear con tanto garbo e elegancia un pau que voa dando voltas sobre o seu eixe central, mais uns segundo de fotogramas a unha velocidade axeitada pode darnos pistas sobre esta habilidade extraordinaria que teñen algúns seres vivos que habitan a Galaecia. Vaia, e despois está a billarda rítmica e artística que só é quen de realizar, polo momento, o Landras. Hoxe temos o privilexio de ofrecer o audiovisual pioneiro dunha nova posición de golpeo chamada a posición felina.