A penúltima xornada da Liga Atlántica de Billarda chega con poucos convencementos nas clasificacións e con algunha certeza.
Na CONFERENCIA RÍAS BAIXAS non hai nada decidido de modo matemático. O sábado en Marín, será a última oportunidade para Charri de acercarse ao segundo posto que ten a 8 ptos. O título de Conferencia está demasiado lonxe para que o mexicano poida optar a el con posibilidades reais, xa que son 22 ptos os que o separan desa primeira posición. Daniel ten o título a 14 ptos, cousa que o converte no único candidato con posibilidades de discutirlle o primeiro posto a Xan, quen parte con esa vantaxe importante. De todos as maneiras, na billarda pode coincidir unha xornada magnífica dun palanador cunha actuación nefasta doutro e dar volta a clasificación. Cremos que estes son os tres palanadores que ocuparán o podio final de Conferencia, pois o cuarto clasificado, Chicho está a 18 ptos do terceiro posto.
XAN | LÚA | 174 |
DANIEL | RIN | 160 |
CHARRI | COR | 152 |
CHICHO | LÚA | 134 |
Na Categoría Feminina, Tania ten o Título moi ao seu favor, xa que avantaxa en 15 ptos a Elena González e en 20 a Adriana. Tería que facer unha proeza Elena para desbancar á de Valpaços. Non obstante, no campo de San Xulián todo é posible, tanto que unha delas non entre en ningunha carreira como que algunha delas faga 20 ptos. A variable de composición do grupo vai ser clave. Chefa, que nestes momentos está fóra do podio, aínda non renuncia a entrar no podio final.
TANIA | VAL | 80 |
ELENA | GHA | 65 |
ADRIANA | VAL | 60 |
CHEFA | COR | 54 |
Na Categoría Infantil, O Raio Verde ten na súa man converterse no Campión Infantil máis novo da historia da Liga de Billarda e pode logralo nesta vindeira xornada do sábado 17 de xullo. O de Lúa de Forza tivo máis doado demostrar o seu talento competitivo pola ausencia de Hugo nas catro últimas xornadas. Aínda así, o Xián conseguiu nestas últimas xornadas puntuacións ao alcance de persoas adultas.
XIÁN | LÚA | 74 |
HUGO | GHA | 48 |
ABEL | FEI | 37 |
MARTIÑO | COR | 34 |
Na Categoría de Equipos, pode quedar o título practicamente decidido se Corredoiras non fai máis ptos que Lúa de Forza nesta xornada de Marín. Actualmente son 68 ptos de distancia entre os dous equipos, e son moitos ptos para restar nunha xornada. Polo tanto, o equipo de Bueu debe acercarse ata os 30 ptos, isto é sacarlle 28 ptos ou máis ao equipo de Sanxenxo, se quere ter opcións reais de título na última xornada que se xogará na Estacada, feudo de Corredoiras. Ademais, Gharaboto xoga na casa e ten a Corredoiras a só 4 ptos, cousa que motivará ao equipo local para asaltar esa segunda posición. Rinoceronte debe esgotar a última oportunidade para entrar no podio e ter dereito a acudir á Fase Final do 1 de agosto. Son 42 ptos os que lle leva Gharaboto. Os números teñen a seguinte previsión, se o equipo do Corno supera a GHA na xornada de Marín en 20 ptos, deixaría unha porta para a esperanza. Así, xogaríase na última carreira da última xornada de Bueu do día 31 de xullo ese posto de finalista. Este soño está na cabeza do animal da sabana africana, pois estes animais teñen algo de idealistas e moito de surrealistas.
LÚA DE FORZA | SANXENXO | 572 |
CORREDOIRAS | BUEU | 504 |
GHARABOTO | MARÍN | 500 |
RINOCERONTE | PONTEVEDRA | 458 |
Na Categoría Equipos Femininos a cousa está que arde polo título. Todo parecía decidido para Valpaços, mais na última xornada Gharaboto recortoulle 12 ptos e agora sitúase a 32 ptos. Moita distancia, ben certo. De todos os xeitos, o potencial do equipo de Marín Feminino podería acercarse máis e deixar a decisión final para a última xornada. Todo o que sexa saír de Marín con 20 ptos de distancia daría virtualmente o título a VAL. Entón, o obxectivo de GHA debería ser acurtar as distancias en 15 ptos ou máis, cousa que está ao seu alcance.
VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO | 198 |
GHARABOTO | MARÍN | 166 |
LÚA DE FORZA | SANXENXO | 80 |
CORREDOIRAS | BUEU | 75 |
Na CONFERENCIA NOROESTE hai varias incertezas e algunha cousa decidida. Así, Na Categoría Absoluta, a loita polo título reduciuse a dous xogadores, pois Abel e Charli non participaron na xornada pasada da Coruña e perderon as opcións reais de Título. Xan e Collazo afrontan dúas xornadas de adrenalina e suspense. 2 ptos separan aos dous palanadores e cremos que ata a última carreira da última xornada estarán disputando o título. Para a terceira praza de podio, agora abríronse as portas e ventás para que varios palanadores poidan entrar. Abel mantén a praza, mais xa ten a Xulio a 2 ptos. Charli está a 10 ptos, Berdi a 11 ptos, Juancar a 13 ptos e Cotelo a 15 ptos. Todos eles van ter a súa oportunidade nestas dúas xornadas que faltan para entrar no podio.
