LÚA DE FORZA virtual campión de Conferencia Rías Baixas. Xan Rodiño, un verso máis preto de ser Campión Rías Baixas. Tania certifica o título feminino. Raio Verde vence e convence.
A xornada de San Xulián de Marín celebrouse en plena canícula e durante as primeiras carreiras os corpos acusaron a deshidratación. Menos mal que as árbores que rodean o campo fixeron de gorra protectora fronte aos raios do sol. A partir das 8 e media da tarde a sombra xa ocupaba case todos os campos de xogo. O terreo dificultoso de San Xulián fixo que houbera moitas puntuacións redondas (0+0+0+0+0). Incluso, nun grupo non pasou o cuarto clasificado por ter cero ptos e houbo que buscar a mellor quinta puntuación dos outros cinco grupos. A participación infantil foi magnífica unha vez máis. Desta vez foron 11 nen@s os que participaron.
O Concello de Marín colaborou co equipo Gharaboto para organizar esta xornada e, unha vez máis, os agasallos encheron de ledicia ás persoas premiadas e as neveiras das súas familias. Produtos de comercio local e de temporada. Para toda a cativada participante houbo premios e marcharon nenas e nenos máis ledos que cando chegaron, cousa difícil de conseguir, pero que Luís Camiña soubo lograr, a pesar da súa escordadura de nocello. O equipo está preocupado, pois é unha peza clave no esquema táctico de Gharaboto para afrontar a final con esperanzas de revalidar Título Galego. Terá que visitar ao compoñedor?
Ganou a xornada Xan Rodiño, seguido de Che e terceiro foi Piru. En categoría feminina foi primeira Adriana, segunda Tania e terceira Bego. En infantil, ganou Xián, segundo Hugo e terceiro Aki. En equipos foi primeiro Lúa de Forza, segundo Gharaboto e terceiro Rinoceronte. En equipos femininos ganou Valpaços, segundo foi Gharaboto e terceiro Corredoiras.
Despois desta xornada, os títulos individuais quedan sentenciados. Así, o Título Absoluto vai ir para Xan Rodiño, pois avantaxa en 28 ptos a Charri a falta de disputarse 32 ptos. Charri tería que facer pleno de ptos, cousa que ninguén conseguiu ata o momento. Ademais, se Xan fai 5 ptos xa é campión de forma matemática, cousa que se nos antolla máis que factible. A segunda e terceira prazas de podio están agora no aire, xa que, a xornada desastrosa de Daniel, xunto coa actuación de Charri normaliña e a enorme puntuación de Chicho, fai que entre estes tres xogadores se teñan que repartir as dúas prazas do podio de honor.
1-XAN | LÚA | 194 |
2-CHARRI | COR | 166 |
3-DANIEL | RIN | 164 |
4-CHICHO | LÚA | 159 |
En canto a prazas de finalista, que podemos dicir? Que vai haber lea ata a última carreira da última xornada. Tendo en conta que por porcentaxe de participación, a día de hoxe e a falta de sumar a participación das últimas xornadas NOR e RIB, serían 17 prazas para RIB e 15 prazas para o NOR. Daquela, o Raio Verde ocupa a última posición con 94 ptos. Como serias ameazas para o de Lúa de Forza están Tania con 92, Gerardo con 91, José Manuel con 89 e Gonzalo con 83. Estes palanadores teñen aínda posibilidades. Despois, 79 pts ten Cris e Juanchi 76 ptos, serían xogadores que terían que sumar 20 ptos ou máis para ter opcións serias. Carolo con 97, Gelín con 101 e Luís Gon con 103 non están aínda coa praza asegurada, pero case. Con que fagan máis de 10 ptos teríano practicamente feito.
PRAZAS DE FINALISTA
14-LUISGON | GHA | 103 |
15-GELÍN | GHA | 101 |
16-CAROLO | LÚA | 97 |
17-XIÁN INF | LÚA | 94 |
TANIA | VAL | 92 |
GERARDO | LAX | 91 |
JOSÉ MANUEL | RIN | 89 |
GONZALO | RIN | 83 |
CRIS | RIN | 79 |
JUANCHI | LÚA | 76 |
En Infantil, O Raio Verde Xián ten o título no peto. A segunda praza está asegurada para Hugo e a terceira está nas mans de Martiño, se na última xornada fai máis de 3 ptos. En categoría Feminina, Tania ten o título ao alcance dos dedos. A única que podería inquietala algo sería Adriana, pero tería que facer máis de 20 ptos, cousa impensable no campo da Estacada, terreo sempre moi exixente. A segunda e terceira posicións de podio serán para Adriana e Elena González, mais a orde terán que decidila na última xornada de Bueu, pois Elena só ten 3 ptos de desvantaxe con relación á xogadora de Valpaços Terra Quente. En equipos, o título, por vez primeira, vai ser para Lúa de Forza, quen rompe o dominio absolutista que tiña Corredoiras. Agora, a segunda praza ocúpaa Gharaboto e o equipo de Bueu, se quere recuperar a segunda posición, vai ter que fiar amodo e con sabedoría, pois agora son 19 ptos de vantaxe os que ten o equipo de Marín. En varados, Che, semella que vai ser o ganador, salvo que na Estacada alguén dos outros tres xogadores que fixeron varado esta temporada repitan a fazaña. En equipos femininos, Valpaços recupera o título que lle arrebatara a temporada pasada Gharaboto. O equipo de Marín será segundo e o terceiro posto decidirase entre Corredoiras, con 10 ptos de vantaxe, e Lúa de Forza.
Aquí quedan algunhas fotos espectaculares
E agora algúns vídeos fantásticos para que poidades apreciar o golpeo dalgunha palanadora e dalgún palanador de envexable técnica.