XAN RODIÑO | LÚA | 213 |
COLLAZO | FEI | 211 |
ABEL INF | FEI | 172 |
XULIO | FEI | 170 |
CHARLY VARELA | FEI | 162 |
BERDILLO | COQ | 161 |
JUAN CARLOS | FEI | 159 |
COTELO | APB | 157 |
Na Categoría Feminina as cochiqueiras Silvia e Sonia teñen lixeira vantaxe sobre Mercedes. Así e todo, pensamos que a maior ameaza para estas palanadoras de Cerceda está en Irene e Merche, pois son palanadoras que xa demostraron en campos de 50 metros que son quen de facer ptos. O caso é que seméllanos moi difícil que en dúas xornadas Irene e Merche sexan capaces de restarlles 12 ptos e 16 ptos respectivamente. O que si vemos posible é que a terceira praza de podio poida ser para algunha destas dúas grandes palanadoras, aínda que Mercedes vai defender esa posición, se fai falta, heroicamente.
SILVIA | COQ | 60 |
SONIA | COQ | 59 |
MERCEDES | FEI | 54 |
IRENE | COQ | 48 |
MERCHE | APB | 44 |
En Categoría Infantil o título xa está decidido desde algunhas xornadas atrás. Abel Ponte revalida título. A segunda posición está moi definida, tamén. Óscar García vai ser segundo. A terceira praza de podio é a que está aberta. Ramón Glez e Lucas non participaron nas últimas xornadas, cousa que favoreceu a Dani e Aroa. Pensamos que o terceiro posto de podio vai estar entre estes dous xogadores, sempre que acudan a xogar.
ABEL PONTE | FEI | 172 |
ÓSCAR GARCÍA | COQ | 47 |
RAMÓN GLEZ | FIL | 21 |
LUCAS | FEI | 18 |
DANI | COQ | 17 |
AROA | BMU | 17 |
Na Categoría Equipos o título ten nome, Campo da Feira, aínda que matematicamente teña posibilidades CB APB. A realidade é que desde a primeira xornada ata a última o posto de líder foi para o equipo de Paiosaco. As dúas prazas de finalista están decididas tamén, só queda dirimir quen ocupará a terceira praza de podio. Cochiqueiros que foi cuarto desde o inicio do campionato situouse un pto por enriba de Filloas. Veremos se o equipo decano ten azos suficientes para resistir o empuxe da Cochica.
CAMPO DA FEIRA | PAIOSACO | 830 |
APB | A LARACHA | 674 |
COCHIQUEIROS | CERCEDA | 559 |
FILLOAS DE SANGUE | A CORUÑA | 558 |
As prazas de FASE FINAL son as que máis emoción deparan. A día de hoxe estas son as posicións quentes da xeral en todas as categorías. Con fondo en celeste as últimas prazas de finalista.
Categoría Individual Absoluta RÍAS BAIXAS
TANIA | VAL | 80 |
CAROLO | LÚA | 77 |
JUANCHI | LÚA | 76 |
GELÍN | GHA | 74 |
XIÁN INF | LÚA | 74 |
GONZALO | RIN | 74 |
JOSÉ MANUEL | RIN | 73 |
OUTEIRO | COR | 66 |
ELENA | GHA | 65 |
RICARDO LOIS | LAX | 62 |
CHO | ARM | 60 |
ADRIANA | VAL | 60 |
CHICHI | LAX | 57 |
TAXEIRO | VAL | 57 |
CRIS | RIN | 55 |
Categoría Individual Absoluta NOROESTE
OSCAR PONTE | FEI | 130 |
AÑÓN | APB | 129 |
MARC | FEI | 125 |
ROI | APB | 121 |
ENRIQUE | FEI | 121 |
ELADIO | FEI | 118 |
RIVEIRO | APB | 111 |
ABEL REGUEIRO | COQ | 111 |
LOIS FONTÁN | FIL | 108 |
MIRANDA | FIL | 106 |
IVÁN | APB | 101 |
ALBERTE | COQ | 101 |
Categoría Feminina RÍAS BAIXAS
ANA | GHA | 27 |
INÉS | GHA | 21 |
ANTÍA | GHA | 21 |
BEGO | COR | 20 |
ELENA SABARÍS | ARM | 17 |
IRENE | VAL | 16 |
MÓNICA | GHA | 14 |
LUCÍA INF | VAL | 13 |
Categoría Feminina NOROESTE
MERCEDES | FEI | 54 |
IRENE | COQ | 48 |
MERCHE | APB | 44 |
AURI | FEI | 43 |
Polo demais, a emoción e o risco forman parte dunha actividade deportiva como a billarda na que non chega con dar un bo golpe, xa que, o seguinte pode ser ou non ser outro bo golpe e cantas máis veces se acerte máis preto está o momento do fallo, que tamén existe. E o fallo non coñece de condicións, chega tanto para a líder da categoría como para a última clasificada. Entón, na billarda todo é posible, aínda semellando imposible